martes, xuño 20, 2017

Sobre poteiras e outras mafias II

Algúns grupos de comunidades con fortes trazos de identidade, en territorios adversos, teñen a pulsión de balancearse no linde da legalidade social e moral e pasar á outra beira se se senten agredidos e se ven con forzas para asegurar a supervivencia ou o benestar do seu clan. Coñecémolo a través da cinematografía, agora das series, norteamericanas sobre italianos, irlandeses, polacos, etc.

Aquí polo sur non temos moinantes ou mercheros pero si xitanos ou romanís. Seica en Galicia hai uns nove mil, moitos máis que os aproximadamente 600 moinantes. Merchero parece que procede da voz castelá “mercero”, referido aos vendedores ambulantes de mercería, práctica tamén común, na actualidade, entre as xentes de etnia xitana.

Polas terras de Turonio temos un clan famoso, o dos “Morones”, parece que liderado por un Giménez, Sinaí. Durante anos protagonizaron duras disputas, que de cando en vez recollían os xornais, polo control dos postos de venda nos “mercadiños” da zona. Din, algunhas novas da prensa, que os Giménez argallaron unha especie de cooperativa á cal tiñan que pertencer os vendedores que quixesen poñer o seu posto nas feiras. Din que tiñan que pagar un imposto mensual, apuntan a 100 euros, pola reserva e unha cantidade se este se montaba. Hai uns anos estourou a guerra ao negarse os xitanos zamoranos a pagar. A súa actitude supuxo a condena de desterro sobre 400 familias do Porriño que marcharon cara a Castela. Logo regresaron, coa intermediación da Fiscalía de Galicia. Reiteraron a negativa e  a guerra continuou con pelexas, navalladas e disparos.

A principios do ano pasado un cento de gardas civís, especialistas en explosivos, un helicóptero e cans adestrados rodearon na madrugada a casa dos Giménez na Rotea, en Amorín, no concello de Tomiño. Rexistrárona minuciosamente durante horas así como outras casas e almacéns. Non se opuxeron.

Detiveron dez ou doce membros da familia, pais, irmáns e muller do xefe do clan. Algúns deles, incluído o líder Sinaí e o patriarca, ingresaron no cárcere de A Lama entre fortes medidas de seguridade, xa que alí están presos algúns dos membros do clan rival, o dos zamoranos. Entre outros xogos de distracción os Giménez chegaron a presentar candidatura, encabezada por Sinaí, ao concello de Vigo, poñerse enfermos, retardar e dificultar a apertura da caixa forte, etc...

As acusacións contra os membros do clan van dende pertenza a organización criminal, extorsión, coacción, ameazas, fraude á Seguridade Social, tráfico de drogas, tenza ilícita de armas, branqueo de capitais... e porque non hai máis.
De cando en vez regresa á prensa por algún que outro xuízo. Hai un tempo, a Marino Giménez xulgárono e condenárono a sete anos por organizar un falso control de tráfico, co complot dun garda civil, para roubarlle a droga a dous narcos arousáns. Cada certo tempo saen notiñas breves con novas semellantes, ás veces en vez de roubarlle a droga ao narco, róubanlle xa, directamente, o saco dos cartos, para aforrar traballo.

Estas cousa viñéronme ao maxín porque acabo de ver as dúas primeiras tempadas da serie británica Peaky Blinders, sobre unha familia de gánster medio xitanos no Birmingham  dos anos inmediatos á Gran Guerra, co trauma da mesma, a miseria dos barrios populares, a violencia, o alcoholismo das clases baixas, o IRA e as desavinzas irlandesas, os comunistas con forza obreira e un sinistro xefe de policía movido por un aínda máis sinistro responsable político chamado Wiston Churchill , na altura ministro para as colonias e responsable das negociacións do tratado anglo-irlandés.

Todo cunha estética próxima ao punki, filmada con elegancia, grandes interpretacións, de xeito especial a de dous dos irmáns Shelby, música vibrante. Unha atrevida aposta para unha serie de televisión con lixeiras similitudes, temáticas e temporais, coa producida e dirixida, o capitulo piloto, por Martin Scorsese, Boardwalk Empire.

Veume ao maxín porque na recomendable serie británica hai momentos en que o guión cae, ou mellor non é quen de manter o alto nivel. Seguro que se o guionista coñecese  o clan dos Morones sería capaz de imaxinar novas situacións para as andanzas do clan dos Shelby.


Xoves, 15 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario