Vai
para os 87 anos. Aduciu o seu precario estado de saúde (cancro nos dous riles, varias
operacións cardíacas, párkinson...). Leva 24 anos no cárcere, un deles no
Hospital de Parma. “A besta” chamábanlle os medios italianos nos anos oitenta.
“U curtu” chámanlle por pequerrecho. Din que segue a ser o “capo di capi” da
Cosa Nostra ou así o considera a presidenta da comisión antimafia do parlamento
italiano.
Os
seus avogados pediron que atendendo á idade e o estado de saúde deberían
permitirlle unha morte digna fóra da prisión. Algún tribunal resolveu
favorablemente. A lea chega ao Supremo e ao Parlamento. O dereito á morte digna
non supón que sexa fora do cárcere, non o di ningunha norma, argúen uns
deputados. O presidente do Senado, que librou por pouco dunha sentenza de morte
emitida polo capo cun chiscar de ollos, ou un aceno, di que era na hora de
tomar o aire cando daba as ordes para matar, polo que non se lle pode permitir
ningunha forma de comunicación coa estrutura mafiosa.
Metido
nunha cela-habitación na que non pode haber nada, agás o material de
enfermería, e na que só poden entrar vinte persoas, entre persoal sanitario e
policías. Ten a posibilidade de
distraerse ollando os tellados de Parma (non esta mal!) pola única
fiestra, pero non pode ver a televisión, nin ler os xornais, nin escoitar a
radio. O persoal sanitario di que o paciente colabora xentilmente pero que é
pouco falador.
Debe
ser para que non se lle escape ningún dos moitos segredos que garda. Só amosa
interese, e exerce o seu dereito, a seguir os moitos xuízos nos que está
involucrado. Como o de Palermo sobre as relacións entre a Cosa Nostra e o
Estado italiano. Dende o hospital lévano de novo ao cárcere, a sala de
teleconferencias, e escoita todos os testemuños sen perder detalle.
Riina
naceu en Corleone, a cen quilómetros de Palermo. Seica cometeu o seu primeiro
asasinato aos 19 anos. En 1969 pasou á clandestinidade e comezou o seu ascenso na
estrutura mafiosa. Agochado, dunha casa noutra, e unha vida extremadamente
austera. En 1993 prendérono, ten 13 condenas a cadea perpetua. O seu veciño
corleonés, Bernardo Provenzano, sucedeuno na xestión das operacións. Ao
substituto executivo detivérono en 2006, tras 43 anos agochado. Faleceu no
cárcere en 2016.
Dise
que Riina matou persoalmente 200 persoas e que tanto nas guerras internas entre
as familias como na guerra terrorista contra
o estado para conseguir un mellor trato aos mafiosos presos causaría outras
catro mil. En maio e xullo de 1992 as bombas dos corleoneses causaron as
masacres que remataron coa vida dos maxistrados Giovanni Falcone e Paolo
Borsellino e outras moitas persoas. Meses despois pillárono.
Riina
non é o máis vello dos capos. Pode o estado democrático deixar que Riina ou
Farinello (95 anos) poidan preparar un pouco de pasta en Corleone? A pasta con
tomate, pois, como di a canción: “un piatto di
pasta senza pomodori e como un giardina seza fiori” e facendo
a mestura no prato, co garfo, remexendo paciente, como nos ensinou Toni Soprano.
Será
tan feble o estado democrático italiano? Ou as pantasmas provocan sombras aínda
tan alongadas?
Sábado, 17 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario