xoves, febreiro 08, 2018

Perspectiva de fin de ciclo 2

L. Seoane: Retablo. 1973-1977
En política, hai ocasións  en que debes estar no bando correcto e perder.
J. K. Galbraith
Seis anos despois, dúas lexislaturas feijonianas, trinta e cinco anos de autonomía, trinta gobernados pola chaqueta revirada do franquismo sociolóxico...  cun estatuto herdado do PG que Castelao  acadou “in extremis” e subsidiario do  “apaciguamento” de Cataluña e o País Vasco. Todo un ciclo histórico longo transcorrido...  e que temos?

Temos un territorio desartellado, descompensado, coa xente agrupada entre a dorsal de Don Ramón e o mar de Manuel Antonio; un interior despoboado, fatalmente avellentado, coas pensións máis miserables de España e recortadas polos austericidas; socialmente descrido, emocionalmente estragado, sen confianza, nin esperanza, agardando o exterminio coa oposición de Ses e os mozos e mozas resistentes e maltratados. Recuperamos, iso si, a nosa tradición emigrante para que se nos escape como a area entre os dedos  a mocidade mellor formada que tivemos nunca, cansa de resistir; unhas elites provincianas; uns medios de comunicación entusiastas do etnocidio  cultural e lingüístico. Un proxecto de país que non vai máis alá dun parque temático turístico e dúas plantas de montaxe e distribución. Un sálvese o que poida na mellor tradición da enrrabiante acusación de individualismo.

Alguén está disposto a opoñerse ao exterminio máis alá de brincar nun concerto ou laiarse coas amizades? Aínda é posíbel ? Pódese intentar?

É evidente que, se compartimos a basta descrición das liñas anteriores, non hai moita marxe de manobra. É evidente que se non somos quen de reagrupar forzas e ordenar obxectivos  haberá moitas menos posibilidade. É evidente que sen un grande esforzo de xenerosidade e comprensión non é factible un agrupamento popular. É evidente que sen esta unidade precisa non é realizábel un programa alternativo, fóra de calquera caste de grandilocuencia, de salvación democrática, nacional e popular, sen que a orde minimice o valor de cada termo.

Hobsbawm ten escrito sobre a “insólita alianza” entre o comunismo e o capitalismo liberal que puxo fin ao fascismo nos anos corenta do outro século; pode semellar tamén insólita a alianza entre as esquerdas, nacionalistas ou non, pero é evidente que é moito máis doada, aínda que quizais moita xente non a vexa urxente; daquela a ver se temos un ollo de vidro como o que lle puxo Castelao ao seu esqueleto para pasear polo cemiterio.

Os resultados dos acordos políticos dependen, en moitas ocasións, de dous factores: a vontade de realizalos e a empatía entre as persoas realizadoras. A vontade non está en correlación coa dificultade. Hai acordos insólitos e outros imposibilitados por miudezas.

Permitan unha reflexión prepositiva de observador á marxe. Cáles serían as actitudes facilitadoras do insólito acordo entre un mundo difuso e outro disciplinado? Por unha banda, semella imprescindible  o respecto á autoorganización, isto é, que quen resolva e decida sexa a cidadanía participando sen dependencia de estruturas foráneas e con liderados propios, non subsidiados. Pola outra, a renuncia ao exclusivismo, o respecto por outras perspectivas, a posibilidade de matiz. Se queren, en plan basto, que se manteña o equilibrio entre o “patriotismo español” e o “patriotismo de partido”.

E logo está a empatía. Ai a empatía! Cousa difícil de entender. A consolidación da remuda xeracional pode facilitala, se conta coa precisa colaboración das persoas boureadas por vellas antipatías.

Hai por diante unha certa marxe temporal pero tamén recomposicións políticas, elementos facilitadores e procesos diverxentes.

As municipais do ano vindeiro serán un primeiro chanzo  no tratamento da  urxencia. Por unha banda facilítao, porque  as estruturas partidarias teñen menos peso, pola outra as anti-empatías poden dificultar un acordo tan simple como non meterlle o dedo no ollo ao do lado, un discreto pacto de non agresión, un xesto de distensión alí onde sexa posíbel, por exemplo fóra das cidades, onde as bases activas poden asentar a unidade popular, ás veces aprendendo a perder. Nestas eleccións é cando as voces que se laian da ausencia de unidade teñen que facerse ouvir, a xeito de rebelión das persoas activas para facilitar acordos posteriores.

Dous meses despois das municipais haberá eleccións europeas. Non se pode descartar que se convoquen xerais nese mesmo ano ou mesmo antes. Despois as galegas.

Hai ganas de propoñer algo?

Sabado, 3 de febreiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario