domingo, setembro 23, 2018

No meu arquivo. As ilusións



E o que pasa cando tes mochila, isto é, anos. Ás veces, antes,  batías, de súpeto, con vellos papeis, agora, ao remexer, achas antigos arquivos de word que non se poñen amarelos polo tempo pero que retrotraen á nostalxia das ilusións incumpridas. O malo non está en ter ansias senón en que estas se quebranten. Déixovos o que escribín e publiquei en novembro de 2005. Os anhelos, como o dinosauro, seguen aí.

2006

O ano que pronto vai chegar faino enchido de expectativas, ilusións e iniciativas..., agardemos que teñan todas elas un bo remate e que sexa farturento en satisfaccións, aínda que non sexan todas, e non en frustracións, aínda que haxa algunha.

En dous grandes grupos axúntanse as miñas ilusións e, a ben seguro, as doutras moitas persoas. A primeira irá e virá na ponte aérea entre Madrid e Barcelona. Moito nos vai nela aos que pensamos que as pequenas nacións e as súas culturas teñen dereito a un lugar ao sol. Que a xeira que iniciou hai uns días no Congreso dos Deputados o novo Estatuto de Cataluña remate sen mingua substancial do texto orixinal será sinal de que ao fin deixamos atrás a tutela ideolóxica do franquismo e do abafante centralismo no que se sustentaron as dúas grandes tendencias políticas que hexemonizaron o poder político na España contemporánea. Cuestión esta na que foron sempre coincidentes progresistas, máis ou menos liberais, e conservadores, máis ou menos reaccionarios.

Por primeira vez en douscentos anos, un partido de vocación española pode abrir as portas a unha ampla autonomía querida e desexada por unha nación. Por primeira vez en douscentos anos o goberno de España está aberto a admitir o status político especial a que ten dereito unha nación. Sexa cal sexa o resultado final o proceso iniciado ten un valor político transcendental. É por iso que non podo menos que expresar a miña consideración ao goberno actual e dun xeito especial ao seu presidente Rodríguez Zapatero. Se o Estatuto catalán chega a bo porto e non se converte nunha auga chirle tipo “café para todos” estariamos clausurando unha transición ata o de hoxe incompleta. Daquela, moitos nacionalistas galegos, vascos e cataláns comezariamos a toparnos cómodos neste estado das nosas angustias e desvelos. Logo debería ir tamén o noso, aínda que neste caso e coma sempre teremos que agardar polas incertezas e miserias das disputas de poder no partido da oposición.

O segundo maciño de ilusións vai cos proxectos gobernamentais de recuperación da memoria histórica. Cumpriranse setenta anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia pero tamén da chegada de Atila a Galicia. Catro décadas de silencio franquista e practicamente tres de amnesia fraguista. Teremos que recuperar o tempo perdido neste fatal esquecemento da historia. Os dereitos políticos de Galicia non é unha “inventio” dos últimos anos como pensan en moitos núcleos do conservadorismo españolista, houbo un Estatuto aprobado hai setenta anos que a sublevación militar chapodou. Mais tamén persoas que empurraron o seu para que o Estatuto de Galicia nacese, entre eles, e sobre todos eles, Lois Tobío e Ricardo Carballo Calero que en maio de 1931 presentaron o Anteproxecto de Estatuto  por eles redactado. Na comisión daquel anteproxecto encargado polo Seminario de Estudos Galegos participaran tamén Paz Andrade, Bóveda e Risco. De Tobío celebrarase en 2006 o centenario do seu nacemento. Sobre Carballo Calero hai un pesado silencio oficial. Que boa data este 2006 para que a Real Academia Galega lle dedicase o Días das Letras Galegas! Non vai ser así e será outra inxustiza miserenta. Dicíame hai uns días o máis importante traballador do galeguismo cultural e político vivo, cando moitos dos que se opoñen a concederlle o Días das Letras a Carballo Calero aínda non naceran,  xa el tiña feito máis por Galicia que fixeron todos eles no resto da súa vida.

Coa memoria hai que recuperar os nomes e as traxedias que provocou a chegada de Atila. Neste labor impulsado dende a Consellería de Cultura debería implicarse a tantas veces gabada e tan escasamente presente “sociedade civil”. A recuperación da memoria é labor das entidades culturais, dos sindicatos, dos centros de investigación, das universidades, dos historiadores, dos artistas... e tamén do goberno.

Que en 2006 as miñas-vosas ilusións  se cumpran.

A Peneira
1ª quincena de novembro de 2005





Ningún comentario:

Publicar un comentario