Merkel e Schulz, en cor. Brandt e Kiesinger en branco e negro |
Escoito,
dende a periferia, a conversa de dúas persoas coñecidas. Non atopan a quen
votar nas próximas eleccións; non teñen a quen, din. Non pensen vostedes que se
trata de indefinicións, indecisións, afección á remuda de papeletas; non, todo o
contrario, son fieis votantes, de moitos anos, e probabelmente o seguirán sendo,
do mundo chamado “socialista”, ese amplo lugar que acolle, ou acolleu, dende a morna
esquerda social afastada da máis mínima sensibilidade galeguista ao
sindicalismo posibilista e ata unha dereita democrática e europeísta, na
procura da centralidade, á que lle renxían as formas dos chamados “populares”. A ningún deles lles serve Ciudadanos, ou iso dicían,
como alternativa, pois percibían tras eles a extrema dereita rampante por Europa adiante. A
visión española dos meus coñecidos dialogantes fai que cando falan de eleccións
estean a pensar nas locais ou nas españolas e non se acorden das galegas. Un
deles sentenciou, ou a socialdemocracia se recupera ou a extrema dereita arrásanos.
Logo fóronse por outras derrotas.
Uns días antes anunciábase a reedición da “Große
Koalition” entre a CDU/CSU e o SPD.
Merkel e Schulz, tras máis de cinco meses, acordaban a continuidade do goberno
de coalición. Frau Merkel fixo os deberes: o seu partido aprobou por case
unanimidade a coalición; incluíu como ministro a un dos novos
ultraconservadores; elevou ao Shaüble, o
home da cadeira de rodas, á presidencia
do Bundestag; designou a súa sucesora, Annegret Kramp-Karrenbauer, á fronte do
partido, Merkel leva doce anos como chanceler e aínda lle quedan catro máis.
Pretende coutar a sangría de votos cara a Alternativa für Deutschland (AfD), o
partido da extrema dereita, convertida xa na terceira forza no Parlamento
federal.
Non o ten tan doado o SPD, Schulz asegurouse Exteriores,
propuxo unha substituta, Andrea Nahles,
que xerou rexeitamento; os afiliados teñen que ratificar o acordo en
referendo; as xuventudes do partido, as célebres Jusos, andan revoltas e
reclaman unha rexeneración na oposición; as proxeccións electorais anuncian
unha desfeita do partido de Willy Brandt.
Quen é a icona do partido promovera a primeira Große
Koalition con Kiesinger, exmembro do partido nazi. Aquela “Große
Koalition” foi derrotada na rúa polos mozos, obreiros e estudantes da oposición
extraparlamentaria (Außerparlamentarische Opposition ou APO); as protestas atanguían
tamén ao modelo social occidental e á presenza do exercito norteamericano en
territorio alemán. Eran os últimos anos da década dos sesenta do pasado século.
Era 1968.
A
socialdemocracia comezaba a mostrar as súas debilidades. Logo viría o derrube
do modelo dende o poder. O grande éxito da Sra. Tatcher foi seducir a Tony Blair,
a Clinton e Schröeder. O golpe definitivo deullo Merkel a un Hollande incapaz
de manter unha soa das súas promesas electorais, tan melifluo como Obama coa
reforma sanitaria. “Francia xa non é o que era” díxolle Michel Sapin, Ministro
de Finanza francés a Varufakis. Hollande, en 2012, foi elixido baixo a
combativa promesa de opoñerse ao pacto presupostario baseado na austeridade e
empregar o poderío francés para levar a UE a un programa de crecemento baseado no
investimento público; ao día seguinte, aquela retórica desapareceu e non se
soubo máis dela, segundo algunhas fontes ese día recibiu unha chamada do
gobernador do banco central de Francia dicíndolle que os bancos franceses estaban en
serios problemas e que precisaban do apoio do BCE e que lle podía fallar se
seguía empeñado en facerlle fronte ao Berlín da Gran Coalición.
O
que queda na socialdemocracia europea só é cinismo. Iso de que non, si que tes
razón; mira que eu tamén son de esquerdas; escóitame que eu de novo tamén era
marxista; tedes que apertarlle as porcas a estes, que nos apoiamos; a culpa é
desta dereitona; está a desfacer Europa; hai que deter o deterioro das
condicións sociais, dos salarios, das pensións; hai que recuperar a economía
para facerlle fronte á extrema dereita;
hai que controlar a evasión fiscal, hai que frear a corrupción, hai que baixar
o IVE de cultura, hai que combater o fraude fiscal... hai que... pero hai que
respectar as institucións, hai que respectar a Comisión Europea, hai que respectar o BCE hai que cumprir co FMI, hai que controlar
o déficit, hai que pagar a débeda...
Varufakis
denominouno o Waterloo xeral da socialdemocracia europea. Por aí anda a cousa entre
a Gran Coalición, Macron como exterminador de Partidos, os laboristas presos
polo brexit, os “socialistas españoles” prendidos por Ciudadanos...
Só
o PS portugués pareceu decatarse de que a alianza era na esquerda.
Mércores,
14 de febreiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario