martes, marzo 13, 2018

In tempore sueborum


Despois da visita a San Pedro de Rochas achegámonos á capital para visitar a exposición In tempore Sueborum e reatoparme coa memoria do meu querido Marcos Valcárcel que aseñora o edificio deputacional dedicado á  cultura, alí mesmo, na rúa do Progreso, e retrotraerme aos tempos mozos composteláns nos que o Marcos andaba sempre a remexer nos xornais do día armado cunhas tesoiras para recortar aquí e alí e ordenar o seu enorme arquivo de prensa.

Hai unha tendencia, que notei entre o numeroso grupo de persoas que participamos nesta xornada cultural, a explicar a historia antiga baixo o relato decimonónico de sucesivas invasións. Así que máis ou menos isto vén sendo que viñeron os celtas, despois os romanos, logo os suevos, tras eles chegaron os visigodos aos que desfixeron os árabes e así ata a invasión dos franceses, esta, como a coñecemos mellor, seméllanos menos rara. A mesma visión impúxose para explicar outros territorios. Hoxe sabemos que os celtas non foron os primeiros poboadores que se dicía e sabemos moito menos porque nos facemos máis preguntas, pero si estamos seguros de que o territorio do noroeste peninsular leva habitado polo xénero homo moitos miles de anos e nel conviviron especies de homo. Mesmo dende o campo da lingüística teñen xurdido hipóteses dun poboamento europeo moi recuado e continuado dende o paleolítico.

Así que aquel pequeno mangado de suevos que, con outros, segundo a referencia, aproveitaron, moito frío tiña que facer, que o Rhin se conxelara, atravesaron o limex o 31 de decembro de 406, que andaron dando voltas pola Galia e, tres anos despois, establecéronse na Gallaecia, non pasarían,  calcúlase, dos trinta mil. Por iso se agruparon  arredor  de Braga. Pronto se decataron de que tiñan que mudar a espada polo arado, se tomamos a expresión non como un repentino pacifismo das elites guerreiras senón como un decatarse de non poder controlar unha poboación numerosa e dispersa mantendo un appartheid, como farían durante moito tempo os visigodos de Toledo.

Así que pactaron co Imperio en decadencia un “foedus” e constituíron o primeiro dos estados europeos que xurdirán a medida que o mundo romano se desintegraba. Corenta anos despois, en tempos de Requiario, o primeiro rei nado en Galicia, adoptaron o cristianismo non como repentino descubrimento da verdade senón para favorecer a fusión coa cultura e a xente galaico romana e asegurar a súa xefatura do Gallaecium Regnum, continuidade na que  sobrevivía co vello nome que escollera o Décimo Xuño Bruto. Así ata hoxe.

Ás veces hai actividades culturais que se converten en feiras. Foi o caso da exhibición de xoiería que fun ver na primeira das salas de exposición. A xente arrexuntaba os fociños uns por riba doutros para ollar os caldeiros, entre eles o do Museo Leborku, de Polonia e o de Musov, (República Checa), os “tremises” de ouro ou as “silicuas” de prata de Requiario, primeiro rei, xa galaico-suevo, que pon o seu nome nunha moeda. De maior interese era a exposición recollida na Igrexa de Santa María Nai, centrado na cristianización impulsada por Mariño de Dumio. A terceira, no Museo Municipal, xiraba  arredor da continuidade e o cambio nas estruturas de poboamento, quizais a  máis coñecida polo público en xeral.

Na miña opinión perdeuse a oportunidade de aproveitar un esforzo económico tan grande para difundir a realidade do primeiro reino europeo xurdido tras a crise baixo imperial, que anuncia a desfeita do mesmo, e que ese novo estado é a continuidade da acción cultural e política nun territorio que mantén a súa denominación ata hoxe. Gallaecia ausente.

Esa perda de oportunidades reiteradas foi a que sentín cando formando parte dun amplo grupo de visitantes (sesenta persoas), con guía contratado, se nos engadiu, sen comelo, nin bebelo, nin preguntalo, outro grupo doutras tantas persoas e a visita mudou en feira. Nese momento, o guía comezou a explicación en castelán, ao demandar que nós pediramos expresamente que fose en galego, resolveuno democraticamente, cun hai xente aquí que non entende o galego(?) Uns cantos ergueron a man. A visita continuou en castelán con algunha concesión de cando en vez.

Preferín facerme a min mesmo de guía.

Luns, 26 de febreiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario