Nos
estadios de fútbol, o xogo colectivo por excelencia, maniféstase, coa
intensidade emotiva e o feedback entre xogadores e espectadores, iso que
denominamos, dun xeito xenérico, identidades. Algúns psicólogos sociais teñen
empregado o termo “vínculos primordiais”, mais a expresión semella confusa en
exceso, e insuficiente, para explicar todo o fenómeno do nacionalismo.
Hai
pouco máis de dous anos publicouse en castelán a vella obra (1995) do profesor
de psicoloxía social na universidade inglesa de Loughborough, Michael Billing, Nacionalismo banal (Capitán Swing,
2014). O autor emprega esta expresión para “referírmonos aos hábitos
ideolóxicos que permiten reproducirse ás nacións en Occidente” e aclara “banal
non significa que sexa benigno”, reelaborando a frase de Hannh Arendt de quen
toma o adxectivo: “banalidade non é sinónimo de inocuidade” (Eichman en Jerusalén, Debolsillo, 1999).
A
obra de Billing achéganos a visión de que o termo “nacionalismo” non é
aplicable en exclusiva aos movementos de liberación anticolonial, aos centrífugos subestatais ou aos de afirmación
extrema dos estados, senón que: “Lonxe de ser un estado de ánimo intermitente,
nas nacións consolidadas o nacionalismo é unha condición endémica.”
Este
xogo de contraposición das identidades vivina
esoutro día en Balaídos coa gloriosa, heroica, sacrificada, sufrida,
merecida, valorosa, xa era hora... vitoria do Celta sobre o fracasado, minguado, limitado, incapaz, frustrante,
desbaratado, inconsistente... Real Madrid. Mais esa contraposición non é entre
iguais senón entre identidades desiguais. Por iso, a feble sofre e vence
heroicamente, mentres para a dominante é unha terrible humillación, un enorme
fracaso que lle impide o “triplete” e ameaza con xerar un estado de frustración
nacional como ficou demostrado nas cadeas de tv “nacionais”, a nosa é a
“telegaita”, ao encetar as novas deportivas, ou o que é o mesmo futboleiras,
non coa noticia: a vitoria do Celta; senón coa desgraza que para o españolismo
banal supón a eliminación do Real Madrid.
Esta
tensión simbólica estourou de forma banal, aínda que non inocua, cando uns
seguidores do equipo madrileño, isto é, español, enarboraron unhas bandeira
desta nación enfrontándoa ao mar de bandeiras azuis e brancas que ateigaban as
gradas. Pretendo chamar a atención nestas liñas sobre a autosuficiencia de
quen, seguro, nunca se autocualificaría como nacionalista, simplemente porque
non lle fai falta, xa que: “nas nacións consolidadas, a nacionalidade “
enarbórase” ou lémbrase de xeito continuo”. (Billing).
Encetei
polo fútbol mais o que en verdade excitou a miña reflexión foi o incomodo, o
malestar, enfado,anoxo, rabexo, cabreo, desprezo... que sentiron os creadores
de opinión e os medios de manipulación de masas do españolismo banal coa ofensa
que para a lingua de Cervantes seica supón que o novo gabinete de Trump ademais
de non contar con ningún hispano entre os seus membros, eliminase o botón que
permitía acceder á web da Casa Branca en español, fechase as contas neste
idioma nas RRSS e mesmo despedise o portavoz de prensa en español.
Non
vou ser eu quen aplauda a decisión de Trump, sobre todo porque o tomo moi en
serio e non quero caer no erro da prensa norteamericana, e europea, dos anos
trinta do pasado século que consideraban a Mussolini un italiano un chisco
rudo, vían en Hitler un simple exceso de dramatismo wagneriano ou coidaban que
Franco era un mal necesario para a mentalidade española, hostil á democracia e
incapaz de autogobernarse. E engadían
que cando tivesen que gobernar xa se decatarían de que tiñan que facer as
cousas, non como pensaban, senón como puidesen. O mesmo argumento escóitase
agora en referencia a Trump, agardando
que non sei que realidade se impoña a tan histriónico persoeiro. Non vaia ser
que a agarda sexa tan desastrosa como a política de “appeasement” de
Chamberlain con Hitler.
É
sinxelo, lembro isto para rirme de moito papaleisón cosmopaleto que fala da
utilidade do español por ser a segunda lingua, en número de falantes, dos EE.
UU., cando, na verdade, alí ocupa o papel de lingua B,
igualiño que o galego, durante séculos,
na súa propia terra. Tamén para anotar outra de cinismo, na web do
“gobierno de España” tes botón con entrada a galego, vasco e catalán, pero non
hai nada. Ora, en inglés está ata a última “rajoinada”.
·
Publicado en Novas do Eixo
Atlántico, febreiro 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario