venres, xuño 02, 2017

Gafes

Din que a palabra garda relación coas persoas que padecerían unha enfermidade chamada gafea, gafedade ou gafeira e que coñecemos comunmente como lepra. Como era contaxiosa a xente fuxía espantada da proximidade dos doentes do mesmo xeito que cómpre escapar das persoas que consideramos portadoras da mala sorte.

Ser gafe é unha desgraza para quen tal se considera, para quen coida que a mala sorte o persegue, que lle cae mal ao xefe, que os noivos ou noivas o enganan, que faga o que faga vai suspender o exame de conducir, que sempre lle pasan cousas que o deixan en ridículo, por tropezar, caer, por ser un patoso, porque só a el se lle rompe a cadeira na cafetería e todos quedan mirándoo...  Como aquela moza, hai disto moitos anos, que foi ao baño, na outra punta da cafetería, levaba unha faldra plisada de cadros escoceses, cando rematou de facer o que precisaba, un anaco grande da saia quedou enganchado dentro da braga; así paseou polo alongado local, coa barra dunha beira e as mesas inzadas de clientes da outra; segundo ía avanzando as gargalladas eran cada vez máis sonoras, ela viraba a cabeza para un lado, para outro, pero non caía na conta da causa de tan estrondosas risadas; por riba a rapaza era un algo trenca e cada paso que daba coa saia arremangada daquel xeito aumentaba o barullo; así ata que chegou ao outro extremo onde as súas amigas se decataron do que lle pasaba. Supoño que nunca esqueceu a sensación de ridículo como a min me quedou gravada a escena que rememoro tantos anos despois.

Os gafes coidan que todo se lle vira no último momento, estragáselle a impresora cando teñen que entregar o traballo, pártelle un tacón ou un golpe de cotobelo guíndalle o café por riba do xersei  cando vai entrar a unha entrevista de traballo.  Estes gafes autoconsiderados, sofren coa súa mala sombra.

Hai casos ben estraños de mala sorte. En 1954 un meteorito estourou sobre os Estados Unidos, un fragmento do mesmo caeu sobre o tellado dunha casa, furouno e foille dar na cadeira á súa propietaria. É o único caso documentado na historia. Caso extraordinario é tamén o de Roy Sullivan, un garda forestal de Virxinia, ao que lle foron caer enriba ata sete raios ao longo da súa vida; o máis extraordinario foi que sobreviviu aos sete.

A Casares gustáballe moito falar de gafes e toliños. Sobre uns e outros escribiu algunha das súas tiriñas. Nunha ocasión falou de Xosé de Cupertino que era tan patoso que nunha tarde escachou setenta e sete vasos, un por un, asegundo os ía lavando. Nunca deu topado traballo. A Igrexa Católica converteuno en santo, polo que recomendaba Casares rezarlle de cando en vez; aínda que isto non debe ser moi seguro pois dise que Pío IX botoulle a bendición papal, non unha pedra, e un obreiro caeu dunha estada e faleceu.

Ora, os peores gafes son os que lle traen a mala sorte a outros, en especial cando a ración de infortunio é considerable. Conta Casares que Billy Wilder era un deles. Cando estaba rodando O apartamento faleceu dun infarto un dos actores; catro anos despois foi Peter Sellers quen sufriu o ataque cardíaco cando estaba a traballar baixo as ordes de Wilder, tivo sorte e sobreviviu; dous anos despois outro infarto estivo a piques de rematar coa vida doutros dos actores e Walter Mathau sufriu un gravísimo accidente na rodaxe de Aquí un amigo. Outra serie de desastres, menos dramáticos en vidas humanas, acompañaron ao gran Billy Wilder, quen sempre soubo tomar a cousa con humor.

É mellor non sufrir por mor de escadas, gatos negros, martes ou trece.

Venres 2 de xuño de 2017




Ningún comentario:

Publicar un comentario