xoves, febreiro 01, 2018

Toponimia e memoria histórica

Entre nós a estrela da ideoloxización dos topónimos é o caso de Ferrol. Ben se sabe, entre 1938 e 1980 foi de “El Caudillo”; a colocación do artigo en castelán xa viña de moito antes e a reversión ao galego do mesmo é incorrecta. Non foi o único caso de corrección franquista da toponimia. Máis si, coido, o único que se rectificou.

As outras tres localidades, das que teño constancia, que viron alterados os nomes, seguen oficialmente coa forma imposta polo réxime franquista. Quintanilla de Onésimo, Alcocero de Mola, e Numancia de la Sagra. O primeiro concello ribeirán da provincia de Valladolid; o segundo, na comarca de La Bureba e o terceiro ao norte da capital de Castilla-La Mancha.

Quintanilla era de “Abajo”, pero deixou de selo cando lle mudaron  o retrouso en honor a Onesimo Redondo, o xefe fascista alcumado  “Caudillo de Castilla”, fundador das  “Juntas Castellanas de Actuación Hispánica” que ao unirse co grupo de Ramiro Ledesma Ramos formaran as “Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista” (JONS) que, en 1934, se fusionaran coa Falange Española de José Antonio Primo de Rivera.

Pola súa banda, o concello burgalés de Alcocero viu ampliado o seu nome por mor de ser alí onde se estrelou o avión no que viaxaba o “Director” da sublevación militar-fascista, xeneral Emilio Mola, planificador do golpe transformado en guerra e autor das famosas “instrucións reservadas” como aquela de:
“Es necesario crear una atmósfera de terror, hay que dejar sensación de dominio eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todo el que no piense como nosotros. Tenemos que causar una gran impresión, todo aquel que sea abierta o secretamente defensor del Frente Popular debe ser fusilado”.

Desde o mesmo momento da morte houbo rumores, aínda que non probas, de que esta favorecía a Franco quen se apresurou, tras o remate da guerra, a erguerlle un monólito, argallarlle un acto masivo co goberno en pleno acompañado de xefes militares e relixiosos e rebautizar o lugar engadíndolle o apelido do “cabecilla” sublevado.

O terceiro caso é o de Azaña, o concello toledano, que tivo a desgraza de chamarse como o líder de Izquierda Republicana, xefe do goberno e presidente da II República, polo que, xa en 1936, os sublevados mudáronlle o nome por Numancia de la Sagra. Non fose ser que a alguén se lle ocorrese dar un viva a súa vila natal.

Falando de “vivas”; escoitei na miña vila adolescente un conto, supoño que repetido noutros lugares acerca dun gobernador civil de visita oficial que botou un parrafeo dende o balcón da casa do concello, gabando as melloras do réxime e díxolle, ao pobo congregado, algo así como que pedisen o que precisasen que el iría a Madrid e “hablaremos con premura”; ante tan rotunda afirmación o pobo agradecido  exclamou entusiasta: Viva Premura!, Viva Premura!

Así seguen hoxe. Quintanilla de Onésimo, Alcocero de Mola e Numancia de la Sagra. De pouco valeu a timorata Lei da Memoria Histórica de Zapatero.

Mentres os restos do último xefe do estado español elixido polos votos da cidadanía seguen alá, no Roselló, en Montauban, para vergoña da democracia vixiada do réxime do 78.

Luns, 29 de xaneiro de 2018



Ningún comentario:

Publicar un comentario