Percibo
frustración ao meu arredor. A emerxente ilusión
política de hai catro ou cinco anos esfumouse. Confiouse nas instancias
políticas e estas defraudaron. Posiblemente a mellor imaxe da derrota sexa a de
Alexis Tsipras asinando o terceiro rescate ao día seguinte de que millóns dos
seus espartanos lle dixesen que non o fixese.
Da
frustración non saímos co ensimesmamento, con reproches ou autogabanzas, con
desconfianzas e receos, senón con acción e atrevemento. Agora de novo terá que
ser a mobilización social a que abra o camiño ao cambio político, como sempre,
pero para unha nova frustración neste estado latente no que leva o noso país
nas últimas catro décadas?
Un
territorio fracturado pola navallada da
autoestrada. A unha beira na procura da supervivencia monotemática turístico –gastronómica
ou nunha das plantas de montaxe e distribución. Na outra un deserto avellado en
agarda dalgún segredo mineiro agochado. Unha xente sen confianza, nin
esperanza, cuns cantos resistentes agardando polo sacrificio persoal ou o
momento do abandono. Unhas elites e uns medios preocupados por prolongar o
tempo de encher os petos.
Os
que compartimos esta basta descrición non temos moita marxe de manobra: só
podemos agrupar forzas e definir obxectivos, ou permanecer na latencia da
derrota de quen nin concorre á batalla. Só hai batalla se se pode gañar. Coa
derrota segura fica a supervivencia, minorar os estragos ou a inmoral rexouba porque aos amigos lles foi aínda peor.
Esa
permanente disputa entre os que compartimos a substancia dos diagnósticos e dos
tratamentos só é explicable en termos freudianos. Persoais, xa que logo,
inútiles para calquera proxecto de transformación social e moito máis en
situación extrema. E a nosa, a de Galicia como país e as súas clase populares éo, mesmo con ameaza de extinción das xentes,
do territorio e da cultura propia. Estamos precisos dunha ampla conxunción de
forzas nun proxecto de salvación nacional-popular.
Non
confío moito, mellor dito, nada, en que, entre elites que deciden sobre as
precisas forzas a conxugar, haxa a máis mínima intención de considerar esta
posibilidade. Así que só cabe agardar, con ilusión de iluso, a que a
mobilización social llela acabe esixindo
e as bases desas forzas impoñendo a través da rebelión, dunha rebelión cívica
interna para crear unha desobediencia
social construtiva que permita inverter o proceso de exterminio.
Temos
uns meses para facelo e poder ir á batalla en 2019. Hai gañas de facelo?
Estou
seguro que agrupación e obxectivos podíanse acordar simplemente tomando un
café, por exemplo entre Luís Villares, Ana Pontón, Martiño Noriega e alguén
máis que o desexase. O café págoo eu.
Venres,
23 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario