venres, febreiro 23, 2018

O relevo

 Gerry Adams, Mary Lou McDonald (centro) e Michelle O'Neill transportan o féretro de Martin McGuinness (23 de marzo del 2017).
O asunto é ben simple, unha carreira por relevos é aquela na que os membros dun equipo teñen que ir cumprindo unhas quendas  para realizar a mesma actividade, normalmente os integrantes vanse pasando unha simbólica testemuña de continuidade. Mais a execución non é tan doada: o obxecto a transmitir entre as persoas que fan os relevos esvara entre as mans axitadas e trementes, algunha das corredoras esbarróase antes do tempo, outra segue correndo e non traspasa o emblema de acción conxunta; a vontade de dar o relevo ou recollelo non é suficiente para o éxito da transmisión. O exercicio colectivo é  sempre moito máis complexo que o individual.  Iso explica que no deporte popular e colectivo por excelencia, o fútbol, ata no profesional, un equipo poida ter unha tempada, uns meses, unhas semanas, días, en que xoga ben, golea e gaña e pouco tempo despois todo lle saia mal e a disensión entre os integrantes desintegre o fecundo espazo de colaboración.

Por iso cando alguén é quen de entregar a testemuña coa elegancia e rotundidade coa que o fixo onte Gerry Adams non só é merecente de admiración senón tamén de que o relevo sexa un éxito para a esquerda nacionalista irlandesa.

Con trinta anos asumiu a vicepresidencia do Sinn Féin. Cinco anos despois, tras unha dolorosa ruptura interna, asumiu a presidencia que exerceu durante 34 anos. Neles soubo primeiro sacar os fenianos do “abstencionismo” estéril fundamentado na negativa tanto a recoñecer a autoridade británica no norte como o tratado anglo-irlandés de 1921; a estratexia deu  tráxico resultado tras a elección de Bobby Sands para ocupar un escano en Wetsminster, vinte e cinco días antes da súa morte, e de Ciaran Doherty para facer o mesmo na Dáil Éireann.  Despois, explorando a vía política e a renuncia ao militarismo do movemento republicano.

Adams e outros dirixentes, como Morrison e McGuinnes, conduciron o  Sinn Féin cara á acción institucional e a consecución da paz. Primeiro con tensas, longas e lentas conversas co líder socialdemócrata, J. Hume, e co presidente irlandés ata a primeira tregua do IRA (1994) e definitivamente co Acordo de Venres Santo (1998). Hoxe o Sinn Féin é un poderoso movemento político a prol da unificación de Irlanda e de políticas favorábeis ás maiorías sociais, con numerosa representación na  Asemblea de Irlanda do Norte, no Dáil Éireann, no Parlamento Europeo, en Wetsminster e na representación municipal.

Tras o falecemento de McGuinnes e a retirada de Adams,  o Sinn Féin estará dirixido por dúas mulleres, Mary Lou McDonald, na presidencia, e Michelle O´Neill, na vicepresidencia. A primeira en Dublín,  a segunda en Belfast. Ambas dunha xeración que non viviu os tráxicos anos da guerra. O salto parece arriscado mais a paciente continuidade na liña emprendida por Adams e McGuinnes parece asegurada e a folla de ruta orientada a conseguir un referendo pola unificación.

Non o van ter doado. A parálise do executivo norirlandés,  a suspensión da autonomía e o brexit torie, dificultan o camiño. Mais a pacificación, o consenso, en que se pode estar ou non de acordo co pasado pero a sociedade irlandesa está de acordo en que o pasado non se pode repetir, e a fortaleza dos movemento a prol do efectivo dereito a decidir no Occidente europeo impulsan con forza o  nacionalismo de esquerda en Irlanda.

Estamos cos  cataláns, estamos con Euskadi e estamos cos que elixen a súa autodeterminación e non aceptamos escusas, dixo a nova presidenta. Non imos permitir que unha nova fronteira, branda ou dura, volva dividir a nosa illa, dixo a vicepresidenta en alusión ao brexit. Non te defraudaremos Gerry, dixeron as dúas.

Seguro que o conseguen. O relevo fíxose en condicións. Europa terá que mirar para Escocia, Irlanda, Cataluña, Euskadi, Córsega, Galicia, Flandres... e non pode tardar moito.

Domingo, 11 de febreiro de 2018






Ningún comentario:

Publicar un comentario