Retrato de Fernando VII. Goya. 1814. Óleo sobre lenzo; 205x103 cm. Museo de Belas Artes, Santander |
Na
historia de España transita da felonía, termo recuperado para a vida pública
contemporánea por Manuel Fraga que o
brandiu contra o traidor Xosé Luís Barreiro, ao desexo de quen eran capaces de
berrar: “Vivan las caenas”.
Odiaba
a nai, traizoou o pai, aboliu a constitución, xurouna e volveuna abolir, en
fin... de herdanza deixou tres carlistadas. Nin con esas os liberais españois
se decataron de que non habería ilustración sen rachar coa monarquía católica;
como na actualidade non haberá democracia profunda sen romper coa monarquía herdada de Franco.
Coñecíao
moi ben Napoleón, aínda que non creo que lle dedicase moito tempo: “... en su
furor, procura en vano apretar con las manos su cetro; el día menos pensado se
le ha de resbalar como una anguila. Los ingleses conecerán alguna vez que han
cometido una gran falta nacional restaurándolo en el trono”. (Memorias de Napoleón, Desván de Hanta,
2016.
Fernando
conspirou dende cativo contra o pai e contra o seu superministro Godoy. Nunha ocasión foi descuberto pero pouco
importou, denunciou todos os conspiradores e pediulles perdón aos pais.
Aproveitou a rebelión contra Godoy (Motín de Aranjuez), para provocar a
abdicación paterna e apañar a coroa ansiada. O vello rei Carlos exiliouse en
Bayonne, baixo a protección de Napoleón;
alá foi el tamén para que o emperador lle asegurase a coroa; cousa que
non conseguiu. Tras a derrota de Napoleón, regresou, conspirou para abolir a
Constitución de Cádiz e restaurou o absolutismo. Cobregueou como anguía durante
o Trienio Liberal e restaurou o Antigo Réxime, impedindo a modernización das
estruturas políticas; di Napoleón nas súas memorias escritas en Santa Helena: “Esta nación, cuya historia se
reduce a la de su fanatismo y su avaricia, era bien poco temible cara a
cara...”.
Aquela
Bayonne non debeu ser moi do gusto de
Fernando, aínda que residiu case todo o tempo do reinado de Xosé I Bonaparte en
Valençay; non sabemos se por intervención directa ou dalgún persoeiro disposto
a cumprir coa máxima de “Así se las ponían a Fernando VII”, en 1815 retoponimizouse a pobre Bayona de
Tajuña, unha vila de veraneo ao sur de Madrid á que acudía o rei a tomar as augas para que o
ignominioso nome non lle lembrase as vexacións sufridas na cidade francesa. Ao
marqués de Torrehermosa ocorréuselle tirar da historia e recuperar a
denominación romana de Titulcia, que é como se chama hoxe a vila. Menos mal que
ao “rei desexado” non se lle ocorreu vir tomar os baños á nosa Baiona senón xa tiñamos outro topónimo na
colección.
A
fraseoloxía, as frases feitas, son unha riqueza para calquera lingua e unha
síntese da psicoloxía popular. Seica o “rei felón” era un grande afeccionado ao
billar, case tanto como torpe no seu xogo; como ninguén se atrevía a gañarlle,
os contrincantes procuraban deixarlle as bolas en liña para que el puidese
facer as súas carambolas; seica nin así. Din que a Franco, o pescantín,
enchíanlle o Ulla de salmóns.
Outros
colocadores de bolas foron os que mudaron o nome de Isla de León polo de Isla
de San Fernando. Os deputados reunidos no daquela chamado Teatro Cómico da
cidade gaditana decidiron cambiarlle o apelativo á illa e homenaxear así a Fernando VII. Despois aprobaron a
constitución de 1812, “A Pepa”, e quedaron mirando para ela cando o rei loado a
aboliu.
A
xente séguelle a dicir, La Isla.
Sábado,
10 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario