Baris Yazgi tocando o violín. Gazete Manifesto. |
Baris
significa liberdade. Baris era kurdo. Baris era mozo. Baris era un fuxitivo. Nos anos noventa o exército
turco desfixo a súa aldea kurda. Os Yazgui, como miles de compatriotas, con
sete fillos e dúas fillas, perdéronse polas rúas de Istambul vendendo panos de
papel. A un dos irmáns agasallárono cunha vella guitarra; tocaba cancións
kurdas nunha avenida e hoxe é un músico coñecido. Foi el quen lle regalou o
primeiro violín a Baris, o máis cativo dos mozos Yazgui.
O premio Princesa de
Asturias recoñece a Unión Europea co Premio á Concordia por ter contribuído a
defender valores como a liberdade, os
dereitos humanos e a solidariedade.
Hai
máis de quince anos que o maior dos Yazgui acadou as costas itálicas nun vello
e enorme barco escangallado e preñado de persoas. Chegou a Gante onde traballa
de cociñeiro na agarda da concesión da nacionalidade.
A Unión Europea comparte uns
valores que proxectan esperanza cara ao futuro e son exemplo de progreso e benestar, di a acta do xurado.
No
enceto de 2016, o máis novo dos Yazgui cruzou a Atenas polo Exeo do rei
ateniense que se guindou ás súas augas ao saber da falsa nova da morte do seu
fillo Teseo. Daquela aínda non entrara en vigor o pacto entre a UE e Turquía sobre a devolución das persoas
migrantes que chegan ás illas gregas. Pillou un tren ata Gante. Na lea do
camiño tivo que empeñar o violín. O irmán acalmouno e xestionou a recuperación
do instrumento. Baris tocouno polas rúas.
En 2015, centos de persoas
chegaban cada día a Grecia e Italia na procura de refuxio. O peche da ruta dos
Balcáns deixou varadas milleiros de persoas. Os estados da UE compartiron a
responsabilidade de acollelas e estableceron cotas. En setembro deste ano
remata o prazo. Os países da UE só recolocaron 20.869 persoas das 98.255
acordadas.
Baris
tiñan un algo no peito que o apreixaba. Aínda que estaba co seu irmán e tocaba
cun grupo, sentiu morriña, saudade. Sentimentos tan reais como as máis bastas
materialidades. O outro día díxome un vello migrante londiniense, eu tiña que
vir, de vez en cando, respirar. Tamén Baris tiña que respirar, regresou
prendido pola nostalxia, despois de seis meses en terras belgas. Chegou o 15 de
xullo do ano pasado; ás poucas horas os tanques ocuparon as avenidas de
Istambul e as pontes do Bósforo mentres os cazas voaban baixos.
O xurado destacou que o
maior logro da UE fronte ás históricas hostilidades europeas foi propiciar “o
máis longo período de paz da Europa moderna”.
Baris
lamentouse. Non é preciso ser un militante kurdo para sentirse
asfixiado.Tentouno en varias ocasións; sen que a familia o soubese procurou
contactos cos traficantes que levan xente, en botes remendados, ata as illas
gregas. O pacto antimigratorio entre a UE e Turquía xa estaba en vigor.
Na
agarda, Baris gañaba a vida co seu violín na recepción dun hotel en Istambul
concorrido por viaxeiros intercontinentais da Europa premiada en Oviedo. Vivía
na casa dos pais ou cun seu irmán, ata que un día desapareceu levando o violín.
O Goberno de Rajoy só
acolleu 1.304 persoas das 17.000 refuxiadas que son o seu compromiso coa UE, un
7%.
Cando
un dos irmáns soubo do afundimento dun bote no Exeo, tentou poñerse, sen
conseguilo, en contacto con Baris, chamou a garda costeira preguntando se
atoparan un mozo cun violín.
A
familia fica esgazada. Culpan os traficantes e as autoridades, mais Baris xa
non está, afogou co seu violín no mar da civilización camiño da illa da poesía,
antes chamada Mitilene. Sabía nadar pero quixo salvar o violín. Estragouse un
chisco.
A
súa irmá pequena quere aprender a tocalo.
Mércores 21 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario