luns, xaneiro 23, 2017

A(s) nova(s) e/ou vella(s) forma(s)*

Grand-mére et s apetite-fille” (1896), 
Fotografía de H. Lemasson
O meu tío-avó Nilo era un moito mandarica coa restra dos sobriños-netos que nos axuntabamos nos meses de verán na vella e patrucial casa de Estrela. Así que na súa ansia de que o obedeceramos aproveitaba calquera circunstancia para desfacer os xogos infantís e asombrarnos con responsabilidades adultas. Que ala... imos tornar a auga a tal ou cal prado, que ala... imos apañar herba para os coellos, que ala... ide pillar un mangado de herba seca, que ala... ide tornar as vacas ao linde do prado...que...que...

Os labores ordenados ficaban ralentizados e mesmo, en ocasións, esquecidos polo reinicio das xoguetadas infantís. Cando aquilo sucedía, que era case sempre, o tío-avó Nilo emitía unha sentenza descualificadora que anunciaba un futuro ennegrecido para a pequena sociedade da casa de Estrela: “xente nova e leña verde, todo é fume”; mentres a dicía, rañaba na testa sobre a que bailaba a pucha eterna e un sorriso burlón florecía entre os seus beizos.

O refrán/sentenza do meu tío-avó venme ao maxín mentres escoito os entusiastas da “nova política” falar da importancia de determinadas formas: que... mellor abanear as mans que aplaudir; que... mellor chamémoslle primarias a pesar de que as eleccións sexan finalistas; que... mellor listas abertas aínda que laminen a diversidade, que... política coral e liderados compartidos aínda que unha e outra vez caiamos na trapela dos medios que exaltan as diferenzas persoais, excitan diatribas entre activistas de sofá (Bauman) e ocultan, ata facelo desaparecer, o debate das ideas.

Nisto son ben sabidos os  medios de manipulación de masas (Chomsky). Podémolo ollar cando converten o debate político de Podemos nun duelo a morte no OK-Corral entre dous dirixentes e encirran os ánimos fraccionais para converter as persoas en hooligans. Podémolo ver na diatriba sobre os orzamentos municipais de Pontevedra na que un pulso político entre unha maioría relativa e unha minoría necesaria se empregou para profundar o cavorco que separa dúas propostas políticas por natureza complementarias. Vimos e veremos repetida a xogada noutros concellos urbanos nos que a vella prensa de papel, e a outra,seguirá a deitar lixo sobre a tona da política e a converter esta nunha pasarela estelar seguindo os modelos máis noxentos dos programas televisivos de excitación de masas.

Volvendo ao fume  e a xente nova. Ese outro día chocáronme e fixéronme matinar unhas frases informais pronunciadas nunha desas despedidas preliminares das pasadas datas de exaltación do consumo e de expresión de reais, ou disimulados, afectos. A cousa foi que dúas representantes da cidadanía nunha institución comentaban algo sobre informes, expedientes sinaturas e cousas desas. Unha delas manifestou que accedería dende a casa á “plataforma” para ver non sei que; a outra dixo que prefería non levar a “tarxeta” para a casa. Unha terceira persoa interveu para afirmar que non se podía levar o traballo para a casa.

Aí está o cerne da cuestión para a esquerda política transformadora. Considérase que a representación política é un traballo, un xeito de gañar a vida, e non unha responsabilidade temporal que precisa dunha dedicación, ás veces mesmo completa, denominada con palabras da vella política “compromiso”. Por iso ten que estar ben remunerada, sen fumeiradas papaleisonas nin permanentes latrocinios.  O miolo do asunto está na temporalidade da presenza na representación política. Se esta se converte nun xeito de vivir, o “que hai de lo mio”, o “repartir cacho”, o “mirar de reollo”... e outros comportamentos espurios seguirán a fornecer razóns para o “todos son iguais”.

Mesmo sendo comprensíbel coas necesidades da xente nova de procurarse uns escuálidos ingresos no medio dunha “crise” que veu para ficar, a esquerda non debería esquecer que as elites burocráticas, as vellas e as novas, tenden a reproducirse e a sobrevivir. Os que temos anos lembramos como o proceso do relevo xeracional na política española dos primeiriños oitenta do pasado século acabou consolidando os que non servían para outra cousa.

Ollo co fume que fai chorar!


*A Nova Peneira, 20 de xaneiro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario