xoves, febreiro 22, 2018

Dende a Coruña a Baiona

O rei Afonso VIII de León e Galicia segundo Juan Oliveira. Bronce. Baiona, 2001.
A Oliveira, o escultor dos cabalos, cando lle encargaron unha estatua en lembranza do rei Afonso, o oitavo de León e Galicia, ocorréuselle  dobrar o pulso real  para que o índice sinalase o lugar ao que o monarca impoñía “de novo nomen Baionam”. Coido que foi a última obra pública que realizou e encargóuselle por mor do oitocentos aniversario daquel sete de maio de 1201 no que o monarca rebautizou a  vella Erizana.

Aínda que non temos o documento auténtico, si chegaron ata nós copias, e interpretacións, do mesmo. Prudencio de Sandoval, bispo de Tui entre 1608 e 1612, deixounos unha paráfrase e un comentario, supoño que escrito ao frescor dos carballos que abeiraban a casa de don Diego Sarmiento de Acuña, onde acudía o ilustre historiador a pasar os veráns afastándose do caloroso Tui, veraneos que tanto enrabexaban os administradores do futuro Conde de Gondomar, preocupados polos elevados custos que a mantenza da testa mitrada supuñan para a facenda de don Diego e así  llelo facían saber nas cartas que lle remitían a Valladolid, asunto sobre o que don Diego non deu mostras de preocupación, supoño que tamén  porque nas súas pretensións cortesás nunca estaba mal ter un bispo de quen botar man.

O historiador tudense Francisco  Ávila y la Cueva, no século XIX, identificou o lugar en que o rei asina a carta foral, Faro, cunha das illas Cíes e, con posterioridade,  toda a literatura que menciona o feito cae no mesmo erro.

Tras un demorado traballo de investigación, o profesor Navaza vén de demostrar que o Faro no que se asinou o documento real non é a illa de Santo Estevo de Sías, como se denominaba xa daquela, senón que se trata da actual cidade da Coruña, chamada, na altura, Faro antes de que o propio rei Afonso lle mudase o nome polo de Crunia.

Gonzalo Navaza achega documentación abonda e capacidade analítica nos dous traballos aos que nos referiamos no retallo de onte. Sabemos ademais que leva tempo dándolle voltas a outro centrado só na denominación de Baiona. Xa nos dous sinalados nos achega resultados concretos.

Por exemplo, a Erizana que borrou o rei galaico-leonés, procedería, agardando, segundo o noso amigo dos topónimos, poder descartar unha orixe antroponímica, dun derivado do substantivo “Ericium”. Trataríase pois dun zootopónimo referido á abundancia de ourizos de mar fenómeno que ben coñecen as xentes de mar de entre Baiona e Silleiro. Navaza achéganos un documento do mosteiro de Oia onde se pode ler: “...de Hiriçaa a que hora dizen Bayona”.

A segunda achega de Navaza consiste en desbotar as hipótese etimolóxicas que supuñan que o topónimo era anterior ao renomeamento afonsino, quizais referido a unha parte de Erizana, e que non se coñecía por falta de documentación. Xustamente esta ausencia e a de que os reis medievais non recorrían a topónimos locais para escoller o novo nome das vilas reguengas é o que leva ao investigador a desbotar calquera dúbida sobre que as vilas así denominadas na península son ecos da cidade que en francés se escribe Bayonne; en galego, vasco e gascón, Baiona e en castelán Bayona.

Mais, cal é o motivo destes dous renomeamentos? Parece evidente que na súa política de recolocación e reasentamento poboacional, tras a escisión do condado portucalense, emprendida tanto por Fernando II como polo seu fillo Afonso, está a pretensión de converter as vellas vilas de Faro e Erizana nos grandes portos do seu reino. Así sería durante séculos. Baiona e A Coruña foron os portos atlánticos de referencia, ata que o escaso calado do protexido polo Monte Real desprazou as embarcacións cara ao  de Vigo. Tal é así que Lois Tobío chega a especular nalgún dos seus traballos sobre o Conde de Gondomar coa posibilidade de que este aprendese o francés durante a súa estancia en Baiona, en 1603, en contacto cos numerosos comerciantes e mariñeiros franceses asentados na vila.

Estaría pois o rei Afonso, nos dous casos; tanto expresando o desexo de contar con portos á altura do situado no Golfo de Gascuña como dunha especial atención á corrente cultural que circulaba polo camiño de Compostela pero brotaba entre outras na corte de Poitiers, no ducado de Aquitania, de onde procedía a súa segunda esposa Berenguela, filla de Afonso VIII de Castela e Leonor Plantagenet;  neta, xa que logo, nada máis e nada menos que de Leonor de Aquitania e Henrique II de Inglaterra.

Como escribiamos onte, xirabamos arredor de Europa e ela arredor de nós.

Venres, 9 de febreiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario