sábado, febreiro 10, 2018

Polo San Brais

Foto: Valmiñor tv.
Durante moitos anos, cando lle correspondía ao centro educativo sinalar no calendario escolar, non sei moi ben por que, dous días non lectivos,  un compañeiro do claustro, respondendo á lóxica ancestral, propoñía que un deles fose o de San Brais. Argüía que o instituto coñecíase popularmente como as Escolas de Mañufe e sendo este santo de fervorosa devoción parroquiana e sandador dos males da gorxa que tanto nos afectaban aos ensinantes, e como ademais o alumnado “mañufe” e os seus circunstanciais aliados non ían vir a clase, non había escusa. Durante un cuarto de século mantivo, claustro tras claustro, a demanda festeira para o 3 de febreiro. Nunca lle fixeron caso; mais non por iso renunciou á  súa proposta, apoiada cada ano por tres ou catro votos irreverentes.

O poder sempre remata por impoñerse. Non sei onde, nin por que, pero alguén decidiu que a liña fronteiriza, a raia divisoria, o risco definitivo trazado sobre o papel, tal cal os repartidores do África en Berlín ou os aliados vencedores en Versalles, pasaba por alí, xusto, polo pétreo valado, e as escolas deixaban de ser Mañufe e pasaban a ser Vilariño, isto é, de San Pedro. En consecuencia non eran de Gondomar senón de Nigrán. Como se iso lle importase a alguén.

Foto: Valmiñor tv.
Ao entusiasmo do meu compañeiro e,porén, amigo, Fernando Rei, tampouco lle axudaba o carácter suplente de San Brais. Aínda que fose un de luxo, deses que os adestradores sacan cando van perdendo. O titular é San Vicente. Cómpre ter en consideración que este factor ten pouca relevancia en Mañufe pois celebran o que se lle poña por diante, tanto lles teñen os citados como o San Sebastián ou o Santo André ou mesmo argallar outro día para xuntar os catro e ter outra xornada festeira que sumar ás extraparroquiais que tampouco perden ningunha.

Mais o poder sempre se impón. Agora  o San Brais famoso é o de Bembrive, catalogado como a festividade viguesa do inverno, nun arremedo a aires de furancho masivo e cantares tabernarios de quen berre máis. Un San Brais no que as masas populares toman por asalto baixos, garaxes e o que sexa co fin de baleirar pipos de viño novo e evitar que se estraguen os restos da matanza. Nesta usurpación do rural e tradicional pola masificación periurbana, nesta concesión urbana a un día da ruralidade do Fragoso, desempeñou papel de primeira orde o Faro de Vigo cos seus tipismos de xerros, gaitas, cuncas e cantores de pano ao pescozo.

O certo é que Bembrive reborda de xente  desexosa de viño da casa e chourizos mentres Mañufe fica coa fidelidade relixiosa ao bispo, mártir de vida milagrosa ben coñecida que,  entre os seus atributos, ten ao seu cargo os males da gorxa, os de atragoarse ao xantar coas perigosas  espiñas do peixe, os ósos de polo ou do coello ou, os moi lambóns, coas talladas excesivas. Mais tamén se lle encomenda a protección das  cordas vocais para contar e cantar; así que os ensinantes e as voces  dos magníficos coros miñoráns non teñen escusa para non acudir ao seu día. Non digo que teñan que levarlle ofrendas de cera ao santo cuberto de mitra, co báculo nunha man e coa outra dándolle unhas fregas á gorxa; só que aproveiten, porque a súa protección chega a quen del se acorda sexa nos oficios ou nos manxares; así que manducar callos, cocido, e rosquillas con viño novo tamén serve para conseguir a protección do santo.

Ora ben, se prefiren o sosego da amizade e a distinción da tradición, vaian ao de Mañufe que para algo o recuperaron da capela do Pazo de Moldes ou Pousa de San Brais, couto antigo, di Espinosa Rodríguez no seu Casas y Cosas..., fundado polos Suárez de Deza e que pasou de apelido en apelido das familias acostumadas a vivir do traballo dos demais: Correa, Soutomaior, Mendoza, Sarmiento...  Vizcondes, condesas e marquesas foron os seus propietarios. Naquela capela, nun tempo reconvertida en churrasqueira, hoxe devolta ao seu ser, residiu o San Brais escoitando o permanente borboriñar das augas que corren en terreo farturento. Hoxe acouga na igrexa de San Vicente.

Pero San Brais anúncianos que imos fuxindo do inverno e polo seu día xa temos “hora e media máis”, os máis optimistas lévanas ata “dúas horas máis”. O caso é que alí no horizonte cheira a primavera.

Como todos os anos fomos papar os callos no Pazo da Escola, casa de fundación eclesiástica e  longa tradición sacerdotal; mesmo xantamos, como sempre, achegados á  curia miñorá que este ano nos sorprendeu con novos integrantes vestidos aos xeitos da mocidade contemporánea. En amigable compaña manducamos uns callos ao xeito miñorán, isto é, con abondoso e variado compango cárnico, e por riba baixámoslle unha cunquiña de viño tinto quente, mesturado con albariño, azucre,  froitas e outras cousas que a Lola non quere descubrir. O viño repousou  o xantar e agardemos que protexa a gorxa para o que fica de inverno e a poder ser para todo o ano.

Domingo, 4 de febreiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario