xoves, marzo 08, 2018

Bruxas en Baiona


Francisco Goya, "O Sabá das Bruxas" (1821–23).Museu do Prado, Madrid 

 Que eu recorde, entre nós, por primeira vez está convocada unha folga de mulleres contra a discriminación salarial e a dupla quenda laboral. Coinciden moitos historiadores en que a transformación máis revolucionaria do século XX foi a que realizaron as mulleres, en especial despois de 1945, cando os homes as quixeron mandar outra vez para a casa, como fixeran en 1919. Non caeron na trapela, agarráronse aos postos de traballo que deixaran os homes cando andaban a se matar polos campos de batalla. Aguantaron a presión, resistiron e foron ocupando o seu espazo como xa fixeran cando conquistaran o dereito a voto e farían despois co respecto ao dereito ao propio corpo. A revolta non está concluída. A cultura patriarcal segue sendo dominante e segue a ser unha das ideoloxías  vertebradoras dos estados e das sociedades.

A violencia física, intelectual, a culpabilidade decretada e asumida, o insulto, o desprezo, a condenación, é unha constante, unha pauliña bíblica, contra da que só elas se poden arrepoñer. A demonización do marxinal é unha das armas do poder, por iso a persecución baixo a acusación de bruxería foi unha das actividade primordiais do celebre Santo Oficio ou Tribunal da Inquisición. O seu longo brazo estendíase por todos os recunchos. Con absoluta perseveranza os inquisidores investigaban a mínima sospeita de contubernio co demo.

No noso país a palabra bruxa non era moi empregada. O termo máis empregado era o de meiga. Ora ben este ten unha connotación positiva. A meiga é a muller que sabe das artes de curar: a curandeira, a sandadora; coñece as herbas que sandan, domina técnicas como as do aborto, e sabe das enfermidades das mulleres. O seu coñecemento transmitíase, e segue facéndose aínda que menos, entre iniciadas. Nos tempos nos que a medicina tiña evidentes limitacións ou era inexistente, como nos medios rurais, as meigas eran a esperanza para recuperar a saúde. Por máis que algunhas meigas garatuxeiras puidesen tamén provocar certas maldades cos seus poderes.

Volvendo ao Santo Oficio, en Baiona tamén houbo, cando menos, un caso de bruxería. Os datos tomámolos de Herminio Ramos nas súas Crónicas Históricas de la Villa de Baiona. O autor reproduce literalmente unha Real Provisión da Real Audiencia da Coruña do 26 de Abril de 1646 na que se resolve o litixio contra tres mulleres de Baiona e o Correxedor da vila.

O documento refírese á  querela do Fiscal da Súa Maxestade contra María da Misa, muller de Gregorio do Cotro, Mencía Alonso, muller de Benito Salgueiro, e Dominga Alonso, muller de Alonso da Barxa. Na vista da Real Audiencia tratouse do preito que se celebrara ante o Correxedor de Baiona para ver se as mulleres eran feiticeiras. A Audiencia condenou as mulleres con trinta mil marabedís e oito anos de desterro, e o Correxedor, García de Valcárcel, a unha multa de dez ducados.

A condena contra o Correxedor fundamentouse en non executar a sentenza de tormento contra Constanza Alonso, coñecida polo alcume de “A Priora”. Na vez de facelo, a autoridade municipal admitiu a petición da Priora, na que aduce que sendo de setenta anos, enferma e fraca, confesou por medo ás torturas.  García de Valcárcel recolleu a declaración de Constanza Alonso e engadiuna ao preito, comunicándolle á muller a condena a tormentos en presenza do oficial encargado de sometela a tortura.

Esíxelle á Priora que diga a verdade, se é feiticeira e ten pacto co demo ou persoa na súa representación e que aclare se as acusacións contidas no proceso as cometera por causa e arte diabólica. Comunícalle tamén que se confesa estaría disposto a non darlle tormento, mais que se non o fai procedería contra ela. A Priora respóndelle que non  empregara ningunha arte diabólica, senón que era vítima das inxurias de aqueles que lle quería mal  porque, sendo viúva dende había dezaseis, anos fora quen de criar os seus moitos fillos.

En vista desta resposta o Correxedor, atendendo á moita idade e á enfermidade da muller,  temendo que fose morrer no tormento, deu sentenza na que absolveu a Constanza Alonso e as outras dúas mulleres  axuizadas, apercibíndoas de que vivisen ben, que, de non ser así, serían castigadas.

A sentenza do Correxedor apelouna o Fiscal da Audiencia e cando os enviados  da Audiencia foron na procura das tres mulleres presas, estas andaban en liberdade por orde do Correxedor García de  Valcárcel. Por estes motivos a Audiencia ordena o cumprimento das ordes de desterro contra as tres mulleres e facer  pública, no libro do Concello, a sentenza contra o Correxedor de multa de dez ducados e as custas do xuízo.

O Correxedor, García de Valcárcel, debía ser un home sensato e debía coñecer ben a vila de Baiona, polo que acusacións repentinas contra mulleres que non tiveran problemas coa xustiza levaríao a tomar as inculpacións con certa cautela. Pola contra, unha estrutura xudicial, a Audiencia, afastada da realidade concreta e moi ideoloxizada, vería nestas retesías vilegas unha boa oportunidade para reafirmar a súa función de defensa da fe e de protección contra o maligno.

    Por aqueles tempos dos que falamos non eran estraños estes procesos xudiciais. Un dos que tomou sona foi o de María Soliño. Entre este e o da súa veciña da outra beira da ría  Constanza Alonso “A Priora” hai certas semellanzas. As dúas son mulleres duns setenta anos e ambas vítimas de envexosas maledicencias. No caso de María Soliño está algo máis que claro, xa que os acusadores beneficiáronse co reparto das súas terras despois da morte da muller empobrecida pola destrución dos seus bens tras o ataque dos piratas turcos a Cangas, en 1617. María Soliño morreu en outubro de 1621, despois de sufrir tortura e mutilacións e non confesar un fantasioso pacto co demo.

Ao mellor o correxedor de Baiona, cando tivo que decidir sobre as  torturas á Priora, matinou no que lle acontecera a María Soliño 25 anos antes.

Vai por todas elas, as perseguidas, de onte e de hoxe.

Xoves, 22 de febreiro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario