Andan
no molle de Malpica enleados por mor de organización en clan. Seica os de Carballo controlan o subministro de
poteiras, uns aparellos para a pesca deportiva ou artesanal das luras; un anaco
de chumbo arrodeado de anzois na súa parte inferior, envolto en plástico ou
vernizado de cores rechamantes. O nome
ven por empregarse na pesca de pota ou choupa.
A
arte consiste en baixar a poteira pendurada dunha tanza ata o máis fondo, dar
un golpe brusco e deixala caer de novo. Este movemento continuo e o brillo da poteira
chama a atención da lura que cae no engado. Se o mar está ben iluminado como é
o caso do molle malpicán pódense apañar varios quilos nunha noite. Polas
pequenas ou “chipiróns” págase máis, polas
de “ollo grande” uns 16 euros o quilo.
O
caso é que os de Carballo cobraban polas poteiras entre 15 e 20 € e alguén da
Coruña entrou no territorio a vender as súas poteiras máis baratas e, seica, de
mellor calidade. Armouse a de San Quintín no medio de pescadores deportivos que
non queren facer deporte senón gañar uns euros, de bares e restaurantes que
mercan baixo corda, de clientes que saben onde se pode manducar unhas boas
luras, de furtivos, de ilegalidades consentidas como pescar nos molles, de
economía somerxida, de “hai que buscarse a vida”, de andar na marxe, e de que, en fin, co que fan os ricos... todo
está perdoado.
Do
que leo nos xornais non podo deducir se os que marcaban o territorio de venda
de poteiras, os de Carballo, eran ou non moinantes. Sería posíbel. Na capital
bergantiñá concéntrase esta etnia, practicante do nomadismo, agora moito menos,
e con certas similitudes co pobo cigano; por elas os paios chegan a
confundilos.
Aos
moinantes ou mercheros, dos dous xeitos se autodenominan, reciben unha manchea de
nomes: quincalleiros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e
reparar trebellos metálicos como tixolas e potas. Da expresión quincalleiros
vén a de ser chamados quinquis. Tamén son coñecidos como: Los Hombres Echaos
P’Alante, Languilleros, Los Hombres de la Laña, Traperos, Quinaores, Cibiqueros
ou Merchuzos. Un deles fíxose moi famoso “ O Lute”.
Os
mercheros tradicionalmente vivían en Castela, o val do Ebro e o norte de
Estremadura, habendo tamén pequenas comunidades en Galiza e Portugal. Non hai
datos concretos da súa orixe xeográfica nin da súa orixe étnica. Sábese que
antes da chegada dos xitanos a España en 1442 non hai constancia da súa estadía
en España. Non existen similitudes físicas, culturais nin lingüísticas entre os
mercheros e os xitanos españois. As primeiras referencias históricas dos
mercheros son do século XVI.
Os
propios moinantes establecen a súa orixe nos campesiños casteláns despoxados de
terras, que se converteron en nómades despois dunha longa época de fame e de
epidemias no rural do século XVI. Moitas palabras da súa fala datan da Idade de
Ouro española, quinqui, baranda ou peluco son palabras da súa fala e están
totalmente aceptadas na linguaxe popular. Os moinantes valoran o senso do honor
e a palabra dada que sempre debe ser cumprida. Entre estes valores destacan o
sentido da superioridade racial, o estoicismo e a lealdade ao grupo.
Teñen
unha organización familiar patriarcal. No caso de falecemento o patriarca é substituído
polo fillo maior varón; non teñen xefe de clan; non celebran ritos
matrimoniais; a infidelidade resólvese coa exclusión do clan e o rito do
control da virxindade non sempre se fai, están integrados na escola e teñen moitos
problemas psicofísico pola reiterada endogamia, e aséntanse, nas aforas por barrios: O Sixto, Carballo de Arriba,
Ponte Rosende, A Grela, A Revolta, A Colina e A Brea.
Mércores, 14 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario