Parte do equipo de Fariña. Foto @DR-Redons |
Aos
narcos da Arousa perdéronlle o respecto. Cada certo tempo róubanlle algún
correo. Iso antes non pasaba. Antes é cando os novos, a xeración dos oitenta que
emerxía sobre o tabaco e a corrupción sistémica cimentada en catro décadas de
franquismo.
Daquela
a nova formalidade plural, as ganas de estourar tal como as burbullas coutadas
na garrafa de espumante, as ansias do novo réxime, aínda atuitiñante, de
acougar e controlar os ánimos transformadores da mocidade, alentaron uns a
cabalgar no precipicio, outros a facelo sobre potentes planeadoras, sementando
cartos e dor, camiño do cavorco. Quen queira pode rememoralo no Futuro Imperfecto (Galaxia, 2010) no que
Xulia Alonso rescatou para todos nós e para min a lembranza do breve camarada
Nico.
Nun
ambiente de mudanzas que podía poñer o anterior en cuestión, mesmo ata chegar a
desobedecer os xefes do clan. Os vellos contrabandistas de Winston, enxertados
no franquismo e despois no fraguismo, foron arrombados polo vigor xuvenil que
navegando nas ansias de riqueza e poder deron o salto definitivo á inmoralidade, exculpada polo recoñecemento
social, que iniciaran os vencedores en 1936 acumulando poder social e económico
nas catro décadas de infamia.
Manuel
Charlín, Sito Miñanco, Laureano Oubiña seguen vivos e derrotados polas súas
estridencias e, sobre todo, polo valor dunhas nais feridas que tiñan que
contemplar os cadáveres dos seus fillos non sobre o escudo glorioso, como as
espartanas, senón envorcallados na inmundicia da usurpación da vontade.
Comezou
a rodaxe da serie Fariña, homónima do
libro (Libros del K.O.) de Nacho Carretero. Seica a primeira tempada, de dez
capítulos, vaise centrar na década dos oitenta. Os actores galegos, os
protagonistas ben coñecidos, a proximidade dos feitos, a dureza dos mesmos, a
fortaleza social que os derrotou,... todo apunta ben... logo, veremos.
Daquela
falábase dunha Galicia semellante a Sicilia. Como se en Sicilia só houbese
mafia e en Galicia narcos. Na verdade nunca houbo semellanza algunha entre os
“capos” da droga galegos cos seus pazos, ferraris, planeadoras, restaurantes,
dispendios, prender puros con billetes de mil, xenerosas compras de vontades,
de billetes premiados na lotaría, de terras para viñedos... con Totò Riina o
“capo di capi”, o verdadeiro Corleone. A verdade é que os galegos tampouco
tiñan nada que ver cos imaxinados por Puzzo-Coppola, nin co vello, nin co novo.
Venres,16 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario