martes, setembro 19, 2017

Retallos de BCN7: Soportar a frustración

Sigo a ter a sensación de que as elites españolas, ou mellor español-madrileñas, nesta nova usurpación do español, seguen perdidas na espesura do bosque da autocomplacencia.

O liberalismo conservador impulsou o seu proxecto de construción nacional sobre dous eixos: a acción do Estado e a expresión cultural de Castela. Imitouno o liberalismo progresista da Institución Libre de Enseñanaza e, con anterioridade,  a xeración  da depresión de 1898 ollaron en Castela, na súa historia e cultura,  o alicerce para a construción do nacionalismo español. Na súa paisaxe atopaba Giner de los Ríos unha “robusta fuerza interior, severa grandeza, nobleza, dignidad, señorío, esfuerzo indomable, gravedad, austeridad, carácter y modo de ser poético”; no carácter das súas xentes ollaba Azorín  “el tipo del campesino castellano castizo, histórico: noble, austero, grave y elegante en el ademán; corto, sentencioso y agudo en sus razones”. En definitiva “Pasaron siglos, Castilla se hizo España”, escribiu Joaquín Costa. Identificaron España con Castela.

Abandonada hai tempo a usurpación “castellanista”,  convertida en ermo pola acción absorbente  de poboación  e recursos da capital madrileña, as elites concentradas na corte reelaboraron unha nova deturpación de España nun aggiornamento formal dun nacionalismo español encastelado no dominio político, mediático e económico do estado,  exercéndoo coa fereza do propietario e o exceso da superioridade.

A capital e os seus arredores, entre 1960 e 2010 sumou catro millóns de persoas máis que fai que na actualidade rolde os seis millóns e medio; un millón menos que toda Cataluña e moito máis do dobre de toda Galicia. Ese crecemento reflíctese no PIB de Madrid que pasa dos 76.413M€ en 1995 aos 203.266M€ en 2015; o mesmo acontece co seu PIB per cápita que pasa dende os 15.100€ aos 31.812€. No mesmo espazo temporal  Galicia pasou dos 25.661M€ aos 55.701M€ e dos 9.400€ por cabeza aos 20.431€. O PIB per cápita no conxunto do estado era de 11.800€ en 1995 e 23.300€ no 2015. Os datos cataláns tamén teñen o seu interese, mentres o PIB de 1995 foi de 85.996M€, en 2015 foi de 204.666M€, un chisco superior ao madrileño pero cun millón de habitantes máis que se traduce en que o PIB por cápita en Cataluña sexa máis baixo, 14.100€ en 1995, 27.633€ en 2015.

Son asuntos de números que teñen a súa importancia, pero a convivencia, a democracia, a política non son só números, senón tamén sensacións, actitudes, sentimentos, medos e paixóns, e a miña percepción, posiblemente errada, é que as novas elites do estado, concentradas en Madrid, mesmo localizadas, con certeira chanza, no palco do Bernabeu, herdeiras das elites do franquismo, reformadas na transición, fixeron da constitución de 1978 a última fronteira de concesión aos “outros”. Esas elites teñen un problema de comprensión, de incapacidade para entender o outro, de non ser quen de soportar a frustración, a desafección, a crítica. De non ser así non se entende como seguen sen procurar solucións  á cuestión catalá, ou, como din eles, ao “desafío”, porque o consideran unha afronta, unha desconsideración, o desaire dun mal fillo, a “palabrota” maleducada dun subordinado. Non queren ceder porque pensan que os que mandan nunca dialogan cos mandados, que acordar é perder, que a avinza é claudicación, que o pacto é  capitulación, que a súa “grandeza” non pode ser nunca derrotada.

Deberían ir coutando a súa soberbia, as dereitas e as esquerdas melifluas. Debían recapacitar aqueles que piden garantías a Cataluña e non a quen pode dalas acordando un referendo, pactando unha solución democrática,  aqueles que  fan como o amo branco que lle quitaba as cadeas ao  escravo se lle prometían non fuxir.

Non vaia ser que o sentimento democrático, no seu propio territorio, onde se consideran a resgardo, os desborde. Non vai ser que xa ninguén confunda a Cebrián ou Pérez Reverte con Giner de los Rios ou Azorín. Non vaia ser que leven unha sorpresa.

Mércores,13 de setembro de 2017



sábado, setembro 16, 2017

Retallos BCN6. Normalidade

A rúa, onte, amenceu lenta como dia feriado. Contra a metade da mañá, nos chafráns das xeométricas prazas comezaba a actividade de descarga de caixas de botellíns de auga, “samarretas” , bandeirolas... que baixo unhas lixeiras carpas depositaban centos de persoas voluntarias da Asemblea Nacional Catalá, convocante da manifestación programada para as cinco da tarde. Contra mediodía as amplas beirarrúas comezaron a encherse de xentes de todas as idades convenientemente ataviadas coas súas camisolas dun amarelo-verdoso fluorescente cun Si, replicado en distintos idiomas, na parte dianteira e, nas costas, un recordatorio de cada unha das grandes manifestacións da Díada dende 2012. Moitas portaban tamén a bandeira catalá, ou esta adobiada cunha estrela branca incrustada nun triángulo azul ou cunha vermella sobre fondo amarelo. Gran parte delas acougan baixo as árbores que cada pouco asombran as rúas do eixample mentres manducaban bocadillos ou froitas na agarda do momento de convertelas nunha riada de xente practicamente inmóbil ata que, contra o final da tarde, o metro e os autobuses comezaron a liberalas.

Esta mañá a mesma rúa recobraba a normalidade. Os vehículos circulaban sen o agonío doutras cidades. Aos poucos as alongadas tendas que teñen de todo, rexentadas por persoas das máis variadas orixes asiáticas ou norteafricanas, encetaban a súa actividade que non se  deterá ata ben avanzada a noite. Os taxis negros coas portas amarelas circulan masivamente. Mentres, un home depauperado arrastra un carriño de supermercado co que se detén en cada contedor de lixo a apañar cartóns, pranchas de madeira ou restos metálicos diversos. Hai horas que os ocupantes dos caixeiros abandonaron o seu espazo nocturno e recolleron os cartóns substitutorios do desexado colchón.

Nas cafeterías dos chafráns das prazas os clientes consomen apurados os seus cafés, as súas torradas con aceite ou as súas “cocas de forner” mentres comparten as súas optimistas previsións para o partido desta tarde contra a Juventus. Nós optamos por almorzar nun moderno establecementos de almorzos e comidas a base de froitas, zumes, batidos, ensaladas etc. no que atenden catro mozos chineses moi novos. A vida na cidade despois da masiva expresión da súa vontade no día de onte recupera a normalidade. Un paquistaní insiste en rebaixarnos o prezo dunha camisola para despois vendernos outros recordos para agasallo de viaxe, mentres o taxista que nos leva ao aeroporto, nacido en Cataluña, dinos que tampouco había tanta présa co da independencia... pero ben... que se vai facer...

Xa na casa gozo cos goles cos que Messi se vinga do gran Buffon en declive baixo unha enorme pancarta que reclama democracia.


Martes,12 de setembro de 2017

Retallos de BCN5: Aquí pasou o que pasou

Cando entre nós se debate sobre a situación de Cataluña, sobre o denominado “procés”, sobre a lei de desconexión ou  sobre o referendo do 1º de outubro, refírome entre persoas abertas e non cativas de nostalxias imperiais viradas ao cutre españolismo madrileño que nos abafa, sempre, os dunha opinión, doutra, ou dunha terceira acabamos coa frase: “eu non sei que vai pasar pero...”, e engádese: “terán que atopar unha solución”.

Hoxe fiquei convencido de que xa pouco importa como se resolva o 1-O. Ou mellor, agardando que a convivencia non se altere en exceso por parte dos que mandan nas forzas de seguridade do Estado ou o que é o mesmo das forzas para a inseguridade da cidadanía, hoxe, reitero, fiquei convencido de que Cataluña, a  maioría da sociedade catalá, en especial dos sectores máis dinámicos, influentes e determinantes da mesma xa se afastaron do Estado, xa están psicoloxicamente fóra dunha estrutura político-cultural-simbólica e ideolóxica que lles é allea.

    A actitude dos partidos do réxime do 78, os que pactaron coa burguesía catalá a reforma do franquismo, e teñen siglas (UCD-AP, hoxe PP, PSOE e PCE), provocou, en pouco máis de dez anos, que unha maioría social dos nacidos en Cataluña se cansasen dun estado ancorado nos ideoloxemas do franquismo, das restauracións borbónicas, da depresión espiritual de 1898; se fartasen dunha corte madrileña, petulante, soberbia, arrogante, papaleisona...; se fatigasen cunhas elites políticas españolas incapaces  de imaxinar as consecuencias de impoñerlle a Cataluña un estatuto bastardo. A cidadanía catalá non aprobou o estatuto actual senón que o fixo o parlamento español,  que en representación paternalista corrixiu a mala redacción dos súbditos catalás, realizada con 120 votos a favor e 15 (os do PP) en contra, en setembro de 2005.

Daquelas promesas zapaterís incumpridas, daquel “gracejo” andaluz no seu cepillado, do rebuscado argumentario co que o Tribunal Constitucional quixo xustificar  a súa laminación a instancias do recurso presentado por un Partido Popular entusiasmado co incendio, como Nerón,  e os réditos que lle ía producir na corte madrileña,  sen entender, nin preocuparse polas consecuencias que esa frustración, esa crispación, ían xerar na sociedade catalá. Mantivérona e non a emendaron. Como diría o ínclito Iglesias Corral: “aqui pasou o que pasou”.

A rebeldía xeneralizouse, pluralizouse, diversificouse e intensificouse co paso dos anos, sen que na corte madrileña ninguén fixese nada por evitalo, coidando, con arrogancia senil, que algún día cederían, que os burgueses sensatos desistirían dos seus compromisos, que Artur Mas non ía ceder ante as CUP, que non ían ser quen de plantar cara... sen decatarse de que  a crise económica foi algo máis que un desequilibrio numérico nos datos macroeconómicos senón que afectou con intensidade á  vida cotiá das persoas, fundamentalmente das clases medias  e dos mozos e que, agoniados pola crise, substituíron a burguesía na dirección do “procés”.

Non entenderon nada e pecharon todas as portas. Nin reforma constitucional, nin referendo, nin acordo transitorio, nin perestroika da monarquía. E entón fóronse, desconectaron, cansos de agardar. Xa non importa o que pase o 1-O. Xa van  alá. Só agardar que o sorriso se impoña ás enfermizas pulsións autoritarias do nacionalismo español.


Luns, 11 de setembro de 2017

Retallos de BCN4. Treboada gótica

Houbo conclave miñorán en Barcelona, máis en concreto de Gondomar. Entre os máis novos que traballan por aquí, este vaise e aquel vaise..., familiares de visita e turistas paseantes aínda armamos un bo barullo na terraza do Museu Frederic  Marés cando fomos pimplar uns vermús antes de xantar. Gozando do espazo e do reencontro debemos cabrear as forzas inescrutables da natureza que nos enviaron un “xáfec” que nos abrigou á procura de acubillo, coa fortuna de facelo en Santa María do Mar. Accedemos pola porta que dá á praza do antigo cemiterio das moreiras,  El Fossar de les Moreres , onde se lembra os defensores da cidade caídos na batalla do 11 de setembro de 1714 alí soterrados.

Cando iamos ás carreiriñas fuxindo da auga celestial, un amigo e compañeiro díxome, escribe algo sobre esta treboada gótica; insinuábame a chuvia evidente, a memoria de El Fossar, o gótico lanzal de Santa María e o debate político que, dous días antes, tomara forma lexislativa no Parlament e que ao día seguinte, non precisabamos ser adiviños, se expresaría, como noutras ocasións, con intensidade e tranquilidade democrática nas rúas do eixample barcelonés.

Unha vez no austero interior da catedral do mar, resaltado polos limpos piares octogonais e as paredes lisas, só interrompidas  polos contrafortes que medran cara ao interior, acordei da nosa Santa María dos Mareantes,  erguida  tamén polas xentes da ribeira, por mariñeiros de toda condición. Se a nosa xoia renacentista foi erguida polos veciños da Moureira que xuntaron aforros para contratar o mesmísimo Cornielles de Holanda, a barcelonesa cargou sobre as costas dos bastaixos, os estibadores, que subiron as pedras ata o Born para construír a resposta popular á exaltación do poder  que uns centos de metros máis arriba erguía a nobreza catalá na Seo.

Pero dentro observamos algo que dificilmente ollariamos en Santa María a Maior: a voda, con toda a parafernalia, dunha parella de, evidente, familias acaudaladas; o coro, os músicos, os adornos, os vestires, as formas... coidadas ao detalle. Sorprendían as bancadas inzadas de turistas que se protexían da choiva, admiraban a construción e observaban a cerimonia e, os que non estamos acostumados a estas cousas, admirábanos que esta se celebrara con absoluta fluidez na lingua propia do país.

Foi unha tarde agradábel de veciñanza fraterna nunha cidade acolledora.

Pola noite regresamos ao Born . Actos oficiais do “govern”, manifestacións de mozos con “torxes” e de novo a praciña das moreiras, ilustrada co texto de  Serafí Pitarra, poeta e home de teatro do século XIX: “Al fossar de les Moreres no s'hi enterra cap traïdor, fins perdent nostres banderes serà l'urna de l'honor”.

Domingo, 10 de setembro de 2017



venres, setembro 15, 2017

Retallos de BCN3. Asaltar o ceo

Onte pola tardiña achegueime ata a Plaça de Sant Jaume, o centro do poder político en Cataluña. Dunha beira o Palau de la Generalitat, da outra a Casa da Cidade; alí no corazón da  Ciutat Vella. Unha praza moi feituca pero pequerrechiña, nada que ver coa inmensidade granítica do Obradoiro ou a contundencia pétrea da Quintana. Fíxome graza que os dous centros de poder, o de toda Cataluña e o municipal de Barcelona, estivesen tan preto fisicamente. Un pode imaxinar a Puigdemont baixo a arcada renacentista falando, un pouco a berros, con Ada Colau, asomada no balcón neoclásico do Ajuntament de Barcelona. Nada disto acontece, é só unha ilusoria ficción.

A casualidade de paseante sen rumbo achegoume por alí cando un grupo nin escaso,  nin moi numeroso, reclamábanlle a popular alcaldesa a cesión de dependencias municipais para acoller as mesas de votación no referendo convocado polo Parlament o día anterior. “Volem votar” dicían os seus cánticos baixo unhas cantas bandeiras e entre algúns cartóns con mensaxes escritos a man como, máis ou menos, “querer decidir, non é independencia”.

Achegueime por alí despois de pasar un tempo sentado nas escadas de acceso á Seu, gozando do buligar dos grupos de turistas e o bulir da xente de caseta en caseta na Setmana del Llibre en catalá, escoitando a uns magníficos músicos de rúa (saxo, baixo, guitarra) que ían mudando de idioma en función da canción nun exercicio de multilinguismo nada papaleisón como do que  lles falaba hai dous días. Un paseo por entre as casetas da feira era suficiente para decatarse do magnifico estado de saúde da lingua catalá, os mais recentes best-seller alí estaban, mesmo a “Casa del Libro” do españolísimo Grupo Planeta, tanto na caseta da praza da Catedral como nas tendas que puiden ver, rotulaba “Casa del Llibre”.

Dous apuntes. Primeiro, decateime da enorme barreira que interpón o deturpado latín do centro entre os latíns deturpados do oriente e do occidente peninsular. Seguro que estou por riba da media lectora, mesmo da media simplemente informada, e apenas, agás uns poucos historiadores, coñecía dous ou tres nomes dos centos de escritores e escritoras, de ficción ou non, dos que se colgaban libros nos andeis. É a barreira esgazadora dun estado construído sobre a unidade imperial da lingua castelá e a monarquía católica.

Segundo. Neste oficio de poñedor de orella do que procuro gozar cando podo, ao pasar pola beira dun estrado con micros diante dunhas ducias de cadeiras, escoito a dúas mozas apuradas. Unha inquire, interpreto eu co meu catalán de ouvido, que van facer aí? Resposta: algo en defensa do catalán. A primeira: como se fose necesario!

As cadeiras ficaron ocupadas, aos poucos,  por persoas de mediana idade e maiores, elegantes no vestir e nos coidados complementos, de peiteados medidos e sorrisos abertos para asistir a un breve sketch teatral que supoño daría paso a algún outro breve acto. Uns cantos metros máis abaixo o exdeputado da CUP asinaba exemplares do seu último libro.

Regresando a San Jaume. E non sería preciso que dende o arco renacentista ou dende a balconada neoclásica alguén falase?; aínda que fose a berros. Os de Colau acusan os de Puigdemont de tratar de agochar a corrupción e os recortes baixo a alfombra do “procés”. Paréceme inxusto. Mais admitíndoo, non estarán Colau/Iglesias dominados por pulsións irrefreables de asaltaceos? Unha por conservar a alcaldía; o madrileño por chegar á  presidencia do goberno que cada vez ten máis lonxe. Asumirán ambos que o seu “nin contigo ni sin ti” provoque, como está a acontecer,  o encabuxamento do nacionalismo español ata o arrase da convivencia democrática?.

Sábado, 9 de setembro de 2017




Retallos de BCN2. Nacionalismo cívico

“Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.  I Asambleia nazonalista de Lugo, 17 e 18 de novembro de 1918.

Os galeguistas chamámonos nacionalistas dende aquela. Hai un século. Cando as nacións emerxeron despois da desfeita dos grandes imperios na Gran Guerra e tamén logo que os partidos obreiros, menos o sector bolxevique do POSDR, fincasen o xeonllo ante o chauvinismo nacionalista dos grandes estados.

Irrítame o vulgar simplismo de “todos os nacionalismos son iguais”. Primeiro porque non é certo e, en segundo  lugar, porque, se non fose tamén simple en exceso, a característica do nacionalismo é ser diferente. Nin é o mesmo o chauvinismo alemán que o francés, para citar dous nacionalismos historicamente expansionistas, nin é o mesmo o nacionalismo serbio que o croata, nin o irlandés que o catalán, nin o cubano que o norteamericano.

Ora ben, todo nacionalismo ten unha forte base sentimental. Grandioso nos expansionistas, melancólico nos defensivos. Esa intensidade amorosa excesiva, no senso chauvinista ou no da agoniante persecución,  pode ser corrixido cunha intensa racionalidade cívica que evite que o amor sexa máis forte que a razón e que a intensidade afectiva se dirixa non cara a unha etérea entidade protectora, a famosa naiciña Galicia, senón que se oriente cara á  cidadanía. Hai que querer un chisco menos a Galicia e un pouco máis os galegos e galegas; cómpre menos nostalxia da aldea de tempos idos e máis ecoloxía global; cómpre un nacionalismo máis laico, díxome unha vez un amigo, e menos relixioso.

Síntome parte desa tradición secular e nese punto de encontro entre o nacionalismo liberador e a esquerda múltiple de tradición democrática. Por iso me autodefino como nacionalista galego e polo tanto de esquerda porque nunca as elites interiores asumiron a súas obrigas dirixentes.

Matino isto en Barcelona.

Venres, 8 de setembro de 2017

xoves, setembro 14, 2017

Retallos de BCN1. Itinere

Apaño no quiosco un xornal nordista: “Contra la consulta ilegal”. Collo outro sudista: “El Parlament aprueba la ley de desconexión en una Cámara dividida”.  Andan os medios alarmados, paxinas incendiarias falan de golpe,  “atropello”, vulneración de dereitos, lei contra a democracia, “lodazal”, de aburridos e pesados , de querelas e gardas tras papeletas e urnas. En síntese, de  desafío. Valorosos aristócratas ofendidos no seu honor dispostos a retar os desafiantes a espada ou pistola, que escollan eses que non están orgullosos de seren españois!. Alguén pode entender que haxa quen  non desexe ser español? Alguén sensato pode rexeitar ser o máis grande que se pode ser?.

Iso nos titulares. Despois os profesionais da pluma engrandécenos, non en calidade literaria, senón coas súas “boutades”, no sentido máis propio do termo, isto é, o de  intervención pretendidamente enxeñosa, destinada polo común a impresionar. Moitos destes plumíferos, “paxaros escribidores” chamáballe unha veciña nosa hai moitos anos, nin xornalistas profesionais son. Son simplemente “opinadores”, non sometidos a máis ética que a da súa conta bancaria, sempre na procura do sobresoldo e, máis en segundo plano, na do certo recoñecemento publico que dá estragar papel. Noxentos a maioría deles. De opinións volubles, maleables  como o vimbio que se adaptan ao aire, sopre este de onde sopre, o caso é estar sempre colocado na dirección do aire.

Nunca entendín por que os movementos sociais,  culturais, sindicais e políticos galegos non foron quen, e seguen sen facelo,  de agrupar esforzos diversos e plurais para erguer uns medios de comunicación en papel, radio e tv. alternativos ao mundo da reacción conservadora antigalega e autoritaria. Aínda peor, cando algún xermolo pode consolidase os demais van por el non vaia ser que a estes lles saia ben e a nós non. Mentalidade da “miña leiriña”. Sen estes instrumentos, e son urxentes, a sociedade galega converterase nun parque temático de praias, cor verde e mariscos baratos preparados por xente servil.

Descendo do avión. Recollo a maleta. Pillo un taxi. Norteafricano. Sorriso. Educación. Disposición. Encamiñámonos cara á  cidade, mentres o radio-taxi transmite, supoño que en árabe, o taxista comunícase nun castelán amablemente dificultoso.

Asentados na cidade cuadrangular, procuramos algún lugar no que cear algo. Camiñamos amplas rúas, viramos algún que outro cruce achaflanado e de súpeto Café-Bar Galiza. Aténdenos un camareiro andaluz, sobrio de formas, anúncianos que teñen “Estrella de Galicia”. Asentimos e pedimos o pan con tomate e outras petiscadas. Tras de nós, dúas mozas, unha delas de orixe africana, falan un francés sureño; na outra beira dous mozos moi namorados en catalán; ao igual que a outra parella con vestimentas executivas de xornada laboral; noutra mesa dúas mulleres, entradas en anos, falan un castelán acatalanado.

A nosa conversa circula en galego e cando o formal e sobrio camareiro nos atende, sen decatarnos falamos no noso idioma, o home como se nada, normal, entende e atende sen estrañeza de ningunha caste e evidente rapidez e eficacia.

É xa tarde. O axudante de cociñeiro, de orixe asiática, leva tarecos de aquí para  alá. O cociñeiro, un home entrado en anos, con pinta de ser o dono, gástalle trasnadas a dous cativos de rostro oriental, supoñemos que descendentes do mozo auxiliador da cociña. O xefe cociñeiro prepara uns afiados avións de papel e ensínalles aos cativos asiáticos a elaboralos; saen á  rúa a probalos, voan ben; os nenos son espelidos e pronto lle collen o truco. O cociñeiro  de sorriso permanente explícalles en catalán como prolongar o voo do papeliño aviador. Eles rin as súas chanzas e marchan na compaña do mozo axudante de cociña, que consideramos pai.

Non atopamos desafíos, desigualdades, golpes, atropelos, “lodazais”, actitudes autoritarias, debates tensos, nin vimos ningunha democracia ameazada, aínda que preguntamos por ela  ao sobrio, formal, eficaz e rápido camareiro de orixe andaluza; díxonos que infortunadamente non coñecía ningunha democracia ameazada en Barcelona, nin en toda Cataluña, que iso debían ser cousas dos xornais de Madrid. “Aquí diso non hai”, xa o verán o luns. (referíase ao 11 de setembro, día da Diada).

Temiamos que o eficaz e sobrio camareiro andaluz fose un deses irresponsábeis  independentistas e nos quixese enganar.  Entre as gargalladas cervexeiras percorremos uns canto cruces achaflanados ata dar con outro Bar Galicia (lembre a persoa lectora que o anterior era Galiza). Nel sosegadamente tomamos uns vermús de Reus cun cubo de xeo, un toro de limón e unha oliva pinchada nun pauciño. Non tardou en vir outro vaso de liquido “negro” como lle din alí, pero non fomos quen de dar con algunha democracia ameazada, nin na rúa nin naquel bar rexido integramente por mozos chineses dos que estou seguro non sabían nin para que lado quedaba o noso país.

Ao non dar con ningunha democracia ameazada fomos durmir.


Xoves, sete de setembro de 2017