domingo, marzo 04, 2018

Conversa con paella



Seica Luís de Guindos nos vai abandonar. O seu moito valor  chamouno a empresas de máis alto fuste. Din que se vai sentar, non sei se á  destra ou á  sinistra, nada máis e nada menos que á beira do poderoso Mario Draghi.

Unha fulgurante carreira na administración e na empresa. No seu devir nunca se distinguiu moi ben unha cousa da outra, pasando de consellos de administración a  cargos públicos e destes para os outros sen alterar a continuidade.

Brillante analista económico, sendo secretario de Estado de Economía no goberno absoluto de Aznar, declarou que en España non había burbulla inmobiliaria senón “una evolución de los precios al alza”.

Nese tempo teceu unha estreita amizade co seu ministro Rodrigo Rato. Tras perder as eleccións de 2004, nomeárono membro do Consello Asesor de Lehman Brothers en Europa e director para España e Portugal, cargo que exerceu ata que o banco quebrou e arrastrou a economía internacional á crise financeira de 2008, mais a súa valía permitiulle pasar á  división financeira de PricewaterhouseCoopers, unha desas auditoras que miran sempre para un lado.

Regresou á area pública como ministro encargado de tres cousas: a contención drástica do gasto (vulgo, recortes en plan besta), reforma laboral (ergo despidos baratos e recortes dos salarios) e do sector financeiro (que o peixe grande se pape ao cativo). O seu regreso ao Ministerio coincidiu co golpe de estado dos tecnócratas en Grecia (Papademos), Italia (Monti) e no BCE con Draghi, agora o seu xefe directo. Este, na súa carreira, conta con páxinas gloriosas, como cando, sendo vicepresidente de Goldman Sachs, asesorou a Karamanlis para ocultar a magnitude do déficit grego. 

Varufakis fai varias referencias a De Guindos nas memorias temporais ás que nos referimos en varias ocasións. Nas reunións do eurogrupo coincidían un ao lado do outro. Un día de especial tensión para o heleno foi cando, despois de que Tsipras aludise a que o FMI tiña unha responsabilidade criminal no caso grego, Christine Lagarde, sentouse dicindo: “ola, chegou a xefa dos criminais”. Nesa reunión, Dhragi, na vez de procurar alternativas, limitouse a recitar a cantidade de millóns de euros que os depositantes estaban a retirar dos bancos día tras día; en plan simpático De Guindos inquiriu, mañá abrirán os bancos?; Coeuré, o axudante de Draghi, retrucou, si, mañá abriran, pero o luns? Apunta tamén o autor que o ministro español non perdía oportunidade de aliñarse con Wolfgang Schäuble cada vez que tiña oportunidade en cotra do goberno de Syriza.

Nunha ocasión, no despacho do español, tomando unha paella e un viño tinto, De Guindos sorprendeuno pola súa afabilidade e propoñéndolle estar no mesmo bando gregos,  italianos e españois. O grego preguntoulle: Que me estás a dicir. Xa non estades interesados en acabar co noso goberno? Reproduzo o que ven a continuación:
“Luís se lo pensó un instante.
-No, ya no –dijo con una sonrisa traviesa
-¿Que ha cambiado? –pregunté-. Tenía la impresión de que te habías unido a Wolfgang en su busqueda del grexit.
-Lo que ha cambiado –respondió Luís pensativo- es que para nosotros Podemos ya no supone una amenaza comparable a la de hace unos meses."

A conversa foi o 8 de maio de 2015. Debeu ser o efecto da paella e da copa de viño.

Luns, 19 de febreiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario