domingo, setembro 16, 2018

Tambores ao lonxe*


Como o grave son dos tambores na cacería de leóns ou o agudo cornetín do sétimo de cabalería, como as gaitas grileiras premidas por rufos varóns con saias de tartán ou peitos enchidos de cantos patrióticos nun desfile de nacións vitoriosas, anúnciansenos diversas batallas nas frontes electorais.

O panorama non é de sosego. Dez anos despois de Lehman Brothers e a  derruba do castelo de naipes; unha década na que pasamos de moquearnos dos “mileuristas” a considerar que setecentos euros e dez horas de xornada non está nada mal; unha ducia de anos despois de “cepillarse” o estatuto referendado pola sociedade catalá, a tensión non  acougou, nin semella que o vaia facer de inmediato. Non é o escenario máis aquelado para o exercicio da racionalidade democrática.

O período “rajoniano” da Segunda Restauración deixou o réxime coas vergonzas ao ar. Eran, son, moitas as porcalladas; exhibiu a podremia sobre a que se ergueu a forza da dereita, lexítima herdeira do franquismo; incendiou Cataluña; espantou a extrema dereita e, como sempre, o nacionalismo español, monárquico, católico e conservador enrábiase cando perde un chisco dun poder que considera lle pertence por dereito divino e consuetudinario. Aínda que sexa unha perda temporal e, ao fin de contas, deixarllo ao nacionalismo español progresista que semella permanentemente incapaz de afastarse da cerna monárquica-católica-imperial que constitúe a súa esencia e o incapacita para un mínimo respecto polos dereitos das outras nacións do Estado.

É posíbel que as escaramuzas comecen polo sur por mor da disputa entre as faccións da dereita lideradas por dous mozos de perfís físicos, e non só, joseantonianos, o morbo de ollar como a conspiradora se agarra da levita de quen quixo ver cadáver e a incógnita dunha esquerda plural que pretende abandonar o secundario rol de conciencia.

No terceiro domingo de maio as espadas bateranse con intensidade, concello a concello, deputación a deputación, onde as haxa, e nas autonomías regaladas  da España “strictu senso” como diría un amigo meu. Se chegamos a esa altura sen ningún adianto polo medio o resultado global de milleiros de batallas parciais preséntase incerto.

A este escenario incorpórase Cataluña cos seus trespés independentistas nun estado de paciencia mobilizadora asombrosa, na que as provocacións violentas irán en aumento nun marco de elevada tensión. O Supremo pensa encetar o xuízo oral neste próximo outubro polo que a sentenza debería estar ditada antes de que remate o ano. Se hai condena, por rebelión ou por sedición, ou se retoma a vía política que Rajoy e o PP, Cidadáns e o Rei bloquearon ou haberá que agardar a Estrasburgo e serán moitos anos tanto para manter a dirixentes democráticos no cárcere como para que os seus abondosos apoios sigan a facer gala dun “seny” tan extraordinario.

En calquera caso as municipais de maio terán en Cataluña un desenvolvemento e unha lectura de resultados ben diferentes aos do resto do Estado. No País Vasco , oculto tras o velo mediático catalán, semella que a iniciativa política da nación irá recuperando o pulso de hai anos ao ritmo que a paz se asente. Onde non se agardan moitas mudanzas é entre nós; nin sequera se espera un fraccionamento substancial da dereita.

En desenvolvemento continuo aínda que en datas diferentes: as “europeas”. Nunha Europa insolvente como proxecto político, frustrada como potencia económica tras unha década  austericida, relegada polas potencias emerxidas e seriamente ameazada pola política do “sálvese o que poida” que expande a xenofobia e o chauvinismo das nacións-estado como un andazo envelenado. Nestas un panorama similar: a excepcionalidade catalá e, con menos intensidade, a vasca, a disputa entre o duopolio dereitista por ver quen apaña os votos do ascendente patriotismo “rojigualda” e da aparofobia, isto é, o odio aos que son aínda máis pobres ca ti. Onde non se agardan moitas mudanzas é entre nós.

Sobre o papel, a mediados do 2020 eleccións galegas e ao congreso; tamén vascas. Aínda que a entente Sánchez- Iglesias, co permiso dos catalanistas, tente prolongar ata o remate a lexislatura. Non estará moi claro ata os primeiros meses do ano que ven, cando pretendan aprobar os orzamentos. Todos teñen interese en que a lexislatura conclúa: ERC e PdeCat porque é a única posibilidade de diálogo; Sánchez para ocupar espazo central; Iglesias para axeitarse ao exercicio do poder e sobre todo para que a dereita se desangre na disputa polo espazo de irritación patriótico-español. Polo de agora non é desbotable que entre maio e xuño nos enleemos para escoller a papeleta. Se chegamos a 2020 co programa previsto, tampouco se agardan moitas mudanzas entre nós.

É unha triste e pertinaz realidade, da que son responsables as elites políticas, non a cidadanía. Uns dirixentes  degorados por ollar para o centro peninsular e soñando con coller o avión de regreso o venres. É a nosa pauliña, os que mandan queren facelo en Madrid, aquí sábelles a pouco. Aínda non hai moito unha deputada abandonou o parlamento galego cando deu argallado para ir a Madrid, que é máis importante. O presidente segue mirando de esguello con ollos remelados para a rúa Génova: o de Casado non pinta moi ben e o abandono de Santamaría pode triturar dossiers. Pola outra banda agardan efecto Sánchez ou santificación papal a xeito de espiritual chío. O resto ou é ensimesmamento ou é indecisión.

A política ten moito de escenificación pero o público sabe ben, como cando vai ao teatro, que o que alí se representa non é a realidade. Aínda que uns a representen de xeito máis crible que outros.  Por moito que poñan os papeis todo o mundo entende que o BNG é un partido e “mutatis mutandis” por outro tanto que teñan escrito todos sabemos que En Marea é unha coalición e non un partido, aínda que haxa moita xente que desexe isto último. Así que ambos deberían mellorar a súa capacidade de representación, tomar as cousas en serio e deixar os papeliños á parte. Un proxecto galeguista progresista é posíbel, se queren ensimesmados e indecisos. Non só é posíbel, senón preciso, urxente, agardado e reclamado. Nas súas mans está. Logo que non se queixen da xente. Xa poden ir ensaiando antes de 2020!

·        Publicado en Novas do Eixo Atlántico, setembro 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario