O
outro día un vello amigo, enorme creador e home de esquerdas, de sempre, díxome
que eu tiña un exceso de confianza na democracia. Retruqueille cunha leve
crítica ás mentalidades vangardistas sexan estas na arte, onde teñen a súa funcionalidade,
ou, onde non a teñen tanto, na política; ao tempo que lle retrousaba a actitude
elitista de que o pobo non comprende, “non nos entenden non”; como se fose, o
pobo, parvo. Aínda que, dicíalle, sempre coidei que non é cuestión de rebaixas
artísticas e/ou políticas, senón de atinar na creación artística ou nas
propostas políticas.
É
probable que padeza o síndrome do exceso racional de esperanza. Coido que a
esquerda debe non só asumir a democracia como base ineludíbel de calquera
armazón política, senón, en termos máis estritos, da democracia representativa.
O reclamo dunha democracia participada en ningún intre pode empecer o valor da
representación política. Mesmo, cos
medios tecnolóxicos actuais, as posibilidades de intervención directa da cidadanía,
como expresión colectiva, é evidente, a través de referendos decisorios,
lexislativos e outras formas de consulta sen a menor caste de contraposición
cunha delegación parcial, outra máis, da soberanía popular, nos delegados
representativos.
Reivindicar
a gran conquista do sufraxio debe ser, penso, un sinal da esquerda, entendéndoo
como un proceso dialéctico, de avance da democracia que os sectores populares
foron arrincando ás elites nun proceso encetado coas revolucións burguesas e
liberais: sufraxio censatario, masculino, feminino...
Ao
tempo cómpre desmontar a gran falsidade, a gran mentira, das elites, a de “unha
persoa, un voto”. O que é a base da democracia representativa non se traslada
ás institucións. Acabámolo de ver no Reino Unido, en Francia, de xeito
clamoroso, verémolo dentro duns meses na Alemaña e vémolo en España e no noso
país. Os sistemas maioritarios, uns máis e outros menos, deturpan, sempre, a
vontade popular.
Hai
quen critica os sistemas proporcionais puros, mesmo os que se achegan a eles
con correccións, como ingobernábeis. Pola contra, considero, que este sistema garante,
non sen dificultades, a lexitimidade popular de calquera goberno e, pola
contra, restrinxe a desafección cidadá que é a man que arrandea o berce das
pulsións autoritarias, mesiánicas ou populistas dunha ou outra orixe. Dende
Putin a Trump.
As
diversas esquerdas deberían adoptar a proporcionalidade como reivindicación
dunha democracia radical e comezar por poñela en práctica no seu propio
funcionamento interno.
Domingo, 11 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario