luns, xaneiro 30, 2017

O Miñor en Galicia Cen


Que fan os porquiños aforradores da Caixa Municipal de Vigo á beira de ferramentas líticas achadas en Porto Maior (As Neves) do Paleolítico Inferior? Ou un pote de queimada preto do mosquetón do Foucellas?, e un futbolín a carón dunha moeda do rei Requiario da Gallaecia?.

Pois que todas estas obxectos,  ata un total de cen, están agrupados na exposición organizada polo Consello da Cultura e comisariada por Manuel Gago. Pódese visitar, ata o mes de marzo, no que sempre se chamou sala de exposicións do García Barbón e agora non sei come lle din.


A idea abrollou do paseo pola Historia da Humanidade a través de cen obxectos que argallou o  Museo Británico en colaboración coa Radio cultural da BBC; no inicio os obxectos  non se podían ver, só escoitar o que sobre eles dicían as persoas convidadas. O éxito do programa radiofónico levou a trasladar o proxecto á web e despois a formato libro. Os enormes e magníficos fondos espoliados en todo o planeta permítenlle ao British facer estas espectaculares montaxes. No fondo non era máis que o relato do poder británico.

Non é o relato do poder, senón creación cultural das xentes asentadas nun territorio de lindes móbiles, dende as iniciais ferramentas de hai 400.000 anos ata o porco bravo do Xabarín Club, última icona da exposición.

Gustei da idea. Paréceme creativa,  atinada e anovadora. Só os límites económicos e espaciais impediron que a exposición vibrase con absoluta intensidade se nela puidésemos ollar a realidade física das pezas de gran tamaño incluídas no catálogo. A necesidade fai virtude, e a escaseza aviva o enxeño aínda que sería mellor que este fose acompañado dos recursos necesarios. Pero a carencia deste últimos non pode empecer a acción cultural, divulgadora ou museística tal e como está a facer con tanto esforzo e dedicación o Museo do Pobo Galego, no seu 40 aniversario coa actividade Teño un peza, de semellante inspiración.

Volvendo ao rego. O Val de Miñor, como non podía ser doutro xeito, está presente nesta especie de centenaria síntese cultural con dúas referencias, non exactamente pezas. A primeira, unha copia da carta que Briatis da Sera (Beatriz da Serra) lle envía ao Conde de Gondomar, asinada en Baiona o 20 de xaneiro de 1603, gardada na Biblioteca de Palacio de Madrid. A carta deuna a coñecer, no seu día, don Lois Tobío, o gran estudoso da correspondencia e da figura política e diplomática de don Diego Sarmiento de Acuña, nun artigo publicado na revista Grial , logo reelaborado para un libriño que leva por rotulo Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar (1991), publicado pola Fundación Otero Pedrayo con motivo da homenaxe a Tobío en Trasalba.

A importancia da carta non reside no seu contido, senón en estar escrita, na súa integridade, en galego. O noso idioma desapareceu dos documentos oficiais  arredor de 1.500, pero como se pode comprobar, un cento de anos despois seguía a ser empregado polas minorías letradas e falado pola maioría da poboación. Sobre esta cuestión do uso do galego nas cartas da correspondencia do Conde de Gondomar, as persoas interesadas poden consultar esta outra entrada neste Pé do Galiñeiro.

Por curiosidade reproduzo o inicio da carta seguindo a transcrición de Tobío:
“Con el correo de Pontevedra escreuy antes de agora en que siñificaba a vm o muyto gosto e contento que tiña y os desta cassa de vm por me dezerren que vm y a señora dona Costanssa y os señores fillos y os sor yrman don García todos tinan saude permita noso sor darlla tan cumprida e acauada como eu a desejo e sempre a desejei amen. Teño muyta consolaçon por oubir sempre boas nouas de vm e que as suas cousas ban muy adiante confio en Deus seran sempre milloradas porque o merece a nobresa de vm y o mereseu a ben abenturada da sª dona Joana sua madre que Deus teña en sua santa gloria e lle aparessa as bes que dela hey reseuido e miñas yrmas...”

E remata asinando: “De Bayona binte de mayo de 1603 aos=Seruidora de v mce= Briatis da Sera”.

Seica o Concello de Gondomar ven de declarar este 2017 como “Ano do Conde de Gondomar”, por celebrarse o catrocentos aniversario do seu nomeamento como embaixador en Londres. Non vou ser eu quen lle poña “peros” a protocolarias declaracións de intencións. Pero si quixera facer dous apuntamentos breves, sen animo de incordiar, aínda que tamén, que para iso non temos ataduras. Primeiro,  semella desmerecer a don Diego consideralo un simple embaixador en Londres, como Fraga ou Trillo, aínda que o fose no momento do inicio da decadencia do Imperio Católico e do enceto da emerxencia do Británico co seu corolario de conflitos e exercese o cargo coa brillantez que xa tiña demostrado nos seus moitos desempeños na administración da coroa; pero o Conde de Gondomar entendeu o seu nomeamento como embaixador como expresión da derrota política ante o seu contrincante Lerma.

En segundo lugar, do que debería ocuparse o goberno municipal, con urxencia, é de remediar o deterioro do  chamado “Pazo do Conde”, o único Ben de Interese Cultural do seu termo municipal. Ao engrandecemento desa casa dedicoulle don Diego moitos esforzos e bens para desgusto de dona Constanza a súa muller. Desta cuestión falamos hai algún tempo neste mesmo blog, despois duns paseos depresivos polo patrimonio  gondomarés. Ben sei que non é doado, pero para que resolvan os problemas  eliximos alcalde e corporación.

Retornando a Galicia 100. A segunda referencia é o filme Nuestras fiestas de allá, documental rodado polo polifacético personaxe que foi José Gil: fotografo, camarógrafo, vendedor de automóbiles Ford e de rodas sen cámara, director cinematográfico, redactor de Vida Gallega...

A “Unión Hijos de Morgadanes” encargáralle, verán de 1928, un nostálxico paseo pola parroquia e as veciñas de Vincios, Chaín, Vilaza, Camos, pola feira de Gondomar, polo mar de Baiona..., seguro que Gil non os defraudou cando a ollaron, o 14 de marzo de 1929, no teatro Ariel de Montevideo. O custo do encargo foi de 2.500 pts.

En 1980 un asociado da Unión de Morgadáns no Prata depositou unha copia na Filmoteca nacional que é da que hoxe dispoñemos, restaurada polo Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe.

Dous bos motivos entre cen para achegarse ata a sala de exposicións do teatro vigués de García Barbón. Os nostálxicos poden ver aqui o Miñor doutros tempos.

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                 

Ningún comentario:

Publicar un comentario