luns, xaneiro 02, 2017

Data oculta*



Gorbachov asina a súa renuncia como presidente da URSS
Andaba eu a reler anaquiños de cousas vellas: as memorias de Gorbachov, as de Kohl e mesmo retallos das análises de Judt ou Fontana, pois agardaba que unha data tan significativa como a que Hobsbawn propuxera como linde ou remate do século curto, isto é o século XX, ía ter unha gran acordanza nos  medios de comunicación e manipulación de masas. Cumpríanse 25 anos daquel 25 de decembro no que Mikhail Gorbachov anunciaba á cidadanía soviética, e a todo o mundo, que  “Dada a situación creada (...), ceso na miña actividade como presidente da URSS (...)”. Era unha declaración simbólica como foi uns minutos despois tanto a entrega do maletín nuclear a Boris Ieltsin nun corredor do Kremlin, non se puxeran de acordo en quen ía ao despacho de quen, ou a baixada da bandeira vermella coa fouce e o martelo e o izado da tricolor rusa.

Na verdade a Unión Soviética desaparecera, na formalidade legal, o oito de decembro cando no pavillón de caza de Belavezha asinaron o acordo de creación da Comunidade de Estados Independentes (CEI) os presidentes Ieltsin  (Rusia), Kravchuk (Ucraína) e Shushkiévich (Bielorrusia) e politicamente tras o golpe de estado do 11 de agosto. En cinco meses desintegrouse o estado bolxevique deseñado naqueles dez días, que, segundo John Reed, abalaran o mundo.

A opinión mediatizada en Occidente foi, e segue a ser,  que a implosión soviética era inevitable, previsible, agardada e unha vez producida interpretouse  como o triunfo do capitalismo como sinónimo de democracia (a utopía da fin da historia) e a vitoria dos Estados Unidos na longa Guerra Fría (a utopía monopolar); a realidade do momento era ben distinta pois a todos colleu por sorpresa tanto a disolución como a forma, en parte pacífica, na que se produciu, se temos en conta que estamos a falar de catro repúblicas con armamento nuclear (Rusia, Ucraína, Kazakhstán e Bielorrusia). A crise soviética puido coller a deriva terrible de Iugoslavia.

Pasados 25 anos comeza o tempo das análises sosegadas,  afastadas do inmediato da nova xornalística, de (pre)posicións ideolóxicas, de teimas persoais, de interpretacións conspiranoicas ou de lideres deostados ou enxalzados. A esquerda segue a ter moito que reflexionar, tras a experiencia soviética, sobre a súa proposta concreta,  sobre cómo se compaxina xustiza social e democracia, dereitos colectivos e individuais. Porque un cuarto de século despois o que si volvemos aprender con dor é que o capitalismo non é máis que un modelo depredador que nos condena a un estado de guerra permanente.

Non é este nin o espazo, nin o lugar, para profundar, ou simplificar, en interpretacións de procesos de enorme dimensión e gran complexidade. Pero permítanme dous apuntes. Un, se queren, secundario e un chisco trotskista: os privilexios só son completos se se poden transmitir por herdanza ou, o que é o mesmo, ser director dunha grande empresa é interesante pero faino máis atractivo se, ao tempo, es accionista da mesma. Así que a burocracia estatal precipitou a disolución ao comprender que se podía apropiar do estado e converterse en “cleptocracia”.

Segundo apunte, central no meu xeito de ver as cousas. O réxime soviético mantivo o imperio tsarista e deulle unha arquitectura constitucional federal que na práctica non o era, ou  érao só en parte. Foi un imperio e como todos desapareceu por desintegración territorial. Igual que o austrohúngaro, o español, ou o otomán. Cando Ieltsin e Kravchuk acordaron en Belavezha a creación da CEI, na verdade estaban acordando que ás súas respectivas elites, ucraínas e rusas, as cousas lles irían mellor pola súa conta. E non podía haber URSS sen Rusia e a Ucraína.

A celebración pasou pois con máis pena que gloria. Mellor non lembrar a bicha.

Hoxe o mundo non se parece nin un chisco ao de 1991. Rusia tampouco. O KGbista Putin afiou as poutas do oso ruso, gañou prestixo na diplomacia internacional e gañou aliados poderosos, castigou aos chechenos, meteu en cintura a Xeorxia, anexou Crimea e os seus avións bombardean Alepo mentres agarda a que Trump e os seus “cleptócratas” se asenten na Casa Branca.

* Publicado en Novas do Eixo Atlántico. Xaneiro 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario