Unha das "Trece estampas da traizón" de Luís Seoane |
Ás veces un ten a sensación de que xa todo está nos
libros. Mesmo aquilo que aínda non aconteceu: “… crean
con présa, con todo tipo de anacos e
recortes mal arranxados, o seu propio simbolismo e ritual, as súas propias
simboloxías e os seus credos claramente relixiosos e máxicos. Un deles convértese
na encarnación da divindade aria, o outro colócase sen vergoña os loureiros dos
antigos emperadores romanos na súa propia cabeza…” escribiu Bronislaw
Malinowsky en 1937[1].
Quen anos despois estudaría os argonautas do Pacífico[2] intuía a enfermiza poética
do colosal que agochaban os ególatras que nos anos trinta enchouparían en
sangue as terras de Europa.
Cando escribe o antropólogo, aquel xeneral mozo que se sumou á sublevación
a última hora e con garantías acadara, en poucos meses, o mando supremo. Era o
xeneralísimo. Un “dictator” que gustaba de se equiparar aos seus grandes
colegas de Berlín e Roma. Tan perverso que valoraba o seu trunfo sobre todo
pola desfeita do inimigo, ou era quen de obsesionarse, en plena batalla, con
engrandecer a milleiros de mortos para a súa propia exaltación fúnebre, cando
menos tan grandiosa como a de Keops, tan eterna como aquela. Como os señores da
guerra prometía monumentos á vitoria. Como Filipe II o Escorial por armar a de
San Quintin. Ben preto os dous.
O 1º de abril de 1940 publica o decreto de creación do
Val dos Caídos. O preámbulo non ten desperdicio: “la dimensión de nuestra
Cruzada, los heroicos sacrificios que la victoria encierra y la trascendencia
que ha tenido para el futuro de España esta epopeya (…). Es necesario que las
piedras que se levanten tengan la grandeza de los monumentos antiguos, que
desafíen al tiempo y al olvido …”. “A estos fines responde la elección de un
lugar retirado donde se levante el templo grandioso de nuestros muertos, (…) por los que cayeron en el camino de Dios y de
la Patria. Lugar perenne de peregrinación en que lo grandioso de la naturaleza
ponga un digno marco al campo en que reposen los héroes y mártires de la
Cruzada.”
Ese mesmo día, despois de presidir o desfile na
Castellana e o xantar no Palacio de
Oriente, flanqueado polas esposas dos embaixadores de Alemaña e Italia, mestres
estes emparedaban a dona Carme, subiu cos seus ata a cima do Guadarrama, ata
Cuelgamuros, e presentoulles a idea que levaba elaborando dende o inicio da
guerra. Nun ano terminaríase a cripta; en cinco remataríase a gran ofrenda aos
heroes da Cruzada. Mais a “pandereta” impúxose. Ata vinte anos despois non se
inaugurou. Quen queira saber disto pode consultar o libro do xornalista galego Daniel
Sueiro: La verdadera historia del Valle
de los Caídos.[3]
Naquela altura, 1º de abril de 1959, en Cuelgamuros ocorreu
a primeira transubstanciación. Ben saben, o que lle acontece ao pan e ao viño
que de súpeto se transforman en carne e sangue de Cristo. Xa non era “el templo
grandioso de nuestros muertos” erguido por miles de presos que en condicións
miserábeis mudaban tempo de pena por traballo, senón, segundo o decreto de
creación da “Fundación de la Santa Cruz del Valle de los Caídos”, a esta correspondíalle: “laborar por el
conocimiento e implantación de la paz entre los hombres, sobre la base de la
justicia social cristiana”.
A segunda transubstanciación consumouse en forma de
desmemoria transaccional dunha
transición controlada polos “lexítimos” herdeiros do franquismo. Mais xa
todo está nos libros. En 1993, Benedict
Anderson escribiu: “No decenio de 1930, persoas de moitas nacionalidades
foron combater na península ibérica porque a consideraban a area na que estaban
en xogo forzas e causas mundiais. Cando o duradeiro réxime de Franco construíu
o Val dos Caídos, limitou a admisión nesa sombría necrópole aos que, aos seus
ollos, morreran na loita mundial contra o bolchevismo e o ateísmo. Pero, nas
marxes do Estado, xa estaba xurdindo un “recordo” dunha Guerra Civil
“española”. Só despois da morte do hábil tirano, e a ulterior e notablemente fácil
transición á democracia burguesa -na cal desempeñou un papel decisivo- este
“recordo” volveuse oficial”[4].
A terceira transubstanciación. Premidos polas pantasmas
do nacionalismo español, católico e monárquico, que seguen a aferrollar a sociedade
hispana, un comité de expertos, ao abeiro da Lei da Memoria Histórica do
goberno Zapatero, concluíu que Cuelgamuros “era un lugar para la memoria de
víctimas y muertos de la Guerra Civil”. Vítimas sen verdugos? Ou vítimas humilladas e verdugos con honores
remexidos e co xefe destes empoleirado, como un Papa, ante o altar maior da
basílica?.
Algúns tumores destrutivos permanecen activos na sociedade española cando corenta anos
despois, a retirada dos restos do “caudillo verdugo” provoca tensións. Ou será,
xustamente, polas catro décadas de atraso? Ou será unha prevención ante a
ferida de Meirás? A deslexitimación social do franquismo posibilita a revisión
de centos e centos de roubos de propiedades e capitais. E iso aféctalle ás elites
xestadas no franquismo, sexa cal sexa a súa cor actual e, como non, ao seu
herdeiro legal máis directo: o réxime monárquico.
·
Publicado en A
Nova Peneira, setembro 2018
[1] Citado por David Cannadine en Contexto,
representación y significación del ritual: la monarquía británica y la
“invención de la tradición” en La invención de la tradición en E. Hobsbawn e T.
Ranger (editores). Crítica, 2002
[2] Malinowsky, B.: Los argonautas del Pacífico Occidental.
Ediciones Península.
[3] Sedmay, Madrid, 1976. Pódese consultar en http://www.maalla.es/Libros/La%20verdadera%20historia%20del%20Valle%20de%20los%20Caidos.pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario