Varios
“patrol” da Garda Civil collían naquela balea azul vomitada polo mar sobre a cativa
praia enxertada no istmo de Monteferro. Algún alumno de Panxón avisoume: Profe,
cacho maquina apareceu varada na Area Fofa! Cando rematei, achegueime. Alí
estaba, rodeada de gardas civís de verde e doutros vestires que miraban e
remiraban por aquí e por acolá. A cousa non era doada de entender. Era febreiro
de 2009. A prensa recolleu amplamente a nova. Vinte metros de eslora, sete motores
de 300 cabalos, GPS, radar, teléfono por satélite, 20.000 litros de gasolina, café,
auga, cervexa, alimentos. Preto, un bote salvavidas, aínda cos remos. O
escenario non era doado de interpretar. Algúns dos motores estaban rotos,
seguramente por bater contra as rochas que acochan o breve areal; deberon
abandonar a planadora, aínda hoxe non se
sabe por que, baixar no bote e fuxir
polo monte, ao mellor ata non moi lonxe; é posíbel que tivesen refuxio preto. O mar arrastrou a balea azul, bateuna
contra as rochas e ficou varada ao baixar a marea.
Anos
despois souben, grazas ao libro de Carretero, quen era. Era a Patoca! A xoia da
flota do Patoco, Manuel Abal Feijoo, cabeza dos clans de narcotransportistas
que substituíran a anterior xeración, a dos célebres narcos da Operación
Nécora. Cando foi aquel xuízo, O Patoco, aínda imberbe, estaba xa imputado. Ao
preguntarlle por unha foto ao pé dunha planadora en Viana do Castelo, respondeu
que a fixera para a súa moza, como outros a fan á beira dun Ferrari ou dun
Porsche. Din que con oito anos xa manexaba e facía o pino coas lanchas polo
medio das bateas.
Cóntalle
un Garda Civil a Carretero que un día, pouco despois do cambio de século,
mentres patrullaba con outro compañeiro pola ría cruzóuselles unha planadora,
ou o que fose, porque voaba. Ocorréuselle ir tras dela. Saíron da Arousa e
entrou na ría de Muros como quen dobra unha esquina, di o informante. Eran
rápidos e bos. Pero nun momento metéronse nunha rateira, quedando sen saída. A
lancha da Garda Civil tíñaos contra nun recanto. Entón a planadora ergueuse
como unha moto facendo o cabaliño, púxose en vertical, virou sobre si mesma,
deixárona caer e arrincou a tope no sentido contrario. Andaban a xogar. Era o
Patoco.
A
Patoca desenvolvía 126 km/h de velocidade punta e constante. Doce horas de
viaxe entre a Arousa e os Açores, ao
contacto co barco tanque colombiano e veña de volta cargada a tope, rebotando
contra o mar coa sensación de que vai partir a lancha, empapados, como debaixo
dunha fervenza, escoitando o ruxido do motor, das ondas e do mar rompendo
contra a máquina. Esa velocidade eran
capaces de mantela non só en mar aberto, senón no medio da ría entre bateas e
rochas. Seica o casco e os aparellos custaran 100.000 euros e outros tantos
cada un dos sete motores.
Cando
A Patoca ficou varada na Area Fofa, non a conducía o Patoco. Un ano antes
falecera ao atropelar cunha moto un
vello que estaba cruzando mal. Morreron os dous.
Velocidade
e cartos fáciles engaiolan a mocidade. De haber unha Formula 1 de planadoras ao
mellor o Patoco era tan famoso, respectado e rico como Fernando Alonso. Famoso érao
en Cambados, entre os clans dos narcos, a garda civil e nos xulgados; rico en
billetes e propiedades das que non podía gozar; respectado, daquela xa non afortunadamente.
As mulleres de Érguete conseguiran tirar abaixo a imaxe de Robin Hood que aínda
tiñan os primeiros narcotraficantes.
A
Patoca, agora, seica serve para patrullar polo Océano Índico escoltando os pesqueiros
para protexelos dos piratas somalís. Seguro que a levan máis a modo.
Mércores
21 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario