domingo, febreiro 04, 2018

Espíritos aflixidos


V. van Gogh: Vieil Homme triste (-) Debuxo con lapis negro, lavado e acuarela, 1882
 Kröller-Müller Museum, Otterlo (Países Baixos)
A verdade é que non me decatara da miña etérea situación ata que esta tarde lin, nun xornal, que: “El nacionalismo es un estado de espíritu, no es una doctrina política, y no hay forma de combatirlo, ni vencerlo, así que tenemos que aprender a convivir”. Esta comprensiva afirmación seica a deitou un xornalista, da banda esquerda do réxime do 78, Fernando Jáuregui, na presentación do seu último libro.  Lembroume outra moi semellante de Rodríguez Zapatero, cando aínda non chegara a presidente do goberno de España, con ñ e cella regañada, cando afirmara: “el nacionalismo no es una ideología, si acaso un sentimiento de aflicción”.

Así que nin ideoloxía, nin doutrina política. O nacionalismo, enténdase, dos pequenos xa que o dos estados é o “normal”, fica nun asunto de orde imprecisa, anímica, fútil, pouco significativo, doloroso, molesto, que causa sufrimento, vamos como un herpes, un gran infectado, unha fístula anal, algo irremediable. Dixo Ortega: “Cuando alguien es una pura herida, curarle es matarle”; se non queremos facelo temos que tratalo como unha ferida que temos que soportar, comprender, que cómpre “conllevar”, segundo a máxima orteguiana, aínda que sexa “dolidamente” (coido que a don José quería saírlle outro adxectivo, mais o seu alto sentido da mesura, impediullo). A esquerda misericordiosa segue interpretando a cuestión das nacións negadas, en España e no mundo occidental, como un asunto de paciencia, de evitar os exabruptos da dereita, de caridade franciscana, de benaventuranza cristiá cos pobres de espírito, os mansos, os aflixidos, os que buscan a paz, os perseguidos por causa da xustiza, os inxuriados, os perseguidos... etc.

Foi un “estado do espírito”, un “sentimento de aflición” o que deu azos á revolución norteamericana, aos independentismos latinoamericanos, aos movementos emancipadores ou unificadores da Europa do XIX, aos de liberación nacional previos e posteriores á  2ª Guerra Mundial. En 1906 había 26 estados independentes en Europa; en 1945, eran 34; na actualidade 46, ou 47 se contamos a Turquía. Os cambios entre 1991 e 1993 afectaron ao oriente de Europa. Ficaron sen resolver as cuestións nacionais na banda occidental: Escocia, Irlanda do Norte, Cataluña, Córsega, Flandres, País Vasco... están feridas por sentimentos de aflición, termo este que pertence ao campo semántico de dor, tristura, pena... froito do desengano ou da adversidade.

É posible que moitos nacionalismo sexan froito do desengano, da incomprensión; pero case sempre son o resultado da rebelión fronte á  dominación exercida polo que está seguro de si mesmo, polo nacionalismo excedente de quen coida que o seu é “normal” e o dos outros un trastorno sentimental, unha febre romántica...

Causa inquedanza que un século despois o nacionalismo liberal español, o republicanismo político, a esquerda, tanto a beneficiada polo réxime do 78 como a que di estar en contra do mesmo, non fosen quen de construír un relato de España que supere o  de Ortega y Gasset con melifluas referencia a cuestións “identitarias” ou graciosos xogos de palabras como “nación de nacións”.

Todos, como Luís XVI, sabemos de que falamos: de soberanía. O rei francés preguntou, pero quen manda aquí?; a asemblea respondeu: o pobo soberano. Diso falamos. Ben sabemos que no mundo actual esta ten que ser compartida, mais a cuestión é que parte ten cada un. En fin unha espiritual aflición.


Martes, 30 de xaneiro de 2018

1 comentario: