Teño
un amigo tolleito. Unha desas persoas ás que dá gusto escoitar, un torrente de
verbas aqueladas, enxebres, coa expresión axeitada, o xiro adecuado, a énfase
atinada e argallantes historias usurpadoras de atención. É o herdeiro natural
de Casares como narrador oral, nuns dicires axitados, impulsivos, torrenciais,
que contrastan co repouso do limiao. Ambos ourensaos. Este meu amigo caneou
coas caxatas, cando as tivo, polos arrabaldes da capital e driblando grises e
erguendo ideas polas rúas da Compostela da transición, que din os finos, ou do
franquismo tardío, que sería máis acaído. De cando en vez, en compaña de vellos
amigos e amigas, papámoslle algo, non moscas, senón cachucha e lacón cos
aditamentos necesarios e os remates precisos, mentres nos deleitamos cos seus
relatos, ás veces mesmo de feitos que os presentes vivimos e agora revivimos
nunha evocación de tempos idos, fantasiosa imaxinación e potencia narradora.
Téñolle
escoitado moitas veces o de “non hai coxo bo” que expresa ese pouso de amargor
que sempre se percebe en quen ten unha limitación de mobilidade que el soubo
superar con xenio e forza psicolóxica. Non hai máis comparanza posible que a dificultade de movementos e seguramente a potencia mental
de ambos, pero lembreime del ao ler o que dicía Varufakis do home máis poderoso
de Europa, cando menos, durante as últimas tres décadas, o doutor Schäuble. O
meu amigo ficou tolleito tras un ataque de polio, enfermidade hoxe case
extinguida e que el pillou un pouco antes de que se descubrise a vacina. Herr Schäuble
rematou nunha cadeira de rodas tras os disparos que lle meteron, seica un
trastornado, ao saír dun mitin nunha cervexaría.
Wolfgang
Schäuble foi determinante tanto na
unificación alemá como no xeito en que se levou a cabo, mais tamén na política
de austeridade imposta ao sur europeo tras a crise financeira de 2008. Ministro de Asuntos Especiais, xefe da
chancelería e Ministro do Interior con Kohl, foi o “muñidor” da segunda
unificación alemá, ou mellor dito, da absorción da RDA pola RFA e o inicio do
actual Reich.
Helmut
Kokl no remate dunha especie de memorias que lle escribiron dous xornalistas (Yo quise la unidad alemana, Circulo de
Lectores, 1997) agradece, con austera sinceridade, o seu arduo labor: “Wolfgang
Schäuble, sobre todo, realizó a lo largo
de estas semanas y meses un trabajo colosal. El desempeño del cargo de jefe de
la cancillería federal durante varios años lo había convertido en uno de los
mejores conecedores de los problemas interalemenanes. Cumplió su deber con una
entrega absoluta”. Kolh nomeou a Schäuble Ministro do Interior o 21 de abril de
1989, uns meses despois, o 9 de novembro, caia o muro de Berlín; antes dun ano
absorbera a RDA, o 3 de outubro de 1991 ficaba aprobada a Lei Fundamental de
Alemaña seguindo o Tratado de Unificación, instrumento legal que autorizou a integración
da RDA na RFA. Di Felipe González, no prólogo a esa especie de memorias do ex
chanceler, que lle escoitou dicir moitas veces: “quiero una Alemania europea,
no aspiro a una Europa alemana”; “excusatio non petita...” dirían os clásicos;
de lapsus linguae podería falar Freud; inspiración schäubliana poderiamos afirmar
nós.
Nos
gobernos de Kolh entre 1981-1988 foi o portavoz parlamentario da CDU/CSU. Tras a
derrota electoral escollérono como presidente do partido. Todo semellaba
previsto, tras a quenda do PSD e dos verdes, incapaces de ceibarse das ataduras
da unificación e da burbulla financeira, chegaría o momento Schäuble. Mais
cruzóuselle no camiño o escándalo da subvención ilegal do partido por un
contrabandista de armas e despois a “Frau” criada no leste.
Tras
a vitoria desta regresou ao seu Ministerio, o do Interior, e a crise financeira
de 2008 levouno ao Ministerio de Finanzas para estender a receita da
austeridade por aquela Europa que xa non era unha cínica escusa senón unha
manifesta realidade. Vén de cesar no cargo para asumir a presidencia do
Bundestang e dirixir con man de ferro a xente que se reúne baixo a cúpula de Foster.
Non
sei se o paso polo Ministerio das Finanzas o deixaría moi contento. Foi quen de
dobrarlle o pulso ao inconsistente François Hollande e obrigalo a desdicirse de
todas e cada unha das promesas electorais. Conta Varufakis que, despois dunha
intervención suavemente comprensiva con Grecia do ministro francés de finanzas
Michel Sapin, Schäuble, logo de botarlle unha mirada “penetrante”, comezou o
seu discurso dicindo “Unas elecciones no pueden cambiar la política económica”.
Mais, ao final non veu cumprido o seu maior desexo, explícito en varios
momentos do libro de Varufakis, enviar os homes de negro da troika, coas súas
caravanas de coches con sirenas, a París,
arremedando as fotos de Hitler e os mandos militares alemáns coa Tour Eiffel ao
fondo.
Como
tampouco foi quen de conseguir o “grexit” ou como el dicía un “tempo morto” en
que Grecia saíse do “euro” para, cando fose, volver entrar. Isto quen llo
impediu foi a súa propia chanceler, a “enfeitizadora” Merkel que foi quen de
obrigar os gregos a un terceiro rescate, no mesmo día en que a cidadanía
expresara un “non” contundente. A kaiserina estaba segura de logralo e non
quería quedar como a desintegradora da Unión Europea nin da Unión Monetaria,
aínda que fose expulsando os miserables gregos. Había que coidarse do
previsíbel “brexit” que ao final chegou pero aínda non se sabe como acabará.
Ben
sei que son un pouco perverso, mais este Herr Doktor Schäuble a min lémbrame aquel
outro, máis estrafalario, iso si, Dr. Strangelove, tamén en cadeira de rodas, o
antigo científico nazi reconvertido en asesor do democrático presidente
americano no filme de Kubrik que aquí rebautizaron como Telefono vermello, voamos cara a Moscova, ao que lle daba vida un
estrambótico Peter Sellers. Contra o remate do filme e mentres a bomba atómica
cae sobre territorio soviético, érguese entusiasmado da cadeira de
rodas berrando: “Mein Führer! ¡Podo camiñar!”.
Martes,
13 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario