venres, xuño 23, 2017

Espumantes

Aos da miña quinta, en canto nos saía a primeira peluxe na cara púñannos un ghurruchiño de viño, iso si con gasosa. Seica era un alimento. Como era da “casa” e “frouxo”, un chisco non facía mal, que aínda que fose un requilante non era do “Pericocho”, que o facía con pos no almacén.

Dicían que a cervexa era mellor, só que como non a había na casa ou era moito máis cara, consumíase pouco. As paridas agasallábanas cunha caixa por mor do seu poder reconstituínte e da axuda para lles subir o leite. Como remedio, miña avoa era máis partidaria do Sanson que de ser por pracer debería ir acompañado dunha galleta de vainilla.

Na verdade, o que máis nos sabia era a gasosa. Por iso os maiores andaban sempre a racanear nela que había que collerlla ao do camión. Probei a cervexa unha vez que fun con meu pai á  feira e non me gustou nada, e iso que máis da metade era gasosa. Era do León; descoñezo se se embotellaba na fábrica da Barxa en García Barbón, onde se elaboraba a Cruz Branca. Daquela non se lle dicía “clara” nin o consumo alcanzaba os niveis da actual mocidade cervexeira.

Nós sempre fomos máis de viño. E iso que nos tocaba lidar con algún que manda nabo. Así nos quedou o estómago de alterado. Como non lembrar aquel branco turbio, a ferver, do Franco compostelán. Menos mal que no Carballiño tomabamos tintos de Cabanelas ou brancos de Beade.

Como ritual comezaron a impoñerse os champañas, que eran cataláns e agora chamáselles “cava”, en vodas e bautizos. A moda estendeuse mesmo ás celebracións familiares de Nadal e fin de ano, aínda que o sector máis popular argallou unha desculpa aforradora para o cerimonial; gustáballe máis a sidra “El gaitero”, que tamén mandaba nabo, pero total, para facer a broma...

Nestes deveceres líquidos moito teñen cambiado os costumes e a sociedade. Naquela altura os viños galegos, en especial o Ribeiro, perderon todo creto, cando menos na emerxente sociedade urbana. Os caldos foráneos, “Riojas”, aproveitaron a oportunidade para pillar unha cota de mercado que seguen apañando con certas concesións aznarianas aos “Riberas”.

Pola contra a xente nova derivou cara ao consumo de cervexa, ao rebufo da marca coruñesa, ao tempo que os viños galegos despregaban en calidade e prezo. Primeiro os cartos, ás veces de procedencia enigmática, que foron quen de asociar, para os turistas, unha caste de uva co marisco. Despois os magníficos labores de bodegas da Ribeira Sacra, do Rosal, do Ribeiro, de Monterrei ou de Valdeorras situaron os brancos galegos entre os mellores do mundo e nos restaurantes máis prestixiados. Falta o impulso dos tintos, aínda baixo a presión de costumes herdadas.

Nos últimos anos encetouse a elaboración de espumosos, coido que é a denominación acordada; en Portugal espumantes. Moitos deles responden aos grandes logros das bodegas elaboradoras e xa non temos razón algunha, cando xa non se limita ao consumo ritual, para degustalos na vez dos foráneos, máis ou menos coñecidos.

Semellan unha novidade os viños galegos con burbullas, mais non o son tanto. Nos dinámicos “tolos” anos vinte do pasado século, aquí, no Val Miñor, elaborouse o primeiro “champán” galego por iniciativa da sociedade “Manuel Costas y Compañía” que era resultado da asociación de Bautista López Valeiras, dirixente dunha potente empresa de distribución de viños e conservas, e Manuel Costas, un produtor de viño da Ramallosa encargado da súa fabricación. A empresa non durou máis de cinco anos pero cábelle o honor iniciático.

Poucos anos máis tarde en Ourense elaborouse o champán Gulías, máis duradeiro e, seica, de gran calidade. Houbo outros intentos, tamén efémeros.

Semella que as burbullas volveron para ficar. Oxalá.


Martes, 20 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario