Nestes
anos escoitáronse reprobacións mutuas,
reproches variados, recriminacións abertas entre a xente moza de hoxe en día e a
que o foi na idade dourada do estado de benestar ou nos breves instantes das
burbullas desencadeadas polo chamado capitalismo popular, cando todos eramos
ricos.
Enganástesnos,
escoitábase nos arredores dos mozos e mozas do 15M; prometéstesnos que se eramos
bos estudantes teriamos un futuro de esplendor e agora abandónastenos e
deixádesnos sen traballo ou prolongades o período de formación e non teremos
pensións de xubilación cando cheguemos á vosa idade...
E
que a xente nova agora non ten decisión ningunha, cando nós eramos novos...;
estes tivérono todo, criáronse con iogures, que se espilan; agora todo o tempo
dálle que dálle co móbil, nin falan...; e que nin protestan, cando nós eramos
novos estabamos todos os días na rúa...; bó se queren onde traballar hai.
Teño
a impresión de que a incomunicación chegou a ser profunda entre unha e outra
xeración e a incomprensión beneficiou, transformándose en votos, a quen
encirraba as disputas. O poder favoreceu a fragmentación xeracional, como animou
outras. Dende o inicio da crise e en especial no seu momento máis intenso
procurou enfrontar os mozos contra os vellos e estes contra daqueles. Unha
sociedade desintegrada en múltiples identidades que non dialogan ten menos
defensas contra a opresión. Isto non supón poñer en cuestión nin as
identidades, nin a defensa das mesmas, nin a súa precisa visualización.
Primeiro
tocou a precarización do traballo, a imposibilidade de autonomía persoal, ao
tempo que as pensións perdían poder adquisitivo. Con reproches mutuos, mentres se
lles deixaba facer aos posuidores do poder que pronto se decataron da potencial
carga transformadora da alianza que propón Badiou en La verdadera vida. Un mensaje a los jóvenes (Malpaso, Barcelona,
2017).
O
filósofo francés suxire unha liga militante entre mozos e vellos contra os
adultos actuais. Proponlle aos novos pegar un chimpo, como no salto do cabalo,
por riba da idade “dominante”, esa que vai dos trinta e cinco aos sesenta e
cinco anos, para procurar, en alianza cos vellos non resignados, a verdadeira
vida afastada do culto nihilista polo inmediato e o culto conservador polos
poderes existentes, ou o que é o mesmo, a paixón polo xogo e a paixón polo
éxito. Unha alianza, insólita, diriamos,
empregando a expresión coa que Eric Hobsbawm se refería á coalición temporal
entre o capitalismo liberal e o socialismo que permitiu derrotar o nazi-fascismo en 1945.
Formula
esta alianza, antiprodutivista e anticonsumista, confiando no seu potencial
revolucionario nestes momentos de crise, non do capitalismo financeiro que está
en expansión, senón pola construción dunha simbolización igualitaria da
colectivización dos recursos, da desaparición efectiva das desigualdades, do
recoñecemento das diferenzas mantendo a igualdade de dereitos.
Agora,
cando semella que a que chamaban “crise”, para disimular, veu para quedarse,
por moito tempo, polo tanto que non se trataba dunha recesión temporal, dunha
crise de ciclo curto ou longo, senón dun cambio de ritmo para acelerar o
proceso de concentración de capital, de apurar a tendencia natural do
capitalismo á monopolización, como xa prevía o vello Marx. Agora que o 10% da
poboación mundial posúe o 86% do capital dispoñíbel e o 1% ten o 46% dese
capital e o 50% da poboación mundial ten exactamente o 0% do mesmo, semella que
o potencial simbólico desa alianza é máis necesaria que nunca pero teño a
sensación de que a ruptura de comunicacións, como cantaba Robert Plant, é
profunda. Claro que aquel single de Led Zeppelin é de 1969.
Sábado,
17 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario