xoves, xuño 22, 2017

Arte no chan ou a arte polo chan?

Hai un tempo faciamos un comentario sobre pintar as medianeiras e recolliamos un chisco do debate aberto ao respecto entre os apocalípticos, que as descualifican  por consideralas meros intentos de encubrir a fealdade e por confundir arte con decoración, e os integrados, que nos remitían “ás paredes soñadas” de Lugrís, aos grandes do renacemento ou aos muralistas mexicanos.


O domingo batín, nesa mostra de arte popular efémera que son as alfombras do Corpus, cunha alteración non banal. Resulta que un dos grupos participantes nesta expresión colectiva optaron por innovar, por romper coa monotonía temática e estilística, mesmo por coutar a explosión colorista sen saír dos canons tradicionais de dimensión, liñas, etc.

Non foron tan atrevidos como os rupturistas de Mañufe que, en Gondomar, o ano pasado, ousaron unha alteración substancial  deseñada por un rapaz novo, estudante universitario, aproveitando dous pasos de cebra nos que, nun xogo de simetría, puxo a andar aos Beatles  e no eixe situou un circulo floral que lembraba un cd. Rompía coa tradición temática, suficiente para singularizala, e coa estrutural; a alfombra rachábase para que a xente puidese observar e pasar por entre os mantos florais, fracturaba non só a común base rectangular senón tamén o tradicional espazo ocupado, a estrada, para agatuñar, de cando en vez, pola beirarrúa. Chamáballe o mozo ideador “intervención urbana”. Coido que, infortunadamente, este ano non tivo continuidade. Era un magnifico camiño a seguir.

Dicía entón que en Ponteareas non foron quen de avanzar na dirección indicada polos de Gondomar. Ora, en certo xeito atrevéronse coa ruptura temática, aínda que non foron quen de arriscarse á máis mínima innovación estrutural dunha manifestación creadora marcada pola tradición e a cultura relixiosa, e social, máis conservadora.

Apostaron por unha especie de popularización da gran creación artística e incorporaron nomes consagrados da arte aos seus deseños floristas. Alí estaban referencias ao guernica picassiano, as meninas velazqueñas e a nosa Maruja Mallo que, seguro, dende o máis alá, aledaríase moito de que a súa paisanaxe a lembrase neste ano a ela dedicado.

Mentres, miles de guiris populares non deixaban de darlle ao trebello móbil para retratar o chan inzado de cor. Tal como os guiris intercontinentais cando van por tras dunha bandeiriña en calquera cidade turística.

Luns 19 de xuño de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario