venres, setembro 15, 2017

Retallos de BCN3. Asaltar o ceo

Onte pola tardiña achegueime ata a Plaça de Sant Jaume, o centro do poder político en Cataluña. Dunha beira o Palau de la Generalitat, da outra a Casa da Cidade; alí no corazón da  Ciutat Vella. Unha praza moi feituca pero pequerrechiña, nada que ver coa inmensidade granítica do Obradoiro ou a contundencia pétrea da Quintana. Fíxome graza que os dous centros de poder, o de toda Cataluña e o municipal de Barcelona, estivesen tan preto fisicamente. Un pode imaxinar a Puigdemont baixo a arcada renacentista falando, un pouco a berros, con Ada Colau, asomada no balcón neoclásico do Ajuntament de Barcelona. Nada disto acontece, é só unha ilusoria ficción.

A casualidade de paseante sen rumbo achegoume por alí cando un grupo nin escaso,  nin moi numeroso, reclamábanlle a popular alcaldesa a cesión de dependencias municipais para acoller as mesas de votación no referendo convocado polo Parlament o día anterior. “Volem votar” dicían os seus cánticos baixo unhas cantas bandeiras e entre algúns cartóns con mensaxes escritos a man como, máis ou menos, “querer decidir, non é independencia”.

Achegueime por alí despois de pasar un tempo sentado nas escadas de acceso á Seu, gozando do buligar dos grupos de turistas e o bulir da xente de caseta en caseta na Setmana del Llibre en catalá, escoitando a uns magníficos músicos de rúa (saxo, baixo, guitarra) que ían mudando de idioma en función da canción nun exercicio de multilinguismo nada papaleisón como do que  lles falaba hai dous días. Un paseo por entre as casetas da feira era suficiente para decatarse do magnifico estado de saúde da lingua catalá, os mais recentes best-seller alí estaban, mesmo a “Casa del Libro” do españolísimo Grupo Planeta, tanto na caseta da praza da Catedral como nas tendas que puiden ver, rotulaba “Casa del Llibre”.

Dous apuntes. Primeiro, decateime da enorme barreira que interpón o deturpado latín do centro entre os latíns deturpados do oriente e do occidente peninsular. Seguro que estou por riba da media lectora, mesmo da media simplemente informada, e apenas, agás uns poucos historiadores, coñecía dous ou tres nomes dos centos de escritores e escritoras, de ficción ou non, dos que se colgaban libros nos andeis. É a barreira esgazadora dun estado construído sobre a unidade imperial da lingua castelá e a monarquía católica.

Segundo. Neste oficio de poñedor de orella do que procuro gozar cando podo, ao pasar pola beira dun estrado con micros diante dunhas ducias de cadeiras, escoito a dúas mozas apuradas. Unha inquire, interpreto eu co meu catalán de ouvido, que van facer aí? Resposta: algo en defensa do catalán. A primeira: como se fose necesario!

As cadeiras ficaron ocupadas, aos poucos,  por persoas de mediana idade e maiores, elegantes no vestir e nos coidados complementos, de peiteados medidos e sorrisos abertos para asistir a un breve sketch teatral que supoño daría paso a algún outro breve acto. Uns cantos metros máis abaixo o exdeputado da CUP asinaba exemplares do seu último libro.

Regresando a San Jaume. E non sería preciso que dende o arco renacentista ou dende a balconada neoclásica alguén falase?; aínda que fose a berros. Os de Colau acusan os de Puigdemont de tratar de agochar a corrupción e os recortes baixo a alfombra do “procés”. Paréceme inxusto. Mais admitíndoo, non estarán Colau/Iglesias dominados por pulsións irrefreables de asaltaceos? Unha por conservar a alcaldía; o madrileño por chegar á  presidencia do goberno que cada vez ten máis lonxe. Asumirán ambos que o seu “nin contigo ni sin ti” provoque, como está a acontecer,  o encabuxamento do nacionalismo español ata o arrase da convivencia democrática?.

Sábado, 9 de setembro de 2017




Ningún comentario:

Publicar un comentario