martes, novembro 29, 2016

E seguiremos a ser derrotados?


Hai un exceso de política. Unha sobrerrepresentación evidente. Unha teatralización excesiva. Sábeno ben os medios de comunicación e manipulación de masas (Chomsky) . Mentres o espectáculo continúe non hai problema. A seguir, unha boa dose de fútbol madrileño; media hora co “tempo” e logo máis rexouba.

Hai un exceso de información, na sociedade de centro comercial predomina o  inmediato, a realidade como sucesión de acontecementos fútiles, evanescentes, volátiles, diluídos, vaporizados... un permanente xa foi (Bauman),  un premeditado subministro de novas que agochen o conxunto.


Levamos catro décadas de derrotas. Dixeron que os pobres podían ser ricos (Thatcher]), que capitalismo e democracia eran idénticos, que arribaramos á paradisíaca posthistoria (Fukuyama) e que os que saían desa verdade inmarcescíbel eran inimigos da liberdade, fanáticos da relixión ou xentes fixadas no escuro pasado da división en bloques. Decretaron a  fin da historia e das clases e converteron a Roosevelt e a Keynes en perigosos esquerdistas. Tremeron, cando estourou a crise, pero ante a escasa resposta social seguiron premendo as caravillas ata xerar o caos en amplas zonas do planeta e asentar o medo  no resto. Declararon a guerra de clases e vana gañando (Buffett) polo que cómpre reflexionar (Reixa), analizar, , clasificar,ordenar,  sistematizar a información para desentrañala, desvelala, destecer o nobelo,  facela comprensíbel e sobre todo facerlle fronte.

A este labor de comprensión do conxunto quere contribuír Xabier Pérez Davila co seu recente libro Alén da casta. Un ensaio sobre o poder e as clases sociais no século XXI[1]. Que hai máis alá dunha verba fetiche e da teatralidade da súa representación?. Pois unha nova  estruturación da sociedade, unha nova relación de clases organizadas, como dixera Marx , sobre un remanente que  “... sorrí ao capitalista con todo o encanto de algo que brotase da nada...”. Arredor da plusvalía articúlanse as clases sociais -que non son un saco de area (Beiras)- con complexas relacións entre fraccións, segmentos, grupos  que as fan variar, mudar, transformarse... mais que o seu centro, a súa buxaina,  xa que andamos polo San Martiño,  segue a ser a apropiación do plusvalor. As lecturas estáticas , reducionistas, inmobilistas tenden a dificultar a comprensión da complexidade dos procesos sociais.

Pérez Davila, bebendo en fontes frescas e diversas, achéganos unha descrición da sociedade resultante da contrarrevolución neoliberal encetada no remate da década dos setenta, cando en España estabamos atarefados nunha  transición da que se fachendean as elites autorreproducidas. A ese sistema denomínao “novo feudalismo” pois a súa esencia é a concentración do poder económico en cada vez menos persoas, “147 TNCs  e 737 grandes propietarios forman o corazón da rede de control do capitalismo occidental” (p.39).  A incompatibilidade
dos “aristoi” co “demos”, isto é do capitalismo financeirizado e globalizado coa democracia, mesmo nas súas formas máis simples. Hai tempo que Dani Rodrik o formulou no seu trilema da economía mundial;  simplificando, dos tres elementos constitutivos das relacións económicas no mundo global, a saber: globalización, democracia e soberanía (autodeterminación), só dúas son conxugábeis ao mesmo tempo. Isto é podemos ter globalización e democracia pero sen soberanía ou esta  e globalización pero sen democracia; nas súas propias verbas: “ Existe una tensión fundamental entre la hiperglobalización y una política democrática. La hiperglobalización requiere el encogimiento de la política nacional y el aislamiento de los  tecnócratas de las exigencias de las masas”[2]

Ese novo feudalismo polarízase arredor de dúas novas clases sociais. A denominada “clase corporativa”: “un grupo moi reducido de persoas extraordinariamente ricas, os altos directivos das empresas transnacionais e os principais responsábeis dos organismos de goberno da economía capitalista” (p.23); e o precariado: unha clase moi diversa e numerosa que en moitos países sería xa máis da cuarta parte da poboación e na que Pérez Davila, e outros autores, concentran a esperanza dunha mudanza social progresista.

A estrutura de clases en España e en Galicia, a renda galega ou o concepto de renda básica son cuestións ás que tamén se achega o autor que, ao tempo,  ofrécenos  cinco interesantes historias de vida de persoas traballadoras viguesas coa que consegue exemplificar a estrutura da clase traballadora no noso país. A cuestión da Unión Europea, sen democracia nin pobo europeo, aínda, que a reclame e con dúas extensas periferias, a do leste e a do sur, tamén é obxecto de análise no traballo de Pérez Davila así como o desleixo no tratamento da chamada “modesta proposición”.[3]

Ora se a clase corporativa é unha ínfima minoría (o famoso 1%) e o precariado e as clases desfavorecidas pola contrarrevolución neoliberal (o non menos famoso 99%), por que estamos a ser derrotados? preguntase o autor. Argúe cinco razóns:  “a falta de organización da maioría dominada e a ausencia dun proxecto alternativo de economía e sociedade, o triunfo ideolóxico e cultural do capital, a ampliación extraordinaria do exército de reserva de man de obra, a cesión de competencias estatais a organismos supraestatais non electos, quer dicir, a perda de soberanía, e por último o fracaso e disolución da URSS” (p.181). Por suposto que o autor non entende esta enumeración como ordinal.

Movéndose nesa inestábel e sutil liña que vai entre o pesimismo e a vontade gramsciana, Pérez Davila reclama unha reacción social, un compromiso activo e a concertación de forzas plurais e diversas para representar a maioría social. Con este fin realizou un encomiábel esforzo de lectura e síntese para localizar e describir, con precisión, as clases sociais, así como para comprendelas realizando sucesivas aproximacións dende o ámbito internacional, ao estatal e ao nacional e para concluír que a nova clase dominante é a clase internacional corporativa que nas últimas décadas está a desenvolver unha “... organizada, intelixente e teimuda ofensiva para aumentaren a súa riqueza e poder...” (p.14).



[1] Laiovento, Santiago, 2016.
[2] Rodrik, D. La paradoja de la globalización. Antoni Bosch editor, Barcelona, 2011 (p.208)
[3] Varoufakis, Y., Holland, S., Galbraith, J.K.: “Una modesta proposición para resolver la crisis de la eurozona” en Varoufakis, Y. e Pisarello, G.: Un plan para Europa. Icaria, Mas Madera, Barcelona, 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario