mércores, febreiro 21, 2018

Afonso o retoponimizador


Sepulcro de Afonso IX no Panteón Real da catedral de Compostela
O rei Afonso, oitavo do seu nome,  de León e Galicia, que na historiografía española figura co ordinal de noveno, tanto polo seu longo reinado,  42 anos,  como pola súa política de repoboación preocupada por favorecer novos asentamentos ou potenciar algúns xa existentes, é un dos reis medievais que máis pegada deixou no nomenclátor do noso país; a el débenselle moitos dos nomes de vilas e cidades galegas actuais.

Pola nitidez da súa orixe latina é  ben coñecida a procedencia medieval de moitos topónimos, entre os que sobresaen, pola súa frecuencia, os construídos  sobre o termo “vila”, perdida xa a súa referencia baixoimperial como explotación agraria e mudada en xenérica expresión referida a concentración de poboación. Só aquí no Val Miñor temos un Vilar en Camos, dous Vilariños, o de Abaixo e o de Arriba, en San Pedro da Ramallosa,  o lugar da actual e recente concentración urbana ao redor da Casa do Concello chamase Vilameán. Hai un Vilas en Morgadáns e un Vilarés que é a súa vez un lugar da parroquia de Vilaza.

Nalgunhas ocasións a escasa transparencia dos topónimos lévanos a procurar as súas orixes en escuros tempos recuados, como no caso de Baiona, que se fai proceder  de “las voces célticas Bay, puerto, y on bueno”, escribiu José de Santiago na súa Bayona, antigua y moderna (1902)  e apuntaba “debe tener igual etimología que la Bayona de Francia”, ou o  da Coruña, que máis alá da súas orixes etimolóxicas son renomeamentos debidos ao noso rei retoponimizador. Nestes e noutros moitos casos tanto os novos poboamentos como as novas denominacións están relacionados coa concesión de cartas de poboamento ou foros, práctica seguida polos reis medievais .

Estas orixes medievais de lugares importantes na Galicia actual tenas demostrado o “señor dos topónimos”, profesor e amigo Gonzalo Navaza, nun seu recente traballo sobre o caso da Coruña (“A orixe literaria do nome da Coruña” en Revista Galega de Filoloxía, 2016, 119-164) ou, aínda máis preto a hoxe en “A intervençao régia na toponímia galega medieval. Os nomes de Afonso IX (1188-1230)” en Guavira Letras, nº 25, 2017.

Seguindo este último traballo de Navaza, que se centra só no sur do país, entre  outros foros concedidos polo rei Afonso e renomeados estarían o de Milmanda, foro de 1199, e co mesmo sentido de “praza forte”  que o do lugar do concello celanovés e o de Monforte de Lemos en foro concedido no mesmo ano.

En 1201, concede foro á vella Erizana, mudándolle o nome a Baiona, e, cinco anos máis tarde, a Viana, empregado dende moi pronto como denominación da comarca, e ao que, hai un século, se lle engadiu o complemento Bolo; hai unha parroquia chantadina homónima. Reflexo da Viana galega poderían ser as posteriores Viana de Navarra, a quen lle concedeu foro en 1219 o rei Sancho VII “O Forte” ou a Viana do Castelo, fundada por Afonso III “O  Bolonhês” en 1262.

En continuidade cronolóxica, viría o novo nome da  Coruña (1208) e volvendo ao sur, e aínda que sen coñecer o texto foral, hai referencias á  vila da Guarda e a substitución de Lazoiro por Salvaterra de Miño. Ambas en documentos de Fernando III ao pouco de xuntar a  coroa de Castela coa de León e Galicia tras a morte do seu pai Afonso, oitavo ou nono, segundo se queira. Sábese que o novo rei só fixo confirmar os foros do pai e non mudou nome algún.

Algunha outra retoponimización de Afonso sería a de Vilalba, antes Montenegro, na mesma liña que o seu pai Fernando II cambiou o malsoante Malgrado por Benavente; por outro motivo, e sen éxito, Fernando II mudou Tui por Boaventura , mais o regreso ao  dominio episcopal supuxo o retorno do vello nome.

Sen información suficiente poderíamos incluír entre outras mudanzas as de A Xironda en Cualedro ou as modificacións parciais de incluír un Pobra de... ou un Vilanova de..., como no caso de Pobra de Chantada ou Vilanova de Sarria (onde faleceu o rei Afonso) e mesmo a Pobra de Louriña que posiblemente se refira ao que hoxe é O Porriño.

Nun momento de esplendor do reino, expresada na arte románica e na lírica trobadoresca, moitos destes novos nomes teñen unha clara referencia á cultura francesa ou á  literatura do momento. A influencia da cultura occitana nos reinos do norte peninsular é evidente e vén favorecida polos reis da casa de Borgoña, a orde de Cluny e polo propio Camiño de Compostela como eixe vertebrador. En Milmanda temos que escoitar o “mirmande”, ou vila fortificada semellante ao “Monfort”;  en Baiona debemos ollar o reflexo de “Bayonne”; Crunia e Viana, esta con evidentes referencia a vía ou camiño, son topónimos citados na Historia Turpini que narra as fazañas de Carlomagno. E na Guarda temos que escoitar ecos das prazas militares, de “La Garde”; en Salvaterra, de “Sauveterre” ou terra con dereito de asilo, e na Xironda de “La Gironde”.

Xirabamos arredor de Europa e ela arredor de nós.

Xoves, 8 de febreiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario