luns, marzo 05, 2018

E a heroína?


Hoxe sóubose  que un  ínclito exalcalde “popular” grovense de cuxo nome non merece a pena lembrarse saíu do seu agocho na periferia da corte madrileña para demandar, en sede xudicial, o secuestro cautelar do relato xornalístico de Nacho Carretero,  Fariña, publicado en setembro de 2015. En xaneiro de 2018 o home decatouse de que estaban a vulnerar o seu dereito ao honor. Así o acordou a xuíza sinalándolle ao demandante a cantidade cautelar de 10.000 euros. Mentres non se faga o deposito o libro seguirase vendendo.

A tardanza no reclamo do amparo da xustiza parece estar máis en relación coa próxima estrea dunha serie de televisión que terá como base a narración xornalística de Carretero para a que o egrexio edil demandou a paralización. A xuíza non considerou este extremo xa que nin se coñece a data de emisión nin o guión da mesma polo que lle semellaba desproporcionado.

A editorial viña de reeditar o libro (10.000 exemplares) para aproveitar o lanzamento da serie televisiva. Teño entendido que en breve publicarse a versión galega da investigación de Carretero.

No libro hai dúas referencias ao meco. A primeira, unha nota ao pé, na que se di que un coche no que se transportaron 300 quilos de droga, “tal y como descubriría la investigación años despues, estaba a nombre de Alfredo Bea Gondar: alcalde de O Grove, afiliado al PP (otro  más) y procesado en 2001 por un alijo de dos toneladas de cocaína”. A segunda, referida a este procesamento por intermediación entre narcos.

A poeira erguida pola demanda e a estrea da serie volverán retrotraernos ás épocas do fume e da fariña. A lembrarnos que na Arousa mercábanche os décimos premiados da lotería polo duplo ou triplo do premio; do que gañabas deixando a chave do galpón ou da casa de verán; de Marcial o da motora, o seica fillo de Terito; de coches, motos e forabordas con varios motores; de restaurantes e luxos; de alfombras persas que a dona da casa non deixaba pisar; de comedores pechados con chave porque só eran para ensinar; pero tamén dunha mocidade desfeita, entregada, derrotada, de zombis adolescentes, de morcegos adoecidos polas primeiras raiolas de luz; de desaliño, desleixo, vómitos e sucidade.

Volveremos remontarnos á Sicilia, ás mafias, aos clans enxebres, a nomes coñecidos, ás necesidades de reprodución das elites franquistas; ao éxito mundial da caste albariña estercada con billetes fumegantes ou enfariñados. Mais eu terei que seguir preguntándome, tamén despois de ler o libro, de onde saía a máis perversa de todas, aquela que se comezaron a espetar unha parte da mocidade inconformista da Compostela dos últimos anos setenta, aquela que se difundiu polos barrios proletarios de Vigo nos oitenta, a que laminou vidas, estragou familias, limitou ilusións, castrou conciencias.

Segue sen aclarase de onde procedía a heroína que matou os fillos de Carmen Avendaño. Sabemos ben de como chegaba o Winston, sabemos dos ires e vires de Oubiña co seus fardos de haxixe o diñeiro escondido na “vigha” segundo a defunta vampiresa Esther Lago, coñecemos as aventuras colombianas de Sito Miñanco e os seus rallys entre bateas; mais as referencias á heroína son moi escasas nas case catrocentas páxinas do libro: unha á “charlina” e outra aos búlgaros. É todo? Alguén a introduciu?, alguén a distribuíu?, non era unha rareza. Seguimos a descoñecer a súa parte máis sinistra e horríbel. Aquela que levou a Nico, un mozo que tratei e do que un día recuperei a súa memoria ao velo na capa dun Futuro imperfecto, o brutal relato escrito polo seu amor, Xulia Alonso; aquela que arrasou vilas como Monforte; aquela da que segue habendo unha parte escura.

Descubriume, pola contra, o libro dous aspectos que, en parte, ignoraba.  Por unha banda, o asunto do tráfico da cocaína segue máis ou menos igual, só que agora os narcos son máis discretos. Pola outra, a cantidade de mortos xerados polas disputas interclánicas que, afastados dos números das grandes estruturas mafiosas, si que asustan un pouco cando ves a pinga-pinga que Carretero vai anotando.

Imos ter un déjà vu siciliano.

Martes, 20 de febreiro de 2018





Ningún comentario:

Publicar un comentario