xoves, marzo 15, 2018

Nunha conferencia


Xa hai ben anos que Hobsbawn nos advertira contra a “actual tendencia de los novelistas a basar la trama de sus obras en hechos reales en vez de en argumentos imaginarios, con lo cual se desdibuja la frontera que separa la realidad histórica de la ficción”. Ben apercibido estaba, aínda así piquei na trampa cando mo presentaron non só como escritor prolífico senón tamén como investigador histórico. Co que cada un destes cualificativos poidan significar. Acudín como burro con orelleiras sen comprobar nin unha breve referencia sobre o ilustre conferenciante.

Hobsbawn, como sempre, confirmou o atinado das súas intuicións, o fundamento dos seus argumentos. É ben simple, quen valore a literatura por títulos e quilos e careza da farturenta imaxinación precisa para crear mundos literarios propios ten que recorrer a esa fonte inesgotábel de historias que é “a historia”. Se é quen de pervertela coas máximas posmodernas de que os “feitos” non son máis que creacións mentais aos que se lle presupón unha existencia obxectiva... ala, tira para adiante e escribe libros. Nun momento, o palestrante afirmou que como máis do 80% dos documentos referidos á II Guerra Mundial non os leu ninguén, en calquera momento pode saír un historiador que presente un mangado de documentos e reelaborar o relato daqueles anos. Isto é, Hitler está morto; mais, e se non o está? Non fica clara a diferenza entre realidade e ficción. Mais esta existe e é fundamental que os historiadores sexan quen de distinguila. Semella que todo é gris, mais existen as cores. O historiador non pode inventar os feitos que estuda. Pode coñecer máis ou menos sobre eles pero non converterse nun mago con  chistera da que xorden feitos tan sorprendentes como pombas ou coellos.

Dixéranme que era sobre historia. O señor preparou unha clase para como moito cuarto da ESO, será ese o nivel medio do que se considera divulgación, pregunto. En verdade non lle interesan os feitos, senón a reelaboración literaria para axeitalos ás súas creacións imaxinarias. Xa que logo podía responder con tranquilidade ante varias preguntas porque simplemente non lera os libros nos que se falaba dos asuntos sobre os que se lle inquiría e o que lle conviña era ir saltando de milenio en milenio, dunha cousa a outra, como se fai na macrohistoria pero sen a bagaxe  de coñecementos, técnica e documental para andar dando tombos pola historia dos feitos humanos. Unha perda de tempo.

Iso si, adobiada coa consabida exculpación da nosa colonización porque outras foron peores. Na realidade só foron diferentes, porque o tempo histórico era outro. Como remate, o consabido chiste. Xa imaxinaran vostedes sobre que. Si sobre cataláns.

Martes, 27 de febreiro de 2018



Ningún comentario:

Publicar un comentario