É
certo que xa antes se iniciara na creación literaria2
pero será con posterioridade á publicación de O
pacto galego... cando
se asente neste camiño3
no que acadou o premio Xerais (2004) e o García Barros (2006). Agora
achéganos un breve ensaio4
sobre o seu amigo homenaxeado co Día das Letras deste ano e unha
breve biografía para acompañar unha escolma dirixida ao mundo
escolar5.É
un lugar común, ademais dunha evidencia contable, que ao falar de
Manuel María se sinale o seu exceso de produción “só de poesía,
publicou corenta e sete libros, pode que algún máis que non aparece
nas obras completas...” (p. 7); “Nin a mellor guía crítica
parece capaz de orientar o lector entre os 1.525 poemas que, a risco
de erro, escribiu (p. 59). Veiga procura atopar unha razón para ese
exceso: “Pero ese número de libros que publica, a todas luces un
exceso, a que se debe? Reitéranse os temas: as reflexións sobre a
súa vocación de poeta, os pequenos detalles da natureza, a paixón
pola súa muller, a crítica política, o prego, a burla das modas. É
como dar voltas nun círculo, probablemente buscando a mellor
versión, a máis acertada, do mesmo sentimento. Pero non pode ser só
iso. Máis alá da estética, parece buscar algo” (p. 9).
Para
Veiga o Manuel, o seu amigo iniciador nas lecturas, andaba na procura
dun país porque o que tiña, o real, non lle satisfacía: “Vese
formando parte dunha cultura no transo de desaparecer como un val
asolagado, ben por asimilación exterior, ben por suspensión da
conciencia do seus propios protagonistas, unha cultura na que
escribir un libro de poesía é pouca cousa como fórmula de
resistencia” (p. 38) “... quizais estaba convencido de que a súa
vida consistía en asistir, sen podelo evitar, á destrución
paulatina do seu país...” (p. 10); “o seu destino parece
trazado. Coa súa barba, coa forza da súa mirada e a voz grave, coa
súa calma e obstinación, Manuel María parece destinado a ser o rei
dese país que tanto cita. Un rei sen coroa. Tanto que a situación
semella a do sebastianismo portugués, pero invertida. Chegou o rei,
pero poucos son os que o esperan” (p. 17-18).
Quizais
esta insatisfacción proviñese dunha certa incomprensión do país
propia do iniciático proxecto intelectual que precisa todo proceso
de construción nacional, sen vangarda cultural non se pode rozar un
bosque inzado de toxeiras e silvas; pero o carreiro non é único e
haberá camiños cando cheguen os claros no bosque e a diversidade de
itinerarios faise evidente. Ese percorrido que vai dende “Eu son o
druída de dazanove anos/ que se enguedella no teu amor,/ vermello de
lameiras e de ermos/perdidos no escuro dun castiñeiro/unha tarde
fría de inverno”6
ata “Ti amada, ollas como vou morrendo/en anacos pequenos cada día/
e nada podes facer para reterme/ á beira túa feliz e confiado”7.
Reitera Veiga esta dupla e recíproca incomprensión e insatisfacción
entre o poeta e o pobo “en Saturno
(1991),
poema de fasquía épica e remate infeliz, como corresponde ao motivo
clásico. Quen devora os seus fillos é Galiza, a “tribo suicida”,
imaxe que se repite en moitos outros poemas. Saturno
ten o interese de transparentar unha interpretación historicista e
romántica do nacionalismo, a través de cinco etapas: a inocencia do
país, a fase de construción na que se desenvolven os grandes mitos,
a colonización exterior, a dos poetas e galeguistas que esclarecen a
situación de dominación ante o pobo e finalmente a derrota, posto
que a cidadanía non escoita os que buscan redimila” (p. 56-57).
Esta visión idealista non é novidosa nalgúns nacionalismos, tanto
centrípetos como centrífugos, na Europa do século XIX e mesmo,
nalgúns casos, no século XX. Pero non foron as nostalxias
evocadoras do pasado as que construíron as súas realidades
políticas, senón os soños dun futuro mellor. Nestes retrousos
semella andar ensarillado, outra vez Sísifo, o galeguismo político,
o que pode entenderse nun país con tantas e tan boas persoas
cultivadoras da arte poética.
Lois Pererio e Manuel María |
O
achegamento de Manuel María coas novas xeracións poéticas non se
producirá ata “ben entrados os noventa, cando Manuel María fai
simbolicamente a presentación da poesía heterodoxa de Lois Pereiro.
(...) Era unha sorpresa, di un asistente ao acto9:
os dous poetas de Monforte, tan diferentes na maneira de escribir e
de vestir, alí xuntos” (p. 50). Pouco despois deste acto falecería
na Coruña Lois Pereiro; tamén nesta cidade finaría Manuel María.
Os dous poetas vinculados á cidade de Monforte, na que a intuición
dime que ningún deles foi feliz, en especial Manuel María. O caso é
que os dous foron recoñecidos pola Academia co seu Día das Letras e
Monforte converteuse nun lugar de referencia na cultura galega e en
especial na poesía, aínda que a Manuel María non poidamos nunca
afastalo da súa Terra Chá: “A Terra Chá somentes é:/un pobo
aquí e outro acolá,/mil arbres, monte raso,/un ceo chumbo e
tráxico/no que andan as aves a voar./O resto é soedá.” Paisaxe e
comunicación dous dos elementos constituíntes da poesía e da vida
de Manuel María como el mesmo dixo: “Entendemos que un ser humano
é, en esencia, un anaco de paisaxe posto en pé e camiñando.”
“Escribín por un irreprimíbel afán de comunicación cos meus
semellantes, e por gañarlle un mínimo espazo á morte”.10
Nestas
poucas páxinas Manolo Veiga achéganos a súa interpretación,
exclusivamente, da obra poética de Manuel María, pero tamén dende
a proximidade, dende a amizade forxada na convivencia física; nas
ideas compartidas, no activismo militante, na relación mestre-alumno
e nas moitas horas de chofer, que dan para falar, vai xurdindo o
Manuel María máis humano.
Manuel
non conducía, polo que tiña que andar na procura de transporte para
os múltiples convites, que non gustaba de rexeitar, fosen dar unha
conferencia, falar nun mitin, acudir a unha manifestación ou
recitar os seus poemas . Nun paralelismo con Otero, que sinalou con
tino Méndez Ferrín: “Podemos así decir que toda a vida de Manuel
María ten sido, e segue e seguirá a ser, unha viaxata interminable
polos vieiros da saudade, digo da Galicia que non se dá visitado,
que non se dá sentido nunca completa. Peregrino incansable de radios
curtos, como se definía a si mesmo Otero Pedrayo, sempre cun pé no
estribo do coche de liña...”11.
Falando na Libraida de Gondomar |
O
Manuel tamén tivo, e terá, as súa vitorias.
Veiga
M.: Biografías
de malogrados.
Espiral Maior, 2001
3
O
exiliado e a primavera.
Xerais, 2004; Lois
e Helena buscándose un día de tormenta.
Galaxia, 2006; O
profesor de vegliota.
Xerais, 2008 e Os
xornalistas utópicos, Xerais,
2013.
5
Veiga,
M. E Lastra, X.:
Manuel María. Vida, versos e rebeldía.
Xerais, 2016. Ilustracións de Nuria Díaz.
6
“Pregaria
dos dazanove anos” en Muiñeiro
de brétemas.
1950. Primeiro libro publicado por Manuel María.
7
“Os
carreiros da morte” en Camiños
de luz e sombra,
2000. Último libro publicado por Manuel María.
9
O
acto celebrouse
en abril de 1996. Aínda que segundo Iago Martínez habería outro
acto anterior, en 1992, no que Manuel María presentou o primeiro
libro de Lois Pereiro, Poemas
1981/1991.
Ver Martinez I.: Lois
Pereiro. Vida e obra.
Xerais, 2011, p.166
10
Manuel
María: A
Terra Chá:poesía e paisaxe.
Discurso de recepción na Academia. RAG, A Coruña, 2003.
Ningún comentario:
Publicar un comentario