luns, febreiro 12, 2018

Dúas anécdotas dunha carta

Casa do Sol. Palacio do Conde de Gondomar en Valladolid
Na carta da que falamos estes días de don Diego de Gondomar a Andrés Losada, ademais de reaccionar enrabiado contra o libro de Bernardo de Brito, o futuro Conde non deixa nin de  expresar o seu canso estado de ánimo (“sólo el morir como cristiano y como fidalgo gallego deseo”) nin perde un certo sentido do humor, ese concepto tan difícil de definir no caso galego, cun pouco de retranca irónica, rexouba, sorna, sorriso contido etc.

Coido que non se entende a carta se non a interpretamos como unha defensa a morte da súa clase, da nobreza galega desposuída dos seus solares naturais, convertida, como é o seu caso, en cortesá ou de servizo e que entrevé que o seu papel na corte vai ser, é xa no seu tempo, cada vez máis secundario. Por iso recorre ao recitado de honores, fazañas e servizos da nobreza galaica que representa a Galicia e aos galegos. A defensa desta e dos seus habitantes identifícase co honor da súa casta nobre.

Nese relatorio don Diego bota man de dúas anécdotas. A primeira é unha fazaña reiterada en  tantas e tantas cidades sitiadas. Dende o croissant ou “media lúa” dos panadeiros vieneses que representa a lealdade, resistencia e salvación de cidade ante os turcos ate o coiazo que lle guindaron as mulleres tolosanas, dende a cima do adarve, para fenderlle a testa ao terríbel Simón de Monfort; pasando pola Deu-la-deu Martíns de Monçao  a quen, estando sitiada a vila polas tropas de Castela e sendo o alimento tan escaso, ocorréuselle apañar a pouca fariña que restaba, cocela e, dende a muralla, guindarlles os pans aos sitiadores ; estes coidando que tiñan moitas reservas levantaron o asedio.

Unha historia semellante é a que nos conta don Diego sobre o sitio ao  que os mouros tiñan sometida a  cidade de Lugo. Neste caso foi o gobernador quen, esgotados os alimentos, colleu o último año que lle quedaba e tiróullelo aos musulmáns, xunto cun bolo de pan, por riba da muralla. Di don Diego: “Y porque en Galiçia se llamada el cordero “año”, los descendientes deste cavallero se llaman de Bolaño.”

A segunda anécdota, ten máis contido, xa que reflicte o malestar da nobreza laica co latrocinio a que estaba sometida pola igrexa, polos mosteiros en particular, que se ían quedando coas súa terras. Unha nobreza de antigo poder, señores naturais do reino por verdadeiro dereito de xentes, por memoria e antiquísima posesión e sucesión de herdanza e non por papeis ou títulos gañados nas instancias civís.

Exemplifica ese malestar no preito que lle puxo o convento de Montederramo ao señor de Maceda Xoán de Novoa : “por ciertas tierras, diçiendo que eran comprhendidas en la conçesión de un previlegio que tenía el monasterio; y viéndosse el pleito en la Chancellaría de Valladolid, en tiempo del Emperador, halláronse a la vista en los estrados el abad y Juan de Noboa, y dixo el abad al presidente que mandasse a Juan de Noboa que mostrasse el título que tenía para aquellas tierras que poseía. El Juan de Noboa le respondió con gran cólera: “Y eu qué título ey de mostrar mais que averlas erdado de meu pay, e meu pay de meu avó, e meu avó de nossos antepassados, que as posseeron desde que o mundo foi mundo; e vos em san Bernardo, que era de França, e a puta que os pareu ¿qué tendes que ver coa minha fazenda per uns poucos de papés derrocadeiros que prezentáes?”.


Venres, 12 de xaneiro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario