sábado, febreiro 10, 2018

Polo San Brais

Foto: Valmiñor tv.
Durante moitos anos, cando lle correspondía ao centro educativo sinalar no calendario escolar, non sei moi ben por que, dous días non lectivos,  un compañeiro do claustro, respondendo á lóxica ancestral, propoñía que un deles fose o de San Brais. Argüía que o instituto coñecíase popularmente como as Escolas de Mañufe e sendo este santo de fervorosa devoción parroquiana e sandador dos males da gorxa que tanto nos afectaban aos ensinantes, e como ademais o alumnado “mañufe” e os seus circunstanciais aliados non ían vir a clase, non había escusa. Durante un cuarto de século mantivo, claustro tras claustro, a demanda festeira para o 3 de febreiro. Nunca lle fixeron caso; mais non por iso renunciou á  súa proposta, apoiada cada ano por tres ou catro votos irreverentes.

O poder sempre remata por impoñerse. Non sei onde, nin por que, pero alguén decidiu que a liña fronteiriza, a raia divisoria, o risco definitivo trazado sobre o papel, tal cal os repartidores do África en Berlín ou os aliados vencedores en Versalles, pasaba por alí, xusto, polo pétreo valado, e as escolas deixaban de ser Mañufe e pasaban a ser Vilariño, isto é, de San Pedro. En consecuencia non eran de Gondomar senón de Nigrán. Como se iso lle importase a alguén.

Foto: Valmiñor tv.
Ao entusiasmo do meu compañeiro e,porén, amigo, Fernando Rei, tampouco lle axudaba o carácter suplente de San Brais. Aínda que fose un de luxo, deses que os adestradores sacan cando van perdendo. O titular é San Vicente. Cómpre ter en consideración que este factor ten pouca relevancia en Mañufe pois celebran o que se lle poña por diante, tanto lles teñen os citados como o San Sebastián ou o Santo André ou mesmo argallar outro día para xuntar os catro e ter outra xornada festeira que sumar ás extraparroquiais que tampouco perden ningunha.

Mais o poder sempre se impón. Agora  o San Brais famoso é o de Bembrive, catalogado como a festividade viguesa do inverno, nun arremedo a aires de furancho masivo e cantares tabernarios de quen berre máis. Un San Brais no que as masas populares toman por asalto baixos, garaxes e o que sexa co fin de baleirar pipos de viño novo e evitar que se estraguen os restos da matanza. Nesta usurpación do rural e tradicional pola masificación periurbana, nesta concesión urbana a un día da ruralidade do Fragoso, desempeñou papel de primeira orde o Faro de Vigo cos seus tipismos de xerros, gaitas, cuncas e cantores de pano ao pescozo.

O certo é que Bembrive reborda de xente  desexosa de viño da casa e chourizos mentres Mañufe fica coa fidelidade relixiosa ao bispo, mártir de vida milagrosa ben coñecida que,  entre os seus atributos, ten ao seu cargo os males da gorxa, os de atragoarse ao xantar coas perigosas  espiñas do peixe, os ósos de polo ou do coello ou, os moi lambóns, coas talladas excesivas. Mais tamén se lle encomenda a protección das  cordas vocais para contar e cantar; así que os ensinantes e as voces  dos magníficos coros miñoráns non teñen escusa para non acudir ao seu día. Non digo que teñan que levarlle ofrendas de cera ao santo cuberto de mitra, co báculo nunha man e coa outra dándolle unhas fregas á gorxa; só que aproveiten, porque a súa protección chega a quen del se acorda sexa nos oficios ou nos manxares; así que manducar callos, cocido, e rosquillas con viño novo tamén serve para conseguir a protección do santo.

Ora ben, se prefiren o sosego da amizade e a distinción da tradición, vaian ao de Mañufe que para algo o recuperaron da capela do Pazo de Moldes ou Pousa de San Brais, couto antigo, di Espinosa Rodríguez no seu Casas y Cosas..., fundado polos Suárez de Deza e que pasou de apelido en apelido das familias acostumadas a vivir do traballo dos demais: Correa, Soutomaior, Mendoza, Sarmiento...  Vizcondes, condesas e marquesas foron os seus propietarios. Naquela capela, nun tempo reconvertida en churrasqueira, hoxe devolta ao seu ser, residiu o San Brais escoitando o permanente borboriñar das augas que corren en terreo farturento. Hoxe acouga na igrexa de San Vicente.

Pero San Brais anúncianos que imos fuxindo do inverno e polo seu día xa temos “hora e media máis”, os máis optimistas lévanas ata “dúas horas máis”. O caso é que alí no horizonte cheira a primavera.

Como todos os anos fomos papar os callos no Pazo da Escola, casa de fundación eclesiástica e  longa tradición sacerdotal; mesmo xantamos, como sempre, achegados á  curia miñorá que este ano nos sorprendeu con novos integrantes vestidos aos xeitos da mocidade contemporánea. En amigable compaña manducamos uns callos ao xeito miñorán, isto é, con abondoso e variado compango cárnico, e por riba baixámoslle unha cunquiña de viño tinto quente, mesturado con albariño, azucre,  froitas e outras cousas que a Lola non quere descubrir. O viño repousou  o xantar e agardemos que protexa a gorxa para o que fica de inverno e a poder ser para todo o ano.

Domingo, 4 de febreiro de 2018


xoves, febreiro 08, 2018

Perspectiva de fin de ciclo 2

L. Seoane: Retablo. 1973-1977
En política, hai ocasións  en que debes estar no bando correcto e perder.
J. K. Galbraith
Seis anos despois, dúas lexislaturas feijonianas, trinta e cinco anos de autonomía, trinta gobernados pola chaqueta revirada do franquismo sociolóxico...  cun estatuto herdado do PG que Castelao  acadou “in extremis” e subsidiario do  “apaciguamento” de Cataluña e o País Vasco. Todo un ciclo histórico longo transcorrido...  e que temos?

Temos un territorio desartellado, descompensado, coa xente agrupada entre a dorsal de Don Ramón e o mar de Manuel Antonio; un interior despoboado, fatalmente avellentado, coas pensións máis miserables de España e recortadas polos austericidas; socialmente descrido, emocionalmente estragado, sen confianza, nin esperanza, agardando o exterminio coa oposición de Ses e os mozos e mozas resistentes e maltratados. Recuperamos, iso si, a nosa tradición emigrante para que se nos escape como a area entre os dedos  a mocidade mellor formada que tivemos nunca, cansa de resistir; unhas elites provincianas; uns medios de comunicación entusiastas do etnocidio  cultural e lingüístico. Un proxecto de país que non vai máis alá dun parque temático turístico e dúas plantas de montaxe e distribución. Un sálvese o que poida na mellor tradición da enrrabiante acusación de individualismo.

Alguén está disposto a opoñerse ao exterminio máis alá de brincar nun concerto ou laiarse coas amizades? Aínda é posíbel ? Pódese intentar?

É evidente que, se compartimos a basta descrición das liñas anteriores, non hai moita marxe de manobra. É evidente que se non somos quen de reagrupar forzas e ordenar obxectivos  haberá moitas menos posibilidade. É evidente que sen un grande esforzo de xenerosidade e comprensión non é factible un agrupamento popular. É evidente que sen esta unidade precisa non é realizábel un programa alternativo, fóra de calquera caste de grandilocuencia, de salvación democrática, nacional e popular, sen que a orde minimice o valor de cada termo.

Hobsbawm ten escrito sobre a “insólita alianza” entre o comunismo e o capitalismo liberal que puxo fin ao fascismo nos anos corenta do outro século; pode semellar tamén insólita a alianza entre as esquerdas, nacionalistas ou non, pero é evidente que é moito máis doada, aínda que quizais moita xente non a vexa urxente; daquela a ver se temos un ollo de vidro como o que lle puxo Castelao ao seu esqueleto para pasear polo cemiterio.

Os resultados dos acordos políticos dependen, en moitas ocasións, de dous factores: a vontade de realizalos e a empatía entre as persoas realizadoras. A vontade non está en correlación coa dificultade. Hai acordos insólitos e outros imposibilitados por miudezas.

Permitan unha reflexión prepositiva de observador á marxe. Cáles serían as actitudes facilitadoras do insólito acordo entre un mundo difuso e outro disciplinado? Por unha banda, semella imprescindible  o respecto á autoorganización, isto é, que quen resolva e decida sexa a cidadanía participando sen dependencia de estruturas foráneas e con liderados propios, non subsidiados. Pola outra, a renuncia ao exclusivismo, o respecto por outras perspectivas, a posibilidade de matiz. Se queren, en plan basto, que se manteña o equilibrio entre o “patriotismo español” e o “patriotismo de partido”.

E logo está a empatía. Ai a empatía! Cousa difícil de entender. A consolidación da remuda xeracional pode facilitala, se conta coa precisa colaboración das persoas boureadas por vellas antipatías.

Hai por diante unha certa marxe temporal pero tamén recomposicións políticas, elementos facilitadores e procesos diverxentes.

As municipais do ano vindeiro serán un primeiro chanzo  no tratamento da  urxencia. Por unha banda facilítao, porque  as estruturas partidarias teñen menos peso, pola outra as anti-empatías poden dificultar un acordo tan simple como non meterlle o dedo no ollo ao do lado, un discreto pacto de non agresión, un xesto de distensión alí onde sexa posíbel, por exemplo fóra das cidades, onde as bases activas poden asentar a unidade popular, ás veces aprendendo a perder. Nestas eleccións é cando as voces que se laian da ausencia de unidade teñen que facerse ouvir, a xeito de rebelión das persoas activas para facilitar acordos posteriores.

Dous meses despois das municipais haberá eleccións europeas. Non se pode descartar que se convoquen xerais nese mesmo ano ou mesmo antes. Despois as galegas.

Hai ganas de propoñer algo?

Sabado, 3 de febreiro de 2018


Perspectiva de fin de ciclo 1

L. Seoane: Paisaxe, 1979

… todas as pitonisas están mortas, como é sabido.
J.P. Sartre, As palabras

É teima dos historiadores parcelar o tempo histórico; pode ter utilidades didácticas mais non semella moi  practico para os que viven o momento político, aínda non histórico. O risco de aventurar só o poden correr os que pretendan intervir na ágora, no debate, e queiran formular propostas alternativas, de mudanza, incompatibles coa mera xestión da realidade. O risco de ser unha inexistente pitonisa pódese asumir se prefires a derrota á incongruencia persoal.

Hai agora un lustro o agrupamento da esquerda galega esparexíase en anacos  por ausencia de perspectiva, por incomprensións manifestas e/ou teimosas rixideces. Un ciclo curto (2012-2018), seis anos nos que a esquerda non foi eficaz para defender as maiorías sociais que pretende representar e sufriron, e sofren,  unha longa década de latrocinio acochado baixo a cínica denominación de “crise”. Nuns casos por falta de reflexos, noutros por precipitacións entusiastas; nos dous por predeterminacións  das elites preocupadas por conservar o que teñen amarrado.

Aquela forza indignada que ocupara as prazas en maio de 2011 foise esboroando. Tras a derrota grega en 2015 e a perspectiva dun trato similar a quen ousase postular alternativas á troika e a ferocidade da  UE no abandono das formas democráticas, aseguraron o voto da dereita fraccionándoo entre conservadores e dereita extrema, arrastraron as bases laboristas a apoiar o brexit e trouxéronnos a Trump entre as risadas de coello de Putin. 

Por dúas veces deixouse gobernar a Rajoy, á personificación do latrocinio; foise incapaz de apartar a Feijoo e o seu proxecto de exterminio;  só as clases medias e populares catalás foron quen de  manter un pulso de transformación  do estado que nalgún momento terán que relaxar para recuperar folgos. Ninguén ollou para a alternativa-Lisboa.

Un novo  ciclo semella aberto, coa “crise”  asentada sen horizonte de mudanza;  a xenofobia e o autoritarismo estendéndose por Europa e impoñéndose en España con permanentes recortes de liberdades que chega ao extremo de encarcerar dirixentes políticos e sociais, obrigalos a autoexilarse para evitar a prisión ou procesar a  rapeiros. A dereita fracciónase a fin de non perder votos entre o partido da corrupción e o emerxente para engaiolar a  xente máis afastada da cultura caciquil herdada do franquismo e reagrupar a  extrema dereita baixo o paraugas do españolismo. Mentres, tras o amago de sublevación no PSOE, os que mandan puxéronlle sordina ao sorprendido Sánchez que ficou en silencio agardando o esmiuzado de Unidos-Podemos, prendido na trapela da España plurinacional e do medo ás bandeiras colgadas dos balcóns na España profunda e nas capitais da corrupción.

Todo nun marco internacional cada vez máis tenso polo estado de guerra permanente co mundo islámico, as bravatas imperiais, a consolidación da potencia chinesa, a recuperación rusa e a definitiva perda de peso político e económico da UE. Todo nun ambiente de cansazo entre os sectores populares frustrados por tanto desatino e perdidas moitas  esperanzas. Todo nunha España  infestada pola couza da corrupción, cun goberno que non dá aprobado os orzamentos nin resolto o “desafío catalán”, e cun ano por medio antes das eleccións municipais, europeas e, dependendo dos orzamentos e da disputa entre PP e Cs polo espazo da dereita, quen sabe si xerais.

Alguén ten algo que propoñer?


Venres, 2 de febreiro de 2018

domingo, febreiro 04, 2018

A pipa ausente

Chegaba remexéndoa entre o polgar e o índice. Coas puntas dos dedos artesáns enzoufados nun algo indistinguible entre gris cinza e tinta negra. Pegáballe unhas pitadas e deixábaa descansar antes de poñer un sorriso torto, entre irónico e cínico, entre provocador e borde, entre apocalíptico e integrado, entre rebelde e “ bon vivant”, camiñando escorado, abaneando as  cada vez máis escasas guedellas para sentar como afundíndose dentro de si mesmo. Mais hoxe non chegou. Sobre a mesa redonda do primeiro xoves de mes pairaba a súa ausencia e a da pipa sen fume.

A verdadeira personalidade seica se desvela ante a morte. Ante a anunciada, programada, sabida. Inda máis cando é inxustamente precipitada. Sei  de quen culpa os que fican, amargándoos co seu sufrimento e a súa desconsideración; de quen se resiste á  condición biolóxica, e non a admite; mesmo sei do que  fantasía con ser quen de agardar ata que o acelerado avance tecnolóxico nos achegue máis á inmortalidade. Atopeino uns días antes, saudeino e acenoume co xesto de compresión que acostumaba, regañando as cellas e turrando delas atè a metade da fronte; “éche o que hai”, respondeu. Sei ben, porque mo contou quen o acompañou nos seus últimos, días que nin un laio, nin un reproche, nin un xesto de pesar, camiñando coa mesma dignidade que o facía sempre, ben como un discreto personaxe da rúa ou protagonista na mesa compartida.

Ficamos sen saber cal fora o último peixe que mercara na praza de Gondomar e como o prepara para deleite dos convidados; das descubertas culinarias; dos partidos de tenis que acaba de ver; do último restaurante que lle gustara, sempre por debaixo daquela casiña na beira da estrada en Rionegro del Puente,  Zamora. Para el, o que coñecía, sempre era o mellor, e desbordaba o seu relato con entusiasmo, como cando falaba da arte que lle gustaba, coa rapidez e radicalidade de quen matinou  moito e ben sobre o que di. Ou o comentario, na porta, entre volutas de fume sobre barbies e sosegos amorosos.

Cor intensa, vívida, contundente liña expresiva, dende a fiestra de Morgade, evitando calquera tentación de figura, gravada coa técnica enxertada nos dedos sabios e o acougo da cachimba entre os beizos.

Que a terra che sexa leve e a memoria longa como a túa arte.

Xoves, 1 de febreiro de 2018







Outras retoponimizacións

En varios retallos téñome referido a diversas mudanzas no nome de cidades ou vilas, polo que poderiamos chamar “exceso de historia”´. Hai uns días referiámonos a San Petersburgo ou Istambul. Tamén podería ser este o caso da cidade de Tsaristsyn, onde se xuntan o río Tsaritsa e o Volga; así denominada durante catrocentos anos,
Seica o nome de río, e da cidade, provén do tártaro; de “sary su” que se podería traducir como “auga amarela”. Debía ser a a súa cor natural; aínda que pola historia acaeríalle mellor "auga vermella”. As matarifadas que se fixeron nas súas beiras foron tamén excesivas.

A primeira de soa foi baixo o reinado do segundo dos Romanov, Aleixo I, cando se “fixou” aos servos á terra, permitiuse a súa persecución durante 15 anos e autorizouse a súa venda ou cesión. Os motíns estendéronse por todas as Rusias, pero esta area foi o centro da revolta encabezada por Stiepán Razin, quen proclamou a República cosaca e aboliu a escravitude. Entre cosacos e boiardos tinguiron de vermello os dous ríos. Cento e pico de anos despois (1773) os cosacos do Don volvéronse erguer contra o imperio, agora encabezado por Catarina A Grande e o sangue volveu empapar a terra.

Cento e poucos anos máis tarde os exércitos de cores asolaron as terras chás entre Don e Volga. O negro dos anarco-comunistas; o branco da aristocracia, menxeviques e outros; o verde dos campesiños e aliados e o vermello dos bolxeviques. A terrible guerra civil endureceu os corazóns e a cidade mudou de nome para homenaxear o conquistador da cidade, Stalin.

Non tiveron moito tempo para reconstruíla. Neste enclave estratéxico concentráronse as forzas do exercito vermello para deter o avance das tropas alemás, italianas e romanesas. A batalla de Stalingrado pasa por ser unha das máis terribles e prolongadas da historia, iniciouse o 21 de agosto de 1942 e rematou o 2 de febreiro de 1943. O 90% da cidade eran ruínas, sobre dous millóns de mortos ficaron na “cidade heroica”. O 29 de novembro de 1943  Winston Churchill, en presenza de Franklin D. Roosevelt, fíxolle entrega a Stalin da longa espada gravada e engalanada de xoias que o rei Xurxo VI mandou forxar en homenaxe aos defensores da cidade, entre os que acadou sona o francotirador Vasili Záitsev que Jude Law popularizou no filme de Jean-Jacques Annaud, Enemy at the Gates.

Os libros de historia, a literatura, o cine, os videos-xogos manteñen vivo o nome de Stalingrado, aínda que só se denominou así entre 1925 e 1961. Tras a desestalinización trocáronlle o nome polo de Volvogrado, a cidade do Volga. Durante os anos oitenta do pasado século houbo certos intentos de retornar ao nome heroico; mesmo na actualidade hai un ruxe-ruxe fundado en que polo mundo adiante a xente sabe ben onde é Stalingrado, pero non tanto que a cidade presidida pola estatua da Nai-Patria se chame Volvogrado.

O que non deixou foi de azoutala o vento da guerra en forma de atentados suicidas en 2013.

Mércores, 31 de xaneiro de 2018



Espíritos aflixidos


V. van Gogh: Vieil Homme triste (-) Debuxo con lapis negro, lavado e acuarela, 1882
 Kröller-Müller Museum, Otterlo (Países Baixos)
A verdade é que non me decatara da miña etérea situación ata que esta tarde lin, nun xornal, que: “El nacionalismo es un estado de espíritu, no es una doctrina política, y no hay forma de combatirlo, ni vencerlo, así que tenemos que aprender a convivir”. Esta comprensiva afirmación seica a deitou un xornalista, da banda esquerda do réxime do 78, Fernando Jáuregui, na presentación do seu último libro.  Lembroume outra moi semellante de Rodríguez Zapatero, cando aínda non chegara a presidente do goberno de España, con ñ e cella regañada, cando afirmara: “el nacionalismo no es una ideología, si acaso un sentimiento de aflicción”.

Así que nin ideoloxía, nin doutrina política. O nacionalismo, enténdase, dos pequenos xa que o dos estados é o “normal”, fica nun asunto de orde imprecisa, anímica, fútil, pouco significativo, doloroso, molesto, que causa sufrimento, vamos como un herpes, un gran infectado, unha fístula anal, algo irremediable. Dixo Ortega: “Cuando alguien es una pura herida, curarle es matarle”; se non queremos facelo temos que tratalo como unha ferida que temos que soportar, comprender, que cómpre “conllevar”, segundo a máxima orteguiana, aínda que sexa “dolidamente” (coido que a don José quería saírlle outro adxectivo, mais o seu alto sentido da mesura, impediullo). A esquerda misericordiosa segue interpretando a cuestión das nacións negadas, en España e no mundo occidental, como un asunto de paciencia, de evitar os exabruptos da dereita, de caridade franciscana, de benaventuranza cristiá cos pobres de espírito, os mansos, os aflixidos, os que buscan a paz, os perseguidos por causa da xustiza, os inxuriados, os perseguidos... etc.

Foi un “estado do espírito”, un “sentimento de aflición” o que deu azos á revolución norteamericana, aos independentismos latinoamericanos, aos movementos emancipadores ou unificadores da Europa do XIX, aos de liberación nacional previos e posteriores á  2ª Guerra Mundial. En 1906 había 26 estados independentes en Europa; en 1945, eran 34; na actualidade 46, ou 47 se contamos a Turquía. Os cambios entre 1991 e 1993 afectaron ao oriente de Europa. Ficaron sen resolver as cuestións nacionais na banda occidental: Escocia, Irlanda do Norte, Cataluña, Córsega, Flandres, País Vasco... están feridas por sentimentos de aflición, termo este que pertence ao campo semántico de dor, tristura, pena... froito do desengano ou da adversidade.

É posible que moitos nacionalismo sexan froito do desengano, da incomprensión; pero case sempre son o resultado da rebelión fronte á  dominación exercida polo que está seguro de si mesmo, polo nacionalismo excedente de quen coida que o seu é “normal” e o dos outros un trastorno sentimental, unha febre romántica...

Causa inquedanza que un século despois o nacionalismo liberal español, o republicanismo político, a esquerda, tanto a beneficiada polo réxime do 78 como a que di estar en contra do mesmo, non fosen quen de construír un relato de España que supere o  de Ortega y Gasset con melifluas referencia a cuestións “identitarias” ou graciosos xogos de palabras como “nación de nacións”.

Todos, como Luís XVI, sabemos de que falamos: de soberanía. O rei francés preguntou, pero quen manda aquí?; a asemblea respondeu: o pobo soberano. Diso falamos. Ben sabemos que no mundo actual esta ten que ser compartida, mais a cuestión é que parte ten cada un. En fin unha espiritual aflición.


Martes, 30 de xaneiro de 2018

xoves, febreiro 01, 2018

Toponimia e memoria histórica

Entre nós a estrela da ideoloxización dos topónimos é o caso de Ferrol. Ben se sabe, entre 1938 e 1980 foi de “El Caudillo”; a colocación do artigo en castelán xa viña de moito antes e a reversión ao galego do mesmo é incorrecta. Non foi o único caso de corrección franquista da toponimia. Máis si, coido, o único que se rectificou.

As outras tres localidades, das que teño constancia, que viron alterados os nomes, seguen oficialmente coa forma imposta polo réxime franquista. Quintanilla de Onésimo, Alcocero de Mola, e Numancia de la Sagra. O primeiro concello ribeirán da provincia de Valladolid; o segundo, na comarca de La Bureba e o terceiro ao norte da capital de Castilla-La Mancha.

Quintanilla era de “Abajo”, pero deixou de selo cando lle mudaron  o retrouso en honor a Onesimo Redondo, o xefe fascista alcumado  “Caudillo de Castilla”, fundador das  “Juntas Castellanas de Actuación Hispánica” que ao unirse co grupo de Ramiro Ledesma Ramos formaran as “Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista” (JONS) que, en 1934, se fusionaran coa Falange Española de José Antonio Primo de Rivera.

Pola súa banda, o concello burgalés de Alcocero viu ampliado o seu nome por mor de ser alí onde se estrelou o avión no que viaxaba o “Director” da sublevación militar-fascista, xeneral Emilio Mola, planificador do golpe transformado en guerra e autor das famosas “instrucións reservadas” como aquela de:
“Es necesario crear una atmósfera de terror, hay que dejar sensación de dominio eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todo el que no piense como nosotros. Tenemos que causar una gran impresión, todo aquel que sea abierta o secretamente defensor del Frente Popular debe ser fusilado”.

Desde o mesmo momento da morte houbo rumores, aínda que non probas, de que esta favorecía a Franco quen se apresurou, tras o remate da guerra, a erguerlle un monólito, argallarlle un acto masivo co goberno en pleno acompañado de xefes militares e relixiosos e rebautizar o lugar engadíndolle o apelido do “cabecilla” sublevado.

O terceiro caso é o de Azaña, o concello toledano, que tivo a desgraza de chamarse como o líder de Izquierda Republicana, xefe do goberno e presidente da II República, polo que, xa en 1936, os sublevados mudáronlle o nome por Numancia de la Sagra. Non fose ser que a alguén se lle ocorrese dar un viva a súa vila natal.

Falando de “vivas”; escoitei na miña vila adolescente un conto, supoño que repetido noutros lugares acerca dun gobernador civil de visita oficial que botou un parrafeo dende o balcón da casa do concello, gabando as melloras do réxime e díxolle, ao pobo congregado, algo así como que pedisen o que precisasen que el iría a Madrid e “hablaremos con premura”; ante tan rotunda afirmación o pobo agradecido  exclamou entusiasta: Viva Premura!, Viva Premura!

Así seguen hoxe. Quintanilla de Onésimo, Alcocero de Mola e Numancia de la Sagra. De pouco valeu a timorata Lei da Memoria Histórica de Zapatero.

Mentres os restos do último xefe do estado español elixido polos votos da cidadanía seguen alá, no Roselló, en Montauban, para vergoña da democracia vixiada do réxime do 78.

Luns, 29 de xaneiro de 2018