martes, setembro 19, 2017

Retallos de BCN7: Soportar a frustración

Sigo a ter a sensación de que as elites españolas, ou mellor español-madrileñas, nesta nova usurpación do español, seguen perdidas na espesura do bosque da autocomplacencia.

O liberalismo conservador impulsou o seu proxecto de construción nacional sobre dous eixos: a acción do Estado e a expresión cultural de Castela. Imitouno o liberalismo progresista da Institución Libre de Enseñanaza e, con anterioridade,  a xeración  da depresión de 1898 ollaron en Castela, na súa historia e cultura,  o alicerce para a construción do nacionalismo español. Na súa paisaxe atopaba Giner de los Ríos unha “robusta fuerza interior, severa grandeza, nobleza, dignidad, señorío, esfuerzo indomable, gravedad, austeridad, carácter y modo de ser poético”; no carácter das súas xentes ollaba Azorín  “el tipo del campesino castellano castizo, histórico: noble, austero, grave y elegante en el ademán; corto, sentencioso y agudo en sus razones”. En definitiva “Pasaron siglos, Castilla se hizo España”, escribiu Joaquín Costa. Identificaron España con Castela.

Abandonada hai tempo a usurpación “castellanista”,  convertida en ermo pola acción absorbente  de poboación  e recursos da capital madrileña, as elites concentradas na corte reelaboraron unha nova deturpación de España nun aggiornamento formal dun nacionalismo español encastelado no dominio político, mediático e económico do estado,  exercéndoo coa fereza do propietario e o exceso da superioridade.

A capital e os seus arredores, entre 1960 e 2010 sumou catro millóns de persoas máis que fai que na actualidade rolde os seis millóns e medio; un millón menos que toda Cataluña e moito máis do dobre de toda Galicia. Ese crecemento reflíctese no PIB de Madrid que pasa dos 76.413M€ en 1995 aos 203.266M€ en 2015; o mesmo acontece co seu PIB per cápita que pasa dende os 15.100€ aos 31.812€. No mesmo espazo temporal  Galicia pasou dos 25.661M€ aos 55.701M€ e dos 9.400€ por cabeza aos 20.431€. O PIB per cápita no conxunto do estado era de 11.800€ en 1995 e 23.300€ no 2015. Os datos cataláns tamén teñen o seu interese, mentres o PIB de 1995 foi de 85.996M€, en 2015 foi de 204.666M€, un chisco superior ao madrileño pero cun millón de habitantes máis que se traduce en que o PIB por cápita en Cataluña sexa máis baixo, 14.100€ en 1995, 27.633€ en 2015.

Son asuntos de números que teñen a súa importancia, pero a convivencia, a democracia, a política non son só números, senón tamén sensacións, actitudes, sentimentos, medos e paixóns, e a miña percepción, posiblemente errada, é que as novas elites do estado, concentradas en Madrid, mesmo localizadas, con certeira chanza, no palco do Bernabeu, herdeiras das elites do franquismo, reformadas na transición, fixeron da constitución de 1978 a última fronteira de concesión aos “outros”. Esas elites teñen un problema de comprensión, de incapacidade para entender o outro, de non ser quen de soportar a frustración, a desafección, a crítica. De non ser así non se entende como seguen sen procurar solucións  á cuestión catalá, ou, como din eles, ao “desafío”, porque o consideran unha afronta, unha desconsideración, o desaire dun mal fillo, a “palabrota” maleducada dun subordinado. Non queren ceder porque pensan que os que mandan nunca dialogan cos mandados, que acordar é perder, que a avinza é claudicación, que o pacto é  capitulación, que a súa “grandeza” non pode ser nunca derrotada.

Deberían ir coutando a súa soberbia, as dereitas e as esquerdas melifluas. Debían recapacitar aqueles que piden garantías a Cataluña e non a quen pode dalas acordando un referendo, pactando unha solución democrática,  aqueles que  fan como o amo branco que lle quitaba as cadeas ao  escravo se lle prometían non fuxir.

Non vaia ser que o sentimento democrático, no seu propio territorio, onde se consideran a resgardo, os desborde. Non vai ser que xa ninguén confunda a Cebrián ou Pérez Reverte con Giner de los Rios ou Azorín. Non vaia ser que leven unha sorpresa.

Mércores,13 de setembro de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario