A
rúa, onte, amenceu lenta como dia feriado. Contra a metade da mañá, nos
chafráns das xeométricas prazas comezaba a actividade de descarga de caixas de
botellíns de auga, “samarretas” , bandeirolas... que baixo unhas lixeiras carpas
depositaban centos de persoas voluntarias da Asemblea Nacional Catalá,
convocante da manifestación programada para as cinco da tarde. Contra mediodía
as amplas beirarrúas comezaron a encherse de xentes de todas as idades
convenientemente ataviadas coas súas camisolas dun amarelo-verdoso fluorescente
cun Si, replicado en distintos idiomas, na parte dianteira e, nas costas, un
recordatorio de cada unha das grandes manifestacións da Díada dende 2012.
Moitas portaban tamén a bandeira catalá, ou esta adobiada cunha estrela branca
incrustada nun triángulo azul ou cunha vermella sobre fondo amarelo. Gran parte
delas acougan baixo as árbores que cada pouco asombran as rúas do eixample
mentres manducaban bocadillos ou froitas na agarda do momento de convertelas nunha
riada de xente practicamente inmóbil ata que, contra o final da tarde, o metro
e os autobuses comezaron a liberalas.
Esta
mañá a mesma rúa recobraba a normalidade. Os vehículos circulaban sen o agonío
doutras cidades. Aos poucos as alongadas tendas que teñen de todo, rexentadas
por persoas das máis variadas orixes asiáticas ou norteafricanas, encetaban a
súa actividade que non se deterá ata ben
avanzada a noite. Os taxis negros coas portas amarelas circulan masivamente. Mentres,
un home depauperado arrastra un carriño de supermercado co que se detén en cada
contedor de lixo a apañar cartóns, pranchas de madeira ou restos metálicos
diversos. Hai horas que os ocupantes dos caixeiros abandonaron o seu espazo
nocturno e recolleron os cartóns substitutorios do desexado colchón.
Nas
cafeterías dos chafráns das prazas os clientes consomen apurados os seus cafés,
as súas torradas con aceite ou as súas “cocas de forner” mentres comparten as
súas optimistas previsións para o partido desta tarde contra a Juventus. Nós optamos
por almorzar nun moderno establecementos de almorzos e comidas a base de
froitas, zumes, batidos, ensaladas etc. no que atenden catro mozos chineses moi
novos. A vida na cidade despois da masiva expresión da súa vontade no día de
onte recupera a normalidade. Un paquistaní insiste en rebaixarnos o prezo dunha
camisola para despois vendernos outros recordos para agasallo de viaxe, mentres
o taxista que nos leva ao aeroporto, nacido en Cataluña, dinos que tampouco
había tanta présa co da independencia... pero ben... que se vai facer...
Xa
na casa gozo cos goles cos que Messi se vinga do gran Buffon en declive baixo
unha enorme pancarta que reclama democracia.
Martes,12
de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario