xoves, setembro 13, 2018

En San Pedro de Rochas*



As pedras furadas, húmidas e sombrizas de San Pedro de Rochas, transmiten séculos. As covas antropomorfas reiteradamente ocupadas polo po no que nos seguimos revertendo desacougan cun súpeto remuíño. Seica unha placa, considerada fundacional, cita o ano 573. Miro sería o rei do Gallaecium Regnum.


É un dos templos cristiáns máis antigos. Tres naves escavadas. Na central, un oco permite a entrada de luz. O primitivo mosteiro seica ficou deserto coas invasións musulmás ata que, segundo a lenda, un nobre chamado Gemondus, a finais do século IX,  descobre aquela paraxe e  retírase a facer vida de penitencia. Logo vaise creando a nova comunidade.

Nunha parede da capela da esquerda, onde se entende que está o sepulcro do lendario nobre restaurador do cenobio, consérvanse restos dunha pintura ao fresco, datada entre 1175 e 1200, na que se amosan figuras dos apóstolos nun mapamundi que os expertos identifican co reproducido  no Beato de Osma, datado en 1086, e quizais confeccionado no mosteiro leonés de Sahagún. Na realidade o mapa é unha carta da diáspora apostólica que indica os lugares onde predicou cada apóstolo.

Se é o de Osma realizouse nos  inestábeis tempos das disputas monárquicas entre irmáns: García, Sancho e Afonso que co ordinal de VI reinaría  en Galicia, León Castela e Toledo dende 1073 ata 1085. Se as datas do mural de San Pedro de Rochas son as que dixemos estariamos nos últimos anos do reinado de Fernando II (1157-1188) ou nos primeiros anos de Afonso VIII, o que na historiografía española ordenan como IX, (1188-1230).


O mapamundi é unha representación esquemática do mundo na que o tamaño do representado indica a importancia do mesmo. Trátase dun circulo, rodeado polo río Océano no que o Mediterráneo ocupa o centro vertical do mesmo, máis ben ovalado no debuxo, facendo a barra vertical dunha especie de T. O Nilo e o Ponto Euxino, debuxan a barra transversal da T.

No centro iconográfico está Xerusalén e o Mar Vermello separa o mundo coñecido do descoñecido, o África. O esparexemento dos apóstolos represéntanse cun debuxo da cabeza dos mesmos cos lugares de referencia. Só en dous casos non se recorre a esta iconografía, no de san Pedro e no de Santiago. Ambos se representan dentro dun edificio con torres: Roma e Compostela, sendo evidente o maior tamaño desta última que indica a maior relevancia da mesma, no momento da súa consolidación e expansión como cabeza do mundo cristián e remate do camiño francés.

Na banda esquerda está Europa. A península Ibérica ocupa a franxa inferior, sinalada por unha contundente liña vermella que representa os Perineos. Na representación, o espazo central, que ocupa a maior parte, está ocupado por Gallecia, co enorme edificio da catedral compostelá e o rostro do apóstolo. Por riba un enorme Faro (A Coruña) e por tras Asturias. O espazo está delimitado polo leste polo curso de dous ríos: Miño e Douro.

Despois un territorio, Spania, onde está un edificio de moita menor dimensión que corresponde a Toletum e a referencia a Terragona, Carthagine? e Olisbona.

O mapa representa a visón xeopolítica do reino cristián do norte construído arredor do culto a Santiago e do camiño que nos relaciona con Europa e do papel de primacía da Sé Compostelá sobre Toledo, a capital do desaparecido reino visigodo no que os futuros reis de Castela procurarán a “inventio” da lexitimidade.

Aínda na actualidade, con técnicas de representación perfectas, seguimos a facer trampas nos mapas, e Europa, esaxerada en extensión, representa o poder central da súa cultura, mentres seguimos reducindo as dimensións da marxinal África, por poñer un exemplo.

·        Publicado en Novas do Eixo Atlántico (NEA), setembro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario