Chegaba
remexéndoa entre o polgar e o índice. Coas puntas dos dedos artesáns enzoufados
nun algo indistinguible entre gris cinza e tinta negra. Pegáballe unhas pitadas
e deixábaa descansar antes de poñer un sorriso torto, entre irónico e cínico,
entre provocador e borde, entre apocalíptico e integrado, entre rebelde e “ bon
vivant”, camiñando escorado, abaneando as
cada vez máis escasas guedellas para sentar como afundíndose dentro de
si mesmo. Mais hoxe non chegou. Sobre a mesa redonda do primeiro xoves de mes
pairaba a súa ausencia e a da pipa sen fume.
A
verdadeira personalidade seica se desvela ante a morte. Ante a anunciada,
programada, sabida. Inda máis cando é inxustamente precipitada. Sei de quen culpa os que fican, amargándoos co
seu sufrimento e a súa desconsideración; de quen se resiste á condición biolóxica, e non a admite; mesmo sei
do que fantasía con ser quen de agardar
ata que o acelerado avance tecnolóxico nos achegue máis á inmortalidade.
Atopeino uns días antes, saudeino e acenoume co xesto de compresión que
acostumaba, regañando as cellas e turrando delas atè a metade da fronte; “éche
o que hai”, respondeu. Sei ben, porque mo contou quen o acompañou nos seus
últimos, días que nin un laio, nin un reproche, nin un xesto de pesar,
camiñando coa mesma dignidade que o facía sempre, ben como un discreto
personaxe da rúa ou protagonista na mesa compartida.
Ficamos
sen saber cal fora o último peixe que mercara na praza de Gondomar e como o
prepara para deleite dos convidados; das descubertas culinarias; dos partidos
de tenis que acaba de ver; do último restaurante que lle gustara, sempre por debaixo
daquela casiña na beira da estrada en Rionegro del Puente, Zamora. Para el, o que coñecía, sempre era o
mellor, e desbordaba o seu relato con entusiasmo, como cando falaba da arte que
lle gustaba, coa rapidez e radicalidade de quen matinou moito e ben sobre o que di. Ou o comentario,
na porta, entre volutas de fume sobre barbies e sosegos amorosos.
Cor
intensa, vívida, contundente liña expresiva, dende a fiestra de Morgade,
evitando calquera tentación de figura, gravada coa técnica enxertada nos dedos
sabios e o acougo da cachimba entre os beizos.
Que
a terra che sexa leve e a memoria longa como a túa arte.
Xoves,
1 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario