luns, xuño 05, 2017

Entre un farfallán e un caguiñas

É ben sabido que os estereotipos non son a realidade aínda que, ás veces, sirvan para explicala. Sempre me chamou a atención a descualificación, entre os meus familiares maiores, e os seus amigos, sobre os italianos aos que alcumaban por sistema como covardes. Falaban da guerra de España na que foron compañeiros de bando; esa idea tamén a difundía o discurso oficial franquista e probablemente tiña a súa orixe no cambio de bando en 1915, na Gran Guerra. E digo que me chamaba a atención porque despois nos partidos de fútbol eran moi leñeiros e polo tanto valentes ou cando menos non parecían ter moito medo a mancarse. Non sei se seguen tendo ese xogo viril dos tempos do “catenaccio”.

Dicían tamén que eran uns presumidos, que ían feitos uns pinceis, cos seus uniformes cheos de medallas, aínda que a primeira vez que entrei en Italia, nun bar, o que me topei foi un barrigón galdrumeiro en camiseta de asas con manchas de tomate. Outro estereotipo.

É evidente que os cataláns non son, cando menos todos, uns “fenicios”. Pero a acepción pode servir para argumentar o seu carácter comercial e emprendedor, por outra banda xeneralizado entre todos os pobos que beirean o Mediterráneo.. Estereotipo que tampouco casa moi ben coa decisión coa que unha gran parte da sociedade catalá afrontou o proceso de reivindicación pola parte da súa soberanía exercida polo Estado español a pesar das catastróficas consecuencias económicas que anuncian, un día si e outro tamén, os medios de comunicación, tanto os mal chamados “nacionais” como aqueles acomplexados  “de provincias” como os principais lideres políticos e económicos que non teñen problema en ceder amplas cotas de soberanía á  Unión Europea ou á  OTAN.

Xa tiña as miñas dúbidas ao respecto de interpretar os estereotipos moi ao pé da letra. Confirmeino o outro día, cando un coñecido, home forte, poderoso, grande, de pescozo de buldog, camisa arremangada e aires enérxicos, que ademais é un boca aberta, un barallocas, un pouco tolitates pero tamén garatuxeiro e falangueiro; en fin un galo botado para diante que quería falar con alguén da casa de enfronte. Bateu nunha campaíña que teñen ben visible no portón. Saltoulle un can deses que teñen cara de can. O rufo baralleiro saíu a  escape, tremendo como unha vara verde, meteuse dentro do coche e bloqueou as portas. Por suposto que o can o único que fixo foi achegarse ao  portón, iso si, ensinado os dentes. A cousa resolveuse a berros. A señora da casa, dende a terraza da casa, que o can non facía nada e que xa baixaba abrirlle e o aguantaba. O palabreiro dende o coche, coa ventaíña un chisco aberta, que ou o ataba cunha cadea ou  el non entraba. Ao final “pirouse” pois o can canto el máis berraba, máis ladraba.

Cando ollei a escena acordeime dunha anécdota que contaba Casares sobre Risco. Como ben saben entre as xentes do círculo de Galaxia, difundiuse a idea de que a actitude de Risco, durante a guerra e no franquismo, explicábase por ser un home moi medroso, vamos, un caguiñas; reforzaban a súa benevolente tese con referencias ao seu aspecto físico apoucado, de pouca cousa, de non ter nin onde levar media hostia, en fin un xirico, e a ser unha persoa delicada, fina, un xirifeiro e falto de carácter ou xirigaito. Xa o outro día comentei que esta non era a visión de Casares, nin de moitos dos galeguistas máis novos, e hoxe supoño que ninguén pensará que se chega ao fascismo ou ao protofascismo, unha ideoloxía propia de valorosos servidores da patrias e culturas, pola vía do temor.

Pois ben, seica un día Risco e algúns dos artistiñas foron dar un paseo despois do café. Pillaron pola estrada de Celanova e cando xa levaba un bo anaco pateado saltoulle un can ameazante, “con cara de can” e ouveos lobeznos. Os novos artistiñas, uns máis e outros menos, botaron a correr mentres erguían a perna, baixaban as mans e viraban as costas para protexer as súas partes varonís. O apouvigado Risco ficou quieto mirando o can, ata que acougou. A ausencia de movemento non semellaba que fose por unha parálise medorenta, pois ao pouco pasoulle a man pola cachola e o can apartouse movendo o rabo.

Domingo, 4 de xuño de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario