Andei
onte por San Pedro de Rochas. Aquelas pedras furadas, húmidas e sombrizas
transmiten séculos. Aquelas covas antropomorfas reiteradamente ocupadas polo po
no que nos seguimos revertendo desacougan cun súpeto remuíño. Seica unha placa,
considerada fundacional, cita o ano 573. Miro sería o rei do Gallaecium Regnum.
É
un dos templos cristiáns máis antigos. Tres naves escavadas. Na central, un oco
permite a entrada de luz. O primitivo mosteiro seica ficou deserto coas
invasións musulmás ata que, segundo a lenda, un nobre chamado Gemondus, a
finais do século IX, descobre aquela
paraxe ben diferente da actual inzada de arbores, e retírase alí para facer vida de oración e
penitencia. Logo vaise creando unha nova comunidade.
Na
capela da esquerda, onde se entende que está o sepulcro do lendario nobre
restaurador do cenobio, nunha parede consérvanse restos dunha pintura ao
fresco, datada entre 1175 e 1200, na que se amosan figuras dos apóstolos nun
mapamundi que os expertos identifican co reproducido no Beato de Osma, datado en 1086, e quizais
confeccionado no mosteiro leonés de Sahagún. Na realidade o mapa é unha carta
da diáspora apostólica que indica os lugares onde predicou cada apóstolo.
San
Pedro de Rochas viuse moi favorecido por Afonso III o Magno (866-910), que o
dota con grandes doazóns confirmadas por outros reis. Un documento datado en 1007
polo rei Afonso V (999-1208) confirma e amplía os privilexios.
Retornando
ao mapamundi. Se é o de Osma, datado en 1086, fixérono nos inestábeis tempos das disputas monárquicas
entre irmáns: García, Sancho e Afonso que co ordinal de VI reinaría en Galicia, León Castela e Toledo dende 1073
ata 1085. Se as datas do mural de San Pedro de Rochas son as que demos estariamos
nos últimos anos do reinado de Fernando II (1157-1188) ou nos primeiros anos de
Afonso VIII, o que na historiografía española ordenan como IX, (1188-1230).
O
mapamundi é unha representación esquemática do mundo na que o tamaño do
representado indica a importancia do mesmo. Trátase dun circulo, rodeado polo
río Océano no que o Mediterráneo ocupa o centro vertical do mesmo, máis ben
ovalado no debuxo, facendo a barra vertical dunha especie de T. O Nilo e o Ponto
Euxino, debuxan a barra transversal da T. No centro iconográfico está Xerusalén
e o Mar Vermello separa o mundo coñecido do descoñecido, o África. O
esparexemento dos apóstolos represéntanse cun debuxo da cabeza dos mesmos cos
lugares de referencia. Só en dous casos non se recorre a esta iconografía, no
de san Pedro e no de Santiago; ambos se representan dentro dun edificio con
torres: Roma e Compostela, sendo evidente o maior tamaño desta que indica a
maior relevancia da mesma, no momento da súa consolidación e expansión como
cabeza do mundo cristián e remate do camiño francés.
Na
banda esquerda está Europa. A península Ibérica ocupa a franxa inferior,
sinalada por unha contundente liña vermella que representa os Perineos. Na
representación, o espazo central, que ocupa a maior parte, está ocupado por
Gallecia, co, como dixemos, enorme edificio da catedral compostelá e no seu
interior o rostro do apóstolo. Por riba un enorme Faro (A Coruña) e por tras
Asturias. O espazo está delimitado polo leste polo curso de dous ríos: Miño e
Douro. Despois un territorio, Spania, onde está un edificio de moita menor
dimensión que corresponde a Toletum e a referencia a Terragona, Carthagine? e
Olisbona.
É evidente
que o mapa representa a visón xeopolítica do reino cristián do norte construído
arredor do culto a Santiago e do camiño
que nos relaciona con Europa e do papel de primacía da Sé Compostelá sobre
Toledo, a capital do desaparecido reino visigodo no que os futuros reis de
Castela procurarán a “inventio” da lexitimidade.
Aínda
na actualidade, con técnicas de representación perfectas, seguimos a facer
trampas nos mapas, e Europa, esaxerada en extensión, representa o poder central
da súa cultura, mentres seguimos reducindo as dimensións da marxinal África,
por poñer un exemplo.
No
mapamundi de Osma, Gallecia é o centro do mundo cristián, da mesma categoría
que Roma, aínda que de maior tamaño, e moi superior en forza e categoría a
Toledo que o mesmo Afonso VI viña de tomar aos musulmáns.
Domingo,
25 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario