mércores, xaneiro 31, 2018

Dous xogando ao fútbol

Un, de novo, tamén gustaba de coucear peles inchadas de vaca. Aínda que torpe en exceso. Todos os cativos soñabamos con xogar no campo de herba do equipo da vila. A diferenza dos de agora, eramos pelexóns e pateabamos unhas veces a pelota e outras a quen se poñía por diante. Xogabamos nos cruces das estradas, anunciando de cando en vez: coche...!, para deixar pasar a quen ousaba importunar os nosos ardores futboleiros.

Agora vexo aos cativos adestrar nun campo de herba artificial, iluminado por potentes focos que deben darlle uns bos réditos ás eléctricas, con bancadas para os espectadores e varios adestradores a darlles indicacións. Os rapaces, parécemo a min, sen dúbida, xogan moito mellor ca nós, cando menos non van todos detrás da pelota a ver quen lle dá primeiro,  colócanse no seu sitio e saben patear. Mais hai unha cousa que me molesta ata aburrirme e deixar de velos; son presumidos como os seus ídolos multimillonarios, coidan que con aparentar xa chega, coas súas botiñas plásticas, as súas camisolas, as súa medias axustadiñas, peiteados como se viñesen da perruquería... tal como os políticos emerxentes preocupados polo facebook, polo twiter, polos xornais dixitais, as televisións... ata  saturar o publico-votante. Ao final fútbol e política ficarán, un sen espectadores, a outra sen afiliados ou votantes, convertidos en asunto exclusivo das grandes corporacións da manipulación.

Retornando aos meus tempos pretéritos. Cando cheguei a xogar no campo de herba grande da vila tiven como compañeiros dous xogadores extraordinarios, tan diferentes que sempre conservei viva na cachola os seus movementos sobre o terreo. Mesmo en moitas ocasións servíronme para identificar as actitudes políticas das dúas grandes correntes do nacionalismo e ata dalgunha das persoas que as representan.

Un era fino, magro, todo corazón e velocidade. Ninguén diría que aquel corpo, que mesmo poderiamos cualificar como de “tiriñas”, acollía tanta forza psicolóxica e física; metía o pé onde fose, sen reparos; era un xogador de banda, subía unha e outra vez, punzante, incisivo, colaborador; esforzado en defensa e entregado en ataque. Cun pateo contundente que asombraba. Era tal o seu ímpeto, a súa fogosidade, que sempre lle pasaba o mesmo, agarraba a bola nunha banda, combinaba con algún centrocampista, caneaba o primeiro defensa, íase por rapidez do segundo e, ao final, escapábaselle a pelota pola liña de banda ou pola de fondo; a xogada ficaba sen rematar tras o xeneroso e inútil esforzo.

O outro era alto, elegante, un xogador de toque, un dez, un mediapunta con ampla visión do xogo, agarraba o balón en medio campo, driblando a un e a outro, apoiándose nalgún compañeiro, achegábase á portería contraria; daquela xa se perdera no medio dos caneos e en vez de erguer a cabeza na procura do compañeiro acababa rematando sen forzas ou ás bancadas. Mesmo nalgunha ocasión chegou a marearse coas súas exquisiteces balompédicas e acabou rematando contra a súa propia portería. Iso si, nesas ocasións sempre tiña desculpa en que o seu defensa non o entendera ou o porteiro non estivera atento.

Aquel equipo prometía pero pouco  deu gañado.

Domingo, 28 de xaneiro de 2018



Ningún comentario:

Publicar un comentario