Cando
entre nós se debate sobre a situación de Cataluña, sobre o denominado “procés”,
sobre a lei de desconexión ou sobre o
referendo do 1º de outubro, refírome entre persoas abertas e non cativas de
nostalxias imperiais viradas ao cutre españolismo madrileño que nos abafa,
sempre, os dunha opinión, doutra, ou dunha terceira acabamos coa frase: “eu non
sei que vai pasar pero...”, e engádese: “terán que atopar unha solución”.
Hoxe
fiquei convencido de que xa pouco importa como se resolva o 1-O. Ou mellor,
agardando que a convivencia non se altere en exceso por parte dos que mandan nas
forzas de seguridade do Estado ou o que é o mesmo das forzas para a
inseguridade da cidadanía, hoxe, reitero, fiquei convencido de que Cataluña,
a maioría da sociedade catalá, en
especial dos sectores máis dinámicos, influentes e determinantes da mesma xa se
afastaron do Estado, xa están psicoloxicamente fóra dunha estrutura
político-cultural-simbólica e ideolóxica que lles é allea.
A actitude dos partidos do réxime do 78, os
que pactaron coa burguesía catalá a reforma do franquismo, e teñen siglas
(UCD-AP, hoxe PP, PSOE e PCE), provocou, en pouco máis de dez anos, que unha
maioría social dos nacidos en Cataluña se cansasen dun estado ancorado nos
ideoloxemas do franquismo, das restauracións borbónicas, da depresión
espiritual de 1898; se fartasen dunha corte madrileña, petulante, soberbia,
arrogante, papaleisona...; se fatigasen cunhas elites políticas españolas
incapaces de imaxinar as consecuencias
de impoñerlle a Cataluña un estatuto bastardo. A cidadanía catalá non aprobou o
estatuto actual senón que o fixo o parlamento español, que en representación paternalista corrixiu a
mala redacción dos súbditos catalás, realizada con 120 votos a favor e 15 (os
do PP) en contra, en
setembro de 2005.
Daquelas
promesas zapaterís incumpridas, daquel “gracejo” andaluz no seu cepillado, do
rebuscado argumentario co que o Tribunal Constitucional quixo xustificar a súa laminación a instancias do recurso
presentado por un Partido Popular entusiasmado co incendio, como Nerón, e os réditos que lle ía producir na corte madrileña,
sen entender, nin preocuparse polas
consecuencias que esa frustración, esa crispación, ían xerar na sociedade
catalá. Mantivérona e non a emendaron. Como diría o ínclito Iglesias Corral:
“aqui pasou o que pasou”.
A
rebeldía xeneralizouse, pluralizouse, diversificouse e intensificouse co paso
dos anos, sen que na corte madrileña ninguén fixese nada por evitalo, coidando,
con arrogancia senil, que algún día cederían, que os burgueses sensatos desistirían
dos seus compromisos, que Artur Mas non ía ceder ante as CUP, que non ían ser
quen de plantar cara... sen decatarse de que
a crise económica foi algo máis que un desequilibrio numérico nos datos
macroeconómicos senón que afectou con intensidade á vida cotiá das persoas, fundamentalmente das
clases medias e dos mozos e que, agoniados
pola crise, substituíron a burguesía na dirección do “procés”.
Non
entenderon nada e pecharon todas as portas. Nin reforma constitucional, nin
referendo, nin acordo transitorio, nin perestroika da monarquía. E entón
fóronse, desconectaron, cansos de agardar. Xa non importa o que pase o 1-O. Xa
van alá. Só agardar que o sorriso se
impoña ás enfermizas pulsións autoritarias do nacionalismo español.
Luns, 11 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario