xoves, marzo 15, 2018

Despedida e peche


Hai 365 días que inicie estes Retallos. Era a miña pretensión acudir cada día cun folio, non a xeito de diario ou nota de axenda, senón como expresión ou mellor como exercicio ou esforzo por ordenar, nunhas poucas liñas, acontecementos, lecturas, sensacións, ocorrencias que de forma caótica, desordenada, propia dun saltimbanqui, dun diletante, como son eu, fosen pasando polo maxín unha xornada tras outra. E iso foi todo. Cumprido o ciclo, rematou.

Teño a sensación, mellor a convicción, de que neste ano o mundo ao meu arredor mudou moito, e para mal, en especial no asunto primeiro da liberdade. Os que vivimos sen ela nalgún momento sabemos do que estamos a falar. Temos a pel sensible para percibir este esvarar polo cavorco cara ao  mundo da escuridade. Esta deriva autoritaria agravouse despois do pasado 1 de outubro pero xa viña soprando a rebufo dos aires que viñan do norte.

No enceto temporal dos Retallos tivemos que falar de Casandra, unha moza tuitera que empapelaron e pretenderon encarcerar. Mais a prisión provisional fíxose realidade para dirixentes de organizacións sociais e representantes populares por delitos inexistentes e imaxinarios; o exilio fíxose necesario para quen non quere rematar na cadea. Penalízase xudicialmente toda manifestación de protesta e insubmisión, como lle está a pasar a un rapaz do Carballiño. Os medios de comunicación públicos convertéronos en protección blindada para os poderosos e os privados nos seus altofalantes, tanto é así que eu, asiduo lector de prensa en papel, tiven que abandonar esta actividade matinal para evitar trastornos estomacais graves. A un cómico móntaselle un cirio, nunca mellor dito, mediático e descoñezo se penal por non sei que santa referencia xusto na época do ano no que se lle pode revirar o forro á sociedade. Ordénase o secuestro dun libro despois de anos publicado. Ameázanse as redaccións e as editoras. Santifícase unha Constitución e leis dela derivadas como se fosen sentenzas coránicas ou infalibilidades papais. Perséguese o pluralismo político, a diversidade cultural, as diferentes lexitimidades.

Merece referencia aparte a persecución da mocidade e dunha das súas expresións estéticas e musicais máis interesantes, o rap. En especial a multa de 4.800€, a inhabilitación por oito anos e un día e a condena que pode supoñer prisión, dous anos e un día, da Audiencia Nacional contra os doce rapaces de La Insurgencia, algúns deles vigueses, acusados de enaltecemento do terrorismo. A sentenza considera que fan unha gabanza continuada dos GRAPO, a estas alturas. Unha maxistrada emitiu  voto particular  porque considera que o único que pretenden é chamar a atención e rimar a “toda costa”. Os rapaces afirmaron que o único que transmite a súa música é a rabia dunha xeración sen futuro. As persoas interesadas poden escoitalos aqui.

O número de rapeiros enleados polas autoridades vai en aumento (Eligio, Pablo Hasel, Valtonyc...) nesta cruzada contra a palabra rapeada e tamén os sectores da mocidade revoltada contra a estupefaciente marxinalidade: “Mis héroes no son capos, mis héroes son GRAPOS, lánzame el tirito que yo no entro al trapo". (Saúl Zaitsev).

Pechamos pois os retallos cun amargor polas reiteradas coercións das liberdades porque, como dicía o fidalgo, non temos obriga: “La libertad, Sancho, es uno de los más preciosos dones que a los hombres dieron los cielos; con ella no pueden igualarse los tesoros que encierra la tierra ni el mar encubre; por la libertad, así como por la honra, se puede y debe aventurar la vida, y, por el contrario, el cautiverio es el mayor mal que puede venir a los hombres. Digo esto, Sancho, porque bien has visto el regalo, la abundancia que en este castillo que dejamos hemos tenido; pues en mitad de aquellos banquetes sazonados y de aquellas bebidas de nieve me parecía a mí que estaba metido entre las estrechezas de la hambre, porque no lo gozaba con la libertad que lo gozara si fueran míos, que las obligaciones de las recompensas de los beneficios y mercedes recebidas son ataduras que no dejan campear al ánimo libre. ¡Venturoso aquel a quien el cielo dio un pedazo de pan sin que le quede obligación de agradecerlo a otro que al mismo cielo!”.

Mércores, 28 de febreiro de 2018


2 comentarios:

  1. Pois se é unha despedida dicir que é unha mágoa.
    Sigo o teu blogo dende hai pouco e prestábame bastante.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitisimas grazas paideleo.
      Rematou o exercicio dun ano de Retallos foron 365 dias, pero é moito. Seguirei con blog pero de cando en vez e con outro tipo de traballos. Ti mantenlle tamén o blog a Leo. Un saúdo

      Eliminar