Campaña a prol dos topónimos. BNG, Vigo, 1984 |
Coñecino
ao pouco eu chegar a Vigo, en 1981. Ambos profesores na vella FP
dunha materia chamada Formación Humanística, un interesante
remexido de cousas. O nacionalismo galego sufría unha crise
profunda; por erradas decisións políticas e pola fragmentación
cainita. En Vigo a desfeita era total. Daquela naceu o BNG. Formamos
parte dos primeiros consellos nacionais ata a asemblea crucial do
Carballiño. Alí deixámolo. Compartimos longas e pesadas viaxes a
Compostela, aínda non se rematara a navallada, que “O Carballo”
convertía en magnificas sesións de debate sobre o divino e o
humano, como a el lle gustaba. Mente analítica, sintética,
conceptual, brillante, contundente, provocadora...
Lembro
unha noite de regreso de Compostela; paramos en Caldas a estirar as
pernas e tomar un café. Entramos nun bar no que unha ringleira de
homes ancorados na barra miraban un Madrid-Barça.
Entrou e dixo: Visca o Barça. Aquela ringleira virouse como se fose
un só home e unhas olladas entre sorprendidas e rabiosas
atravesáronnos. “O Carballo” botou unha espontánea gargallada.
Así era o crente, cristián e paúl que quixo que o incinerasen, a
súa última provocación.
No
ciclo anual (2006-07) de Tertulias do Instituto de Estudos Miñoranos
tiven o pracer de convidalo. Funo buscar a Marín, pasamos longas
horas de conversas. Ao día seguinte achegueino á residencia dos
paúles e prolongamos a conversa. No camiño, antes de chegar a
Marín, meteu a man no peto, deume uns folios mecanoescritos e
díxome: por se os queredes publicar na vosa revista. O texto do
Carballo non era moi acaído para unha revista de estudos locais.
Algúns
días despois de saber, a través de Xan Carballa, da súa morte,
andei a remexer nos seus libros e no medio das súas magnificas
conversas con Xan e Santiago Prol rexurdiron os folios que me
entregara aquela mañá do sábado 13 de xaneiro de 2007. Aquí na
revista dos historiadores galegos fican públicos.
Como
cando o coñecín, hai trinta é cinco anos, a expresión política
da nación cidadá sofre unha profunda crise, por erradas decisións
políticas e a fragmentación cainita. Cómpre o tino e sabedoría de
varios Carballos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario